Convocadas as axudas para tratamentos silvícolas

A orde deste ano inclúe como novidade accións de prevención da enfermidade das bandas en masas de piñeiro, tales como rareos, podas e rozas, para crear descontinuidade horizontal ou vertical e previr así os danos das enfermidades fúnxicas defoliadoras

Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220224/AnuncioG0426-100222-0004_gl.html

Prazo: Ata 24/03/2022

Resumo:

poda piñeiros colmeasO Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan neste 2022 as axudas para tratamentos silvícolas.

Cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, contan cun orzamento de 13,12 millóns de euros (1,33 millóns asignados a este ano e 11,79 millóns para o 2023), que permitirán actuar nunhas 7.000 hectáreas de superficie.

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados desde este venres

Canto aos beneficiarios, poderán solicitar estas axudas as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de subvención, maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común pero tamén as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas,sociedades de fomento forestal e agrupacións forestais de xestión conxunta, así como propietarios particulares.

No que respecta ás accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, tamén poderán ser beneficiarias as fundacións inscritas no Rexistro de Fundacións de Interese Galego. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados desde este venres, día seguinte ao da publicación desta orde de axudas no DOG.

Novidade en masas con aproveitamento de resina

A orde publicada establece dúas liñas de axuda. Por unha banda, subvencionaranse tratamentos silvícolas como rozas, desmestas, rareos e podas para previr incendios, incluíndo, por primeira vez, as rozas en masas de coníferas que fagan o aproveitamento de resina, dirixidas á creación de descontinuidade tanto horizontal como vertical.

Tamén como novidade, financiaranse accións silvícolas de prevención dos danos causados nas masas de coníferas por enfermidades fúnxicas defoliadoras, especificamente en exemplares de piñeiro do país (Pinus pinaster), piñeiro insigne (Pinus radiata) e piñeiro negral (Pinus nigra) nas provincias da Coruña e Lugo.

Mellora de bosques de frondosas caducifolias

Por outra banda, en masas de frondosas caducifolias haberá axudas para realizar rareos, desmestas, podas, cortas de formación ou rozas, así como plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo.

Nesa liña, subvencionaranse tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio da masa inferior aos 30 centímetros e a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros cunha densidade mínima de 50 pés/ha.

Balance: máis de 2.500 beneficiarios nos últimos 5 anos

A Xunta repartiu preto de 67,2 millóns de euros entre os anos 2016 e 2021 no marco destas axudas da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Este investimento público, distribuído entre 2.621 beneficiarios, permitiu actuar en 36.653 hectáreas de terreo con accións silvícolas.

A bianualización do presuposto, sinala a Consellería, asegura unha necesaria continuidade na actividade das empresas do sector forestal. Segundo os datos que manexa a Xunta, a execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas supón a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información