Case un cento de persoas e entidades beneficiáronse dos tres millóns de euros en axudas para a creación de superficies forestais, tal e como indica a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Estas achegas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.
Esta partida contaba inicialmente cun orzamento dun millón de euros. Logo de recibir un amplo número de solicitudes que cumprían todos os requisitos necesarios para ser beneficiarias da axuda, a Xunta optou por levar a cabo unha ampliación de crédito de dous millóns de euros. Polo tanto, estas axudas contarán a partir de agora cun orzamento de 3 millóns de euros.
Están destinadas á creación de superficies forestais formadas por coníferas de ata cinco especies diferentes, como o piñeiro do país ou o piñeiro silvestre, e ata 21 especies de frondosas, como o castiñeiro, o carballo ou o bidueiro. Nesta liña, as actuacións subvencionables inclúen os gastos de planificación forestal e de área de defensa contra incendios forestais. Entran aí os gastos necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, a adquisición de planta e os gastos de plantación propiamente dita e a área de defensa contra incendios, así como aquelas infraestruturas de acompañamento e obras complementarias.
Así, noventa e nove persoas e entidades puideron beneficiarse destas achegas. Son maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas e as sociedades de fomento forestal.
A partir deste 25 de xullo comezará o prazo para executar os traballos. Este prazo para xustificar e executar finalizará o 15 de marzo de 2024 para todos os beneficiarios excepto ás Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que terán ata o 15 de abril de 2024.
Enlace á resolución:
– Listado de beneficiarios das axudas para a creación de superficies forestais