Así funciona o CAVI, o maior centro de forraxes de Galicia para vacún de leite

Ángel Miranda analiza o funcionamento e detalla algunhas das decisións que se toman para lograr óptimos resultados no Centro de Alimentación de Gando Vacún (CAVI) que a cooperativa Clun ten na Mariña e que é un modelo cooperativo na xestión de forraxes

Así funciona o CAVI, o maior centro de forraxes de Galicia para vacún de leite

Traballos de ensilado no CAVI nunha campaña pasada.

O Centro de Alimentación de Gando Vacún (CAVI) que a cooperativa Clun ten no concello de Barreiros, na Mariña, converteuse nunha opción fundamental para boa parte das gandarías de vacún de leite da zona, que delegaron neste servizo a alimentación do seu gando. “Trátase dun modelo de xestión da alimentación onde a externalización de servizos levouse ao seu máximo expoñente”. Así definiu o CAVI Ángel Miranda, director da División Agrogandeira da Cooperativa Clun, na celebración das II Xornadas Delagro de Forraxes e Pastos celebradas en días pasados. Pero, é rendible delegar así a produción de forraxes da granxa?

Para Miranda, a creación do CAVI foi o paso lóxico para reunir todos os servizos en alimentación que xa estaba a ofrecer a cooperativa e ao mesmo tempo dar solución a algunhas das problemáticas ás que se enfrontaban as gandarías. Hoxe neste centro xestionan unhas 30.000 toneladas de silo de millo e entre 10.000 e 15.000 toneladas de silo de herba. Estas cifras atópanse por baixo da capacidade actual dos seus 14 silos, deste xeito teñen un stock para abastecer a demanda durante polo menos 4 meses para non abrir silos até pasados 3 meses.

Cavi-Clun-

O CAVI xestiona unhas 30.000 toneladas de silo de millo e entre 10.000 e 15.000 toneladas de silo de herba. 

Por unha banda, a cooperativa contaba cun parque de maquinaria para facer os labores agrarios, analizaba as forraxes e propuña un penso á carta para o manexo da gandaría, servía o penso complementario ás forraxes de cada granxa, xestionaba a subministración de forraxes deshidratados e palla que necesitaba adquirir e até realizaba a mestura unifeed na gandaría co parque de carros autopropulsados. Por iso, a creación deste centro foi o paso loxico para aglutinar esta xestión das forraxes e a alimentación cun modelo cooperativo.

“O mero feito de mover as forraxes incrementa o custo por animal, pero non ten porque incrementarse o custo por litro de leite”: Ángel Miranda, División Agrogandeira Clun

“Eramos conscientes de que o mero feito de mover as forraxes incrementaría o custo por animal, pero non tiña porque incrementarse o custo por litro de leite, xa que buscamos manter a rendibilidade da gandaría”, explica. Con este sistema de servizo de alimentación, a cooperativa tamén respondeu ós retos dos socios, como a escaseza de man de obra nas granxas, a dificultade para lograr forraxes de calidade e manter a estabilidade na ración á vez que evitaban investimentos en silos e maquinaria. “O sistema CAVI é unha forma de diluír o risco dos ensilados, xa que aínda que un silo o pille a choiva non se arrisca tanto como cando isto pasa no silo dunha única granxa”, explica.

Orixe da forraxe

O CAVI proporciona unha solución non só para as vacas en produción senón tamén para as secas e a recría, para as que propoñen unha mestura seca e que serven en pacas para reducir custos, en lugar de húmida como a pensada para os animais en lactación. “Pretendiamos dar un enfoque amplo ao servizo para ofrecer ao socio a posibilidade de delegar por completo a xestión da forraxe. Queriamos transformar un agricultor con vacas nun gandeiro con terras”, concreta Miranda.

“Queriamos transformar un agricultor con vacas nun gandeiro con terras”

O ensilado prioritario no CAVI é o millo, seguido do ensilado de Ray Grass. Tamén teñen mesturas de cereal e leguminosa e en función da evolución da campaña optan por realizar ensilado con pulpa fresca de remolacha procedente de Baeza, en anos adversos para a produción do millo; ou realizan pastone cando teñen excedentes deste cereal. As mesturas para recría e vacas secas son feitas a base de alfalfa, veza e Ray Grass deshidratadas xunto con palla picada.

A maior parte da forraxe do CAVI procede dunha xestión integral que realiza a cooperativa en parcelas cedidas polos socios, de modo que Clun asume os gastos e riscos da colleita e realízase un pago único ao propietario a finais de ano. Nas parcelas válidas para millo a hectárea págase a 300 euros e nas destinadas a herba o seu prezo é de 180 euros ao ano.

O CAVI tamén se abastece de forraxe que o propio socio cultiva e xestiona. Nestes casos é o gandeiro quen asume os riscos do cultivo e a cooperativa encárgase do transporte até o CAVI. En función da calidade do millo (materia seca e almidón) establécese un pago por tonelada. Así, para un gandeiro cuns 40.000 quilos de materia verde de millo por hectárea e un 33% de materia seca, o prezo rolda os 48 euros por tonelada co que obtería case uns 2.000 euros por hectárea. Para o pago da herba utilizan unha fórmula coñecida como do Valor Relativo de Forraxe, da Universidade de Minnesota, á que inclúen unha penalización aos silos que teñan por baixo dun 12% de proteína.

O 50% do millo págase a finais de ano e o restante repartido en 12 pagos. Na herba a metade do pago faise a 31 de xullo e o 50% restante nos 12 meses seguintes. A maiores ofrecen unha prima aos gandeiros que consome mestura húmida pero producen máis forraxe do que necesitan nas súas granxas. A cooperativa compra ademais unha parte da forraxe a terceiros en función da evolución da campaña. 

Procedencia de millo no CAVI. En azul o millo procedente de leiras de Xestión Integral, en laranxa o procedente da Compra a Socios e en gris a Compra a Terceiros.

Procedencia do millo para ensilar no CAVI. En azul o millo procedente de leiras de Xestión Integral, en laranxa o procedente da Compra a Socios e en gris a Compra a Terceiros.

O centro CAVI xestiónase cunha planificación previa de 2 anos e manexando históricos por leira para optimizar a produción. Á marxe do servizo que ofrece aos socios que teñen contratado o catering, vende forraxe a outros gandeiros que poidan precisalo. “O CAVI funciona como un colchón para os produtores de forraxe, comprando excedentes ou proporcionando millo verde ou forraxe ante malas colleitas”, detalla Miranda.

Criterios para lograr forraxes de calidade no CAVI

A planificación e control son dúas das claves para lograr forraxes de calidade no CAVI. Supervisan a fertilidade dos seus terreos mediante analíticas periódicas do solo cada 4 anos para corrixir o PH e optan por fertilizacións á carta. “As fórmulas Profer que ofrece Delagro na súa fábrica de As Pontes (A Coruña) permítennos unha gran versatilidade para adaptarnos ás necesidades dos nosos solos”, valora.

Organizan unha rotación de cultivos co millo, na que apostan pola produción de herba debido aos beneficios que lles achega na ración ou na PAC. Así, un terzo das súas parcelas queda sen sementar cultivos de inverno, noutro terzo sementan cereal e leguminosas co obxectivos de realizar un corte cedo, xa en abril; e deixar a parcela lista para sementeira do millo. No outro terzo de terras aproveitan dous cortes de Ray Grass.

Colleitan o millo con alomenos un 33% de materia seca. Priorizan o ciclo á variedade de millo

No cultivo de millo priorizan o ciclo en lugar da variedade, para lograr que o gran estea maduro na recolección. Fan controis a mediados de agosto para estimar a produción que terán e decidir se compran, venden ou realizan pastone nesa campaña. O millo cultívano cun mínimo dun 33% de materia seca, é dicir, cando no gran de millo só queda un terzo de leite, na punta.

recoleccion-maiz-CAVI-

No canto de empregar tractores para a recollida do millo empregan estes modelos de colleitadora e o seu transporte realízanno en camións.

Nunca estipulan unha altura de corte fixa, senon que pasa a ser unha decisión do maquinista. A altura é unha ferramenta tanto para regular a calidade como a cantidade de silo. “Por cada 10 centímetros que elevamos o corte perdemos uns 2.800 quilos de materia fresca”, apunta. Así, cando se pasa dos 25 centímetros dun corte habitual, a 75 centímetros pérdese un 18% dos quilos totais do ensilado por hectárea e só se perde un 4% de enerxía, o tempo que se consegue un silo de millo máis concentrado, cun 12% máis de enerxía por cada quilo de materia seca, explica o experto.

Nos seus silos sempre utilizan aplastador e inciden en ter un ritmo de picado e transporte acorde ao que se está pisando no silo, xa que é determinante para optimizar o silo e reducir as perdas. Procuran estender o silo en capas moi finas e paralelas para lograr a súa homoxenización e evitar variacións na ración. Buscan un bo compactado, da orde de entre 270 e 300 quilos de materias seca por metro cúbico, o que supón unha densidade de entre 800 e 850 quilos de silo por cada metro cúbico. Tamén coidan o tapado do silo e empregan un plástico de filme ademais da lona para atallar as perdas. Segundo distintos estudos utilizar este plástico intermedio e fino permite reducir á metade as perdas, o que no seu caso podería chegar a supor ao redor de 115.000 euros ao ano.

Custos de producir silo de millo

En base aos datos solicitados ao longo destes anos en funcionamento, o custo medio para producir unha hectárea de millo na Mariña sitúase ao redor dos 1.740 euros, segundo os datos propios da última colleita. En función da produción, o prezo da tonelada por hectárea pode pasar dos 58 euros, se se logran 30 toneladas, ou pode abaratarse até os 43 euros se se ten unha produción de 40 toneladas. O custo das materias primas coas que complementar na ración o silo de millo será o que determine se este custo é elevado e a rendibilidade do silo. Deste xeito, cun prezo de millo a 240 euros por tonelada e da soia con 350 euros por tonelada, o interese no silo de millo estaría nos 67 euros por tonelada e no caso da herba nos 62 euros por tonelada.

Una idea sobre “Así funciona o CAVI, o maior centro de forraxes de Galicia para vacún de leite

  1. Jose luis Farah Paz

    Felicitaciones a todo el equipo de Clun… q sigan los éxitos.!!
    Cuando tengan nuevas formulas e informes, les agradecería recibirlos. Les envío mi correo o por mi celular. Gracias
    +59176009000
    Atte
    Jose Luis Farah Paz
    Santa Cruz, Bolivia

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información