A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, publicou hoxe o seu boletín fitosanitario no que incide na importancia de renovar os tratamentos contra o mildio na viña e ter en conta a velocidade do vento.
Midio:
“Esta semana volvéronse dar condicións favorables ao mildio boa parte dos días (….) polo que non é de estrañar que o volume de esporas de mildio recollidas no captador situado na contorna das plantas testemuña da nosa viña de Areeiro sufrira un incremento destacable, de valores por debaixo de 20 esporanxios/m3 de aire a superar os 100/m3 e mesmo a chegar a 200”, sinalan.
Ante esta situación e as previsións para esta semana a recomendación dos técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro é renovar os tratamentos contra o mildio naqueles predios nos que se vexan síntomas do fungo e/ou se está próximo a finalizar o prazo de protección teórico do tratamento anterior, considerando que xa só as precipitacións do sábado día 6 reduciron o mencionado prazo.
Evitar os tratamentos con vento
Polo demáis, lembran que estanse a producir ventos de certa intensidade, de máis de 20 Km/h. “Estes ventos -advirten- fan que se movan constantemente as follas e tamén os gromos, xa son incompatibles cuns tratamentos realizados con boas prácticas de cultivo e loxicamente arrastran o caldo fitosanitario fóra das viñas, coas lóxicas implicacións de contaminación desas outras
áreas e falta de eficacia das aplicacións”.
Neste sentido, a recomendación é que se se está a aplicar un tratamento e se dan estas condicións debe deterse e continuar cando volva haber ventos de como máximo 11 Km/h, cando só se moven as follas
“E, aínda que para estes próximos días non se prevén precipitacións, lembren que é importante manter ben rozada a cuberta vexetal do viñedo”, engaden.
Oídio:
Nas parcelas que revisaron os técnicos de Areeiro aínda non atoparon os primeiros síntomas desta enfermidade. Con todo, avisan de que “nalgunhas plantas, as máis adiantadas, xa empeza a haber timidamente algúns acios empezando a floración, e este estado é conveniente protexelo. Por iso, aconsellan engadir un antioídio cando se renove a intervención antimildiu.
Black rot:
Esta semana quizais foi esta enfermidade a que máis se incrementou a nivel xeral, pois apareceron síntomas en todas as zonas, timidamente nas plantas tratadas e de xeito máis evidente nas plantas abandonadas dos muros, que como moito reciben deriva das zonas tratadas, onde apareceron non só no limbo foliar senón tamén nalgúns pecíolos.
Debido a que non hai produtos específicos fronte ao fungo responsable desta enfermidade do Black Rot, aconsellan escoller un antimildio con efecto fronte a este outro patóxeno.