Agromuralla recómendalle ás granxas que non se apuren a renovar os contratos do leite

A asociación advirte de que continúa a escasear o leite no campo, polo que considera que as industrias lácteas terán que recuar dos seus anuncios de baixadas de prezos

Agromuralla recómendalle ás granxas que non se apuren a renovar os contratos do  leite

José Luis Pérez, presidente de Agromuralla.

Ante a próxima renovación de contratos do leite no campo, que vencen maioritariamente a finais de marzo, Agromuralla acónsellalle calma ás granxas á hora de valorar as distintas opcións. “Hai prazo para asinar ata a finalización do contrato e non convén apurarse a tomar unha decisión”, valoran.

A asociación lembra que a normativa actual dálle marxe ás ganderías á hora de renovar os contratos. Ata o ano pasado, unha vez que as granxas recibían a oferta da industria, tiñan 15 días para pronunciarse e, se non o facían, entendíase como renovado, pero agora iso xa non é así. É dicir, agora se o gandeiro non se pronuncia, a oferta entenderase en todo caso como non aceptada, explica Agromuralla nunha nota de prensa.

Desde a organización subliñan que continúa escaseando o leite no campo, polo que consideran que as industrias lácteas terán que dar marcha atrás nos seus anuncios de baixadas de prezos.

“Segue habendo falta de leite e se os prezos baixasen a produción volvería caer en picado”, aseguran, polo que se desencadearía unha situación de “desabastecemento do mercado” no que habería empresas que se quedasen sen subministro. “O leite sería nese caso para as industrias que pagasen máis por el”, argumentan. Do mesmo xeito, din, unha baixada en orixe provocaría un descenso de valor en toda a cadea, o que tamén prexudicaría ás industrias.

Por iso, desde Agromuralla piden ás empresas “que non traten de meter medo con globos sonda que son inaceptables”, e aos gandeiros “que non se deixen influenciar”, incidindo na capacidade de negociación que contempla a lei a favor do produtor.

Aumento de custos no campo
Agromuralla defende que “os prezos para este ano teñen que manterse ou mesmo subir, dado que os custos de produción seguen a aumentar”. “O gasóleo, a luz, os pensos e os fertilizantes continúan polas nubes”, aseguran.

Contratos a curto prazo
A asociación é partidaria neste momento de que os seus socios asinen contratos a curto prazo “para que o leite non quede atado e haxa maior competencia entre as industrias”.

“O problema que houbo o ano pasado é que o leite en Galicia estaba maioritariamente vinculado a contratos a un ano, o que fixo que os prezos se mantivesen máis baixos que noutras comunidades autónomas e que industrias de fóra que tiñan falta de leite non puideran vir en busca del a Galicia porque non había dispoñibilidade na entrega por parte das granxas”, argumentan.

Por último, a asociación lembra que as industrias xa tiñan que terlle presentado ofertas ás granxas a día 1 de febreiro, segundo establece a normativa vixente, polo que considera que a gran maioría das industrias son nestes momentos susceptibles de ser denunciadas ante a Agencia de Inspección de la Cadena Alimentaria (Aica).

Os contratos do leite a curto prazo gañan peso no campo pola incertidume do mercado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información