Biomasa Forestal, o pellet con valor de marca

A empresa, a maior fabricante peninsular de pellets, esfórzase por consolidar o selo Galicia Calidade no ámbito da biomasa como unha referencia de orixe e de bo facer. “O pellet galego pode acadar no sector da bioenerxía a mesma sona que o albariño no mundo dos viños”, comparan

Biomasa Forestal, o pellet con valor de marca

Exportación de pellet de Biomasa Forestal a través del puerto de Ferrol. / Imágenes: Biomasa Forestal.

O principal fabricante peninsular de pellets de madeira para caldeiras é Biomasa Forestal, unha firma ubicada nas Pontes que produce cada ano arredor de 60.000 toneladas de pellets. As tres cuartas partes do seu mercado sitúanse en España, en tanto o 25% restante da súa produción expórtase ó resto de Europa. Os esforzos de Biomasa Forestal oriéntanse a crear valor de marca arredor do pellet galego no mercado da bioenerxía.

A planta das Pontes abastécese nun 75% de madeira de puntal de piñeiro, tanto de piñeiro do país (pinus pinaster) como do insigne (pinus radiata), unha materia prima que Biomasa Forestal considera óptima para producir combustible de calidade.

Certificacións
Os pellets da empresa contan coas máximas certificacións do sector a nivel de calidade, como a ENPlus A1 ou a DINplus, e recentemente obtiveron tamén o selo SBP (Sustainable Biomass Partnertship), unha distinción que lles permitirá comercializar a súa produción a nivel internacional con centrais térmicas que producen enerxía eléctrica con biomasa.

Recepción da madeira.

Recepción da madeira.

A estratexia de promoción da empresa aséntase ademais sobre o selo Galicia Calidade, unha marca que en Biomasa Forestal consideran fundamental para convertir os pellets galegos nunha referencia de orixe e de bo facer. A propia Biomasa Forestal está a promover o uso do selo polo resto de fabricantes de Galicia de cara a consolidar unha imaxe conxunta de marca sólida.

Galicia Calidade
A diferenciación dos pellets galegos doutros de importación resulta clave tanto en Galicia como nos mercados exteriores. Un dos intereses do consumo do pellet radica en que é neutro a nivel de emisións de dióxido de carbono, pois a madeira en combustión emite o mesmo CO2 que anteriormente capturou a árbore da atmósfera, o que supón beneficios ambientais en relación ós combustibles fósiles.

Almacén de viruta verde.

Almacén de viruta verde.

A importación de pellets en barco constitúe unha ampliación da pegada de carbono do produto, polo que se recomenda o consumo de produto local sempre que sexa posible. Doutro lado, os pellets de importación, ás veces envasados en Galicia, non sempre contan coas correspondentes certificacións de calidade, polo que xeran problemas como unha combustión máis rápida ou emisións e cinzas que perxudican ós sistemas de calefacción.

Biomasa Forestal aspira a crear un mercado máis transparente no mundo do pellet a través do selo Galicia Calidade, que identifica ós pellets producidos na comunidade coas correspondentes garantías. De cara á exportación, tamén se quere crear un valor de marca.

“O pellet galego pode acadar no sector da bioenerxía a mesma sona que o albariño no mundo dos viños” -comparan na dirección de comunicación da compañía.- “Trátase de posicionarse no mercado cun valor de marca que evite no posible as vendas a través de intermediarios, sen unha diferenciación do produto no mercado”.

O uso da biomasa forestal para usos industriais e para caldeiras domésticas e de equipamentos públicos constitúe unha tendencia en expansión en Galicia e no resto de Europa. As cifras de negocio do sector medrarán arredor dun 40% ata o 2030, según as previsións de consultoras internacionais.

A empresa, en datos

Produción e vendas
A cifra neta de vendas durante o 2015 foi de 7 millóns de euros, unha cuantía un pouco inferior ás previsións, fundamentalmente polas cálidas temperaturas do pasado outono-inverno e polos baixos prezos dos combustibles fósiles, que están a retrasar investimentos na renovación de caldeiras. Para o 2016, Biomasa Forestal prevé unhas vendas de 8,5 millóns de euros e 60.000 toneladas de produción.

Pellet rematado.

Pellet rematado.

Proceso
A produción de pellets nútrese principalmente de puntal de piñeiro, que se descorteza e se transforma en estelas. A continuación, as estelas introdúcense nun secadoiro e logo moense. O resultado final do proceso é o pellet, conformado por óvulos de madeira de forma cilíndrica de entre 1 e 4 centímetros de longo e 6 milímetros de diámetro.

I+D
Biomasa Forestal é socio do proxecto europeo EnerbioScrub, que ten por obxectivo recoller biomasa arbustiva para previr incendios. Ese mato é transformado para o seu aproveitamento como biocombustible. Polo de agora, a empresa recolleu 345 toneladas de mato, fundamentalmente toxo, da área mineira restaurada por Endesa nas Pontes. Con esa materia prima, producirá arredor de 250 toneladas de pellet.

Investimentos
A compañía investirá 800.000 euros durante o 2016 para aumentar a súa capacidade de produción e anticiparse a un probable aumento na demanda de pellet. Desde o 2013 investiu máis de 2 millóns de euros e pasou de 5 a 23 traballadores.

Ampliación de capital
Para facer fronte ós investimentos, Biomasa Forestal procedeu no 2015 a unha ampliación de capital de 1,7 millóns de euros. Xesgalicia suscribiu un millón e García Forestal 700.000 euros. A empresa queda participada nun 59,6% por NTB (Grupo Gestán), nun 25,8% pola Xunta de Galicia e nun 14,4% por García Forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información