A Denominación de Orixe Rías Baixas presentou esta mañá en Pontevedra o seu Plan Director 2030, realizado por Boston Consulting Group, no que mostra a estratexia a seguir de cara a 2030. Un documento que foi presentado polo secretario e o presidente do Consello Regulador, Ramón Huidobro e Isidoro Serantes, así como polo director xeral e socio senior, Magín Yañez.
O Plan Director estrutúrase en catro alicerces básicos dos que emanan as liñas estratéxicas que poderían multiplicar case por dous o valor en vendas do D.O. Rías Baixas (segundo os datos empregados para a execución do estudo, a facturación de Rías Baixas estaba en 160 millóns de euros).
Ese catro alicerces básicos pasan por:
-Máis volume sen perder calidade: aumentar a produción, mediante un crecemento controlado e complementado cunha estratexia de valor que asegure a máxima calidade dos produtos da D.O. Rías Baixas
-Máis internacionalización: continuar a aposta pola internacionalización en países estratéxicos, mantendo o posicionamento nacional
-Máis elaboración de viños premium: apostar polo segmento Premium a través dunha maior produción de viños de garda e de crianza: “Trátase dunha importante tendencia do mercado que representa unha excelente oportunidade para os viños de Rías Baixas polas súas calidades”, segundo recolle o Plan Director.
-Máis sustentabilidade e innovación: a través de, por exemplo, da implementación dunha ferramenta común da rastrexabilidade que aproveite os últimos desenvolvementos tecnolóxicos.
Percepción do consumidor
A Denominación de Orixe Rías Baixas é a segunda denominación española en volume de vendas de viño branco. O 66% dos viños de Rías Baixas véndense en España, mentres que o 34% restante faio no exterior, das que ao redor dun 50% expórtanse a Estados Unidos e Reino Unido.
O consumidor valora, como elemento diferenciador, a calidade destes viños brancos. De feito, nun estudo realizado dentro do marco de análise do Plan Director quedou de manifesto que o consumidor, especialmente o internacional, percibe as Rías Baixas como uns viños de alta calidade.
Segundo dito estudo, o consumidor español ten unha alta percepción de calidade dos viños de Rías Baixas, en comparación con outras Denominacións de Orixe competidoras. Internacionalmente, os compradores perciben unha calidade do máis alto nivel neles cun prezo máis baixo en comparación con outras denominacións de idéntico posicionamento. Hai que ter en conta que os consumidores estranxeiros valoran as variedades orixinais (como a albariño, que é autóctona), e tamén a alta calidade.