Vantaxes do grao húmido respecto á fariña de millo nas ganderías de vacún de leite

Nos últimos anos cada vez son máis as ganderías de vacún de leite que fan grao húmido cunha parte do millo forraxeiro para reducir así os custos de alimentación. Ángel Ávila, experto consultor para explotacións de vacún de leite, ofreceu unhas recomendacións sobre como facer grao húmido e as súas vantaxes nutricionais e económicas na xornada Dekalb+Silo celebrada este ano en Santiago de Compostela. Son estas...

Vantaxes do grao húmido respecto á fariña de millo nas ganderías de vacún de leite

Moendo o millo para grao húmido. Foto: DEKALB

Nos últimos anos cada vez son máis as ganderías de vacún de leite que deciden reservar unha parte da súa superficie de millo forraxeiro para destinala a facer grao húmido, e reducir deste xeito o custo da ración.

Para coñecer máis sobre as vantaxes non só económicas senón tamén nutricionais do grao húmido, a firma de sementes Dekalb convidou na súa xornada anual celebrada en Santiago de Compostela a un dos expertos de referencia en asesoramento nutricional ás granxas de vacún de leite, o consultor Ángel Ávila.

Máis enerxía que a fariña de millo

GRAO HUMIDO ANGEL AVILA 1

Como punto de partida destacou as vantaxes do grao húmido con respecto á fariña de millo:

-O grao húmido ten un 13,7% máis de enerxía que a fariña de millo: 1,24 UFL fronte a 1,07.

-Deste xeito, 1 kg de fariña de millo equivale a 1,3 kilogramos de grao húmido.

-O picado do grao húmido mellora a súa compactación.

-O grao húmido mellora a fermentación láctica.

-O grao húmido ten tamén unha mellor dixestibilidade do almidón: En concreto, mentres a fariña de millo ten unha dixestibilidade no rume da vaca do 46,51% ás 7 horas de ser inxerida, no caso do grao húmido esta porcentaxe elévase ao 68,95%, se o silo se abriu en decembro, uns dous meses despois de ser picado. Porén, se se agarda máis tempo á apertura do silo, e ao igual que sucede co ensilado da planta completa, a dixestibilidade do almidón increméntase de xeito notable: sobe até o 78,91% se se agarda ata marzo. E máis dixestiblidade do almidón significa máis leite que produce a vaca e menos almidón que é excretado polo animal e que vai á fosa de xurro.

GRAO HUMIDO ANGEL AVILA 3

Recomendacións para facer o grao húmido

Por outra parte, Ángel Ávila tamén ofreceu unhas recomendacións para realizar correctamente o silo de grao húmido. Son estas:

-A porcentaxe de humidade do millo debe estar entre o 32 e o 35%.

-A moenda pola máquina debe facerse entre 0,9 e 1,25 milímetros para mellorar o acceso do almidón ás bacterias lácticas.

-O enchido e o peche do silo debe facerse o máis rápido posible, para lograr a anaerobiose, é dicir, a ausencia de osíxeno.

-Cando máis tempo se tarde en abrir o silo de grao húmido maior será a súa dixestibilidade.

23000 euros ao ano de aforro para unha gandería de 100 vacas

En canto ás vantaxes económicas, o consultor estimou que producir unha tonelada de grao húmido cóstalle ao gandeiro uns 145 euros, a metade que os 310 euros que rolda unha tonelada de fariña de millo.

Extrapolados os datos a unha gandería de 100 vacas, substituír os 4,76 kilos diarios de fariña de millo na ración por 6 kilogramos de grao húmido producido na explotación, supón un aforro anual duns 23.000 euros. En concreto, supón pasar dun custo de 54.000 euros a 31.750 euros.

Velaquí a comparativa dos resultados:

GRAO HUMIDO ANGEL AVILA 6

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información