Os últimos datos de entregas de leite, correspondentes ó mes de febreiro, apuntan a que a campaña que rematou o 31 de marzo saldarase cun lixeiro rebasamento da cota láctea dispoñible en España. En febreiro, por segundo mes consecutivo, os gandeiros, conscientes da posible supertaxa, entregaron menos leite que a campaña anterior (6.000 toneladas menos). Con todo, as proxeccións para o fin da campaña indican un sobrepasamento dunhas 50.000 toneladas, salvo que se producise unha baixada brusca das entregas rexistradas en marzo.
A campaña 2014-2015 foi a última na que estivo en vigor a cota láctea, unha circunstancia que obrigaba ós produtores a cinguir a súa produción ós dereitos dispoñibles. Cos datos de febreiro, arredor dun 30% dos gandeiros galegos xa superara a súa cota a un mes do fin da campaña, unha porcentaxe similar a estatal (26%).
De haber supertaxa, a multa afectaría principalmente ós gandeiros con maior sobrepasamento, que en Galicia son uns 300 que a finais de febreiro xa produciran máis do dobre da súa cota.
Prezos
En febreiro, o prezo medio en orixe a nivel estatal foi de 32,7 céntimos o litro, unha cifra similar ós 32,6 do mes anterior. Galicia continúa á cola das cotizacións, con 30,6 (polos 30,5 de xaneiro). Contrastan os datos da comunidade con outros da cornisa cantábrica, como os 35,5 de media en Asturias ou os 32,3 de Cantabria.