Areeiro recomenda extremar a protección das vides na floración

Publicidade
Areeiro recomenda extremar a protección das vides na floración

Botóns florais, floración e froito callado no mesmo acio. // Foto. Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

Viñas en plena floración, outras aínda por abrir e hai nas que xa comeza a formarse o froito. Os viñedos da provincia de Pontevedra atópanse entre a prefloración e a floración, un dos períodos máis transcendentais na produción de uva, polo que dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, inciden na importancia de revisar os viñedos e extremar a protección fronte ás principais enfermidades fúnxicas.

“Hai unha diversidade de estados segundo as viñas, incluso na mesma zona”, apuntan no último aviso fitosanitario emitido polo centro este venres. “Unha mala protección da viña neste momento pode ocasionar importantes perdas e reducir, polo tanto, a futura colleita”, explican dende Areeiro.

Unha mala protección da viña na floración pode ocasionar importantes perdas e reducir a futura colleita

Nas revisións realizadas polo equipo técnico esta semana atoparon manchas de mildio en formación en follas de gromos terminais naqueles viñedos que se atopaban sen protección. Polo momento, acios e pampos estaban libres de síntomas. Ante a previsión de chuvias da próxima semana, dende a Estación Fitopatolóxica recomendan revisar ben as viñas que foran tratadas recentemente e renovar os tratamentos naqueles viñedos que estean próximos a concluír a protección ou que xa non estean protexidos.

Ata o de agora tampouco constataron danos por oídio nos viñedos revisados, porén inciden en manter protexidas aquelas variedades máis sensibles. Recomendan aplicar un tratamento para evitar a incidencia do patóxeno nas vides nas que aínda non se fixo.

Tamén cómpre manter as viñas protexidas contra Black rot, aínda que tampouco detectaron danos as vides están nun período de máxima sensibilidade, sobre todo entre as 2 e 4 semanas despois do comezo da floración.

Aínda coa previsión de choivas de cara a próxima semana, ó tratarse de precipitacións febles o risco de ataques de botrite é baixo. Con todo, os técnicos aconsellan retirar os pampos secos para mellorar a sanidade do viñedo.

O persoal de Areeiro detectou esta semana un incremento doutros parasitos da viña como os glomérulos de Lobesía, aínda que nesta primeira xeración non require tratamentos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información