A asociación Gandeiros Galegos da Suprema desprazarase este venres en Madrid para levar a cabo unha manifestación diante do Ministerio de Agricultura coa que esixir prezos xustos para a carne en orixe, unha redución da burocracia excesiva que afoga ás explotacións e cambios nos requisitos establecidos na nova PAC e as novas normativas de abonado e fitosanitarios.
A marcha de protesta partirá ás 12:30 horas da Porta do Sol e a asociación porá autobuses a disposición de todas aquelas persoas que queiran acudir desde Galicia. Os autocares partirán desde a cidade de Lugo ese mesmo día ás 4 da madrugada (xunto á gasolineira de Gasóleos Ceao) e farán dúas paradas máis para recoller xente en Baralla (Restaurante Fonte da Salud) e Pedrafita do Cebreiro (na gasolineira).
O que nos esixen para poder producir é inviable, imposible de cumprir
A data límite para inscribirse será este mércores día 28 para poder confirmar a dispoñibilidade de praza nos autobuses. A reserva pode realizarse chamando aos teléfonos 661303166, 645550395, 647746626 e 630665230. A hora aproximada de chegada de volta a Lugo está prevista para as 11 e media da noite.
“O máis importante para nós é garantir prezos xustos en orixe”
Con esta manifestación en Madrid, os produtores galegos de carne de vacún pretenden “sumarse á ola de protestas que está habendo por toda Europa e poñer enriba da mesa os problemas do sector”, explica Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema.
Máis aló de compartir “o que está todo o mundo pedindo e reivindicando nestas últimas semanas” os produtores de carne de calidade galegos fan fincapé nunha serie de cuestións que lles afectan especialmente na súa actividade.
“O máis importante para nós é dotar ao campo duns prezos xustos en orixe, ese é o noso cabalo de batalla desde que se creou a asociación, porque se non temos prezo mal podemos cumprir todos estes requisitos que nos queren impoñer”, argumenta Santiago Rego.
O consumidor paga un prezo cada vez máis alto pola carne pero iso non se traslada ao produtor
“O que nos esixen é inviable”, asegura, e pon como exemplo as novas normas sobre abonado. “O Real Decreto de xurros e estercos non ten nin pés nin cabeza, sobre todo nas ganderías de carne, moitas delas ubicadas en zonas de montaña. Demostran que non teñen nin idea de como é a orografía de Galicia e o noso sistema de produción. Non é viable usar grandes cisternas de tubos colgantes para o purín nin enterrar o esterco cando o saquemos dos establos”, asegura.
Flexibilixación da PAC
En canto ás condicións fixadas en moitas das axudas da nova PAC, “limita moito que poidamos pedila”, di Santiago Rego. Por exemplo, explica, “non podemos usar fertilizantes químicos para pedir as axudas agroambientais”. “Buscaban unha PAC máis verde e o único que fixeron foi complicar a vida aos produtores”, resume.
Esiximos que haxa controis estritos ás importacións
Outro dos aspectos concretos que preocupa aos produtores de carne de vacún galegos é o tratado de libre comercio entre a UE e Mercosur, que podería favorecer a entrada de carne a baixo prezo de países como Brasil ou Arxentina. “Nós defendemos que haxa controis estritos ás importacións”, esixen.
“Un país que non defende aos seus produtores está perdendo a súa soberanía alimentaria, ao final iremos desaparecendo as granxas familiares e quedarán os grandes lobbies da alimentación, que ditarán as súas normas e porán os prezos que queiran”, alerta.