Alerta pola presenza dos primeiros síntomas de black rot nas viñas galegas

A Estación Fitopatolóxica Areeiro recomenda tamén controlar a vexetación para evitar que reteña humidade e dificulte a aireación na contorna das vides

Publicidade
Primeiros sítomas de Black Rot. Foto: Estación Areeiro

Primeiros sítomas de Black Rot. Foto: Estación Areeiro

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda seguir mantendo un alto nivel de vixilancia das viñas ante a presenza dos primeiros síntomas de black rot e o avance do mildio. Tamén aconsella controlar a vexetación para evitar que reteña humidade e dificulte a aireación na contorna das vides.

Desde a publicación do último aviso fitosanitario, a mediados desta semana, téñense detectado os primeiros síntomas de Black rot en plantas abandonadas do Condado. Aínda que non apareceu nas vides tratadas, o tempo húmido favorece a este fungo polo que Areeiro aconsella, no caso de aplicar tratamento antimildio, empregar un produto tamén con efecto fronte ao Black rot. No caso de non ter que tratar o mildio, o centro dependente da Deputación recomenda aplicar funxicida dirixido ao control do Black rot.

No que respecta ao mildio, Areeiro detectou que as manchas van en aumento na comarca do Salnés e que se teñen detectado xa indicios en predios do Rosal e O Condado. Neste último caso, soamente se detectou unha mancha, moi incipiente, pouco visible e sen frutificación aparente.

O centro dependente da Deputación recomenda, de forma imprescindible, controlar a vexetación para evitar que reteña humidade e dificulte a aireación na contorna das vides, sobre todo en plantas novas ou nas formacións máis baixas. Ademais, nalgunhas viñas estase a observar falta de brotes ou escaso desenvolvemento da vexetación o que apunta ás enfermidades da madeira. Areeiro aconsella, no caso de que os síntomas estean restrinxidos, unha poda do brazo afectado despois da floración e en tempo seco, desinfectando a tesoira e aplicando un funxicida sobre o corte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información