Areeiro conclúe as revisións previas á vendima ante o bo estado fitosanitario do viñedo

Publicidade
Areeiro conclúe as revisións previas á vendima ante o bo estado fitosanitario do viñedo

Estado de maduración de acios de Albariño. // Foto. Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra, remitiu esta semana o último boletín informativo para o viñedo, dada a proximidade da vendima e o bo estado fitosanitario das viñas que constataron nos últimos percorridos realizados.Tendo en conta que boa parte das adegas da provincia levarán a cabo a recollida da uva na segunda semana de setembro e a escasa incidencia que están a ter as pragas máis habituais, o centro acordou finalizar os avisos fitosanitarios para esta campaña.

Nas visitas ós viñedos, os técnicos constataron que as uvas de Albariño presentan xa a cor e aspecto xeral da maduración na maior parte das viñas. Ademais, os resultaron das analíticas de grao que fixeron en cada unha das tres comarcas da provincia ratificaron que a uva está xa en plena maduración.

As últimas chuvias apenas deixaron danos significativos nos viñedos. Pese a que, como cabía agardar, esta semana detectaron máis gromos con mildiu, con frutificación nas follas terminais, así como un avance das manchas vellas, en ningunha das cepas apareceron síntoma da enfermidade nos pampos. Mesmo aquelas plantas que levan sen tratar dende o 18 de xuño ou que estiveron sen tratamentos en toda a campaña tampouco amosaron danos nos pampos. “Sen dúbida as manchas seguirán manifestándose ata a vendima, pero xa sen incidencia sobre a maduración”, explican os técnicos de Areeiro.

As cepas tampouco están a verse moi afectadas por oídio. Os técnicos constataron que o incremento de danos tanto nas follas como de rebuscos afectados polo patóxeno foi mínimo. Aínda que as chuvias propiciaron a aparición de botrite e outras podres da uva nalgúns acios, a presenza desta praga está a ser moi baixa. Mesmo aquelas variedades sensibles como a Treixadura ou Loureira mantéñense con mínimos danos. “Estas observacións amosan que o estado previo das uvas é determinante, pola presenza ou non de feridas, para a aparición do fungo”, informan dende Areeiro.

Nas derradeiras inspeccións constataron tamén un incremento puntual no número de ovos de avelaíñas do acio en viñas do Rosal e do Salnés.

O persoal de Areeiro retomará os percorridos polos viñedos da provincia de Pontevedra unha vez finalizada a vendima para valorar se é preciso realizar tratamentos fronte a mildio ou oídio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información