Amplíase ata o 29 de abril o prazo para solicitar axudas para tratamentos silvícolas

A Xunta estende a toda Galicia as accións subvencionables contra as enfermidades fúnxicas defoliadoras do piñeiro

Plantación joven de pino insigne afectada por la banda marrón.

Plantación nova de piñeiro insigne afectada pola banda marrón

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a orde da Consellería do Medio Rural pola que se modifica a convocatoria de 2022 das axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais. En virtude desa modificación, amplíase o prazo de presentación de solicitudes ao estenderse a toda Galicia unha das posibilidades de subvención.

En concreto, a novidade da orde de achegas publicada no DOG o pasado 24 de febreiro, que permitía financiar accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, especificamente en exemplares de piñeiro do país (Pinus pinaster), piñeiro insigne (Pinus radiata) e piñeiro negral (Pinus nigra), amplíase agora ás provincias de Pontevedra e Ourense. Como consecuencia desta modificación, o prazo de presentación de solicitudes amplíase ata o vindeiro 29 de abril.

Por primeira vez, este ano financiaranse as accións silvícolas encamiñadas á prevención de danos causados en piñeirais pola banda vermella e da banda marrón

Cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, estas axudas para accións silvícolas contan cun orzamento de 13,12 millóns de euros (1,33 millóns asignados a este ano e 11,79 millóns para o 2023), que permitirán actuar nunhas 7.000 hectáreas de superficie.

Esta bianualización do presuposto asegura unha necesaria continuidade na actividade das empresas do sector forestal xa que, segundo os datos da Asociación de Empresas Forestais de Galicia (Asemfo), a execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas supón a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo. 

Dúas liñas de axudas

A convocatoria contempla dúas liñas de achegas. Por unha banda, subvencionaranse tratamentos silvícolas como rozas, desmestas, rareos e podas para previr incendios incluíndo, por primeira vez, as rozas en masas de coníferas que inclúan o aproveitamento de resina, dirixidas á creación de descontinuidade tanto horizontal como vertical. Tamén se financiarán as referidas accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras.

Por outra banda, haberá axudas para realizar rareos, desmestas, podas, cortas de formación ou rozas, e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo. Nesa liña, subvencionaranse tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masa inferior aos 30 centímetros e a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros cunha densidade mínima de 50 pés/ha.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información