Areeiro recomenda continuar cos tratamentos para o vector da flavescencia dourada

Publicidade
Areeiro recomenda continuar cos tratamentos para o vector da flavescencia dourada

As feridas en grans favorecen o ataque de botrite e a podredume do acio. // Imaxe. Estación Fitopatolóxia Areeiro.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, da Deputación de Pontevedra, advirte no seu último aviso fitosanitario da necesidade de continuar aplicando tratamentos fitosanitarios contra o Scaphoideus titanus, o cicadelido vector da flavescencia dourada. Inciden na importancia de facer estes tratamentos nos viñedos do sur da provincia de Pontevedra, dado o número de adultos recollidos nas trampas.

“Aplicar tratamentos é unha medida imprescindible para tentar limitar o avance da flavescencia, ademais de eliminar e destruír as plantas abandonadas e prestar atención cando se merquen plantas”, recolle o aviso fitosanitario.

Ademais, xa tiveron avisos dos síntomas de ataques destes cicadelidos nos viñedos. Con todo, alertan que moitas veces, os síntomas confúndense con déficits hídricos, carencias nutricionais ou acidez do solo, por iso as trampas son un método fiable para coñecer a incidencia do insecto e tratar só nos casos necesarios.

Vixilancia fronte ó mildio, oídio e botrite

Tamén recomenda manter a vixilancia de mildio e renovar os tratamentos no caso de que proliferen síntomas ou as precipitacións sexan abundantes nos próximos días. “A vixilancia debe ser elevada nas viñas con uva sa ou poucos danos, pero tamén naqueles predios onde xa se perdeu toda a colleita de cara a reducir os danos para a próxima campaña”, detallan.

Aconsellan manter a vixilancia e renovar as aplicacións de tratamento contra o oídio, cuxos síntomas aínda poden seguir aparecendo ata o pintado. Aínda que non detectaron novos danos por black rot tamén aconsellan incluír materias activas contra este fungo se é preciso facer tratamentos contra mildio ou oídio.

Esta semana detectaron os primeiros acios afectados de botrite nunha variedade temperá sensible, polo que recomendan prestar moita atención á aparición deste patóxeno, sobre todo baixo condicións de elevada humidade relativa ou choivas.

Pola súa banda, as capturas de avelaíñas da uva seguen a ser baixas, pero Areeiro advirte que se ten observado xa a primeira penetración dunha eiruga nas parcelas de seguimento do centro. Ao respecto, anima a manter a vixilancia e facer seguimento ás trampas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información