O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo hoxe en valor a colaboración entre a Xunta e a Fundación da Catedral de Santiago en materia de investigación e innovación para reparar todo aquel patrimonio estrutural en madeira existente no templo que así o precise. O conselleiro coñeceu de primeira man as actuacións de recuperación e conservación realizadas ao abeiro do convenio asinado en 2018 para esta finalidade entre o Goberno galego -a través da Axencia Galega da Industria Forestal e o CIS-Madeira- e a devandita fundación, e posteriormente clausurou a xornada de presentación das intervencións levadas a cabo.
Na visita á Catedral o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez, e polo director da Fundación, Daniel Santos. O titular de Medio Rural destacou que esta cooperación “amosa o compromiso da Xunta coa Catedral compostelá, tendo en conta a súa importancia tanto dende o punto de vista arquitectónico como dende as solucións construtivas”.
En particular, as actuacións realizadas fixeron posible restaurar o baldaquino (na capela maior) con vigas de madeira de castiñeiro da mesma idade que as orixinais, así como os xugos de carballo das campás A Maior e A Prima Salomé (na Torre das campás). Ademais, interveuse tamén nas capelas absidiais da cabeceira do templo -A Branca, Mondragón e O Pilar- mediante estruturas de madeira de castiñeiro. A maiores, restaurouse a cuberta de madeira de carballo de Santa María A Antiga da capela da Corticela.
Neste contexto, o conselleiro destacou o traballo do CIS-Madeira no sentido de “aportar o seu coñecemento e a súa diagnose, tanto neste edificio que nos identifica a todos os galegos como noutros eidos nos que se está traballando”. Engadiu que “a Xunta de Galicia aposta claramente pola construción en madeira e polo traballo destas características, tanto no que se refire á recuperación como noutras solucións construtivas”.