Agromuralla promove un Grupo Lácteo Galego propiedade dos gandeiros

Sería un proxecto propiedade dos gandeiros, que farían aportacións económicas, e que transformaría e recollería o leite en Galicia. O colectivo insiste en desvincularse do PP e consulta aos socios se deben reunirse coa Plataforma

Agromuralla promove un Grupo Lácteo Galego propiedade dos gandeiros

Roberto López ante os gandeiros reunidos en asemblea

O colectivo Agromuralla está promovendo un Grupo Lácteo Galego, propiedade dos gandeiros e manexado por eles, que ten vocación non só de agrupar a oferta de leite, o que faría unha OPL, senón tamén de transformalo. Así se planteou este luns pola tarde nunha asemblea no hotel Torre de Núñez á que acudiron máis de 400 gandeiros, a práctica totalidade da provincia de Lugo.

Segundo explicou Roberto López, portavoz do colectivo de gandeiros, “dende Agromuralla queremos facer algo serio para o sector, que sexa para os gandeiros e quen o manexe sexan os propios gandeiros”. “Chegou a hora de facer algo máis que ter os tractores na Muralla ou levalos á industria a protestar”, subliñou.

Segundo trascendeu na reunión, este grupo lácteo galego, no que Agromuralla xa leva traballando semanas, sería propiedade dos gandeiros, que farían aportacións económicas, e recollería e transformaría o leite dos gandeiros socios. Ademais, segundo explicou López “non o limitamos a Lugo, senón que queremos estendelo a toda Galicia”, e incluso a outras Comunidades. Neste sentido, hoxe martes representantes de Agromuralla reuniranse con representantes dos gandeiros de Castela e León e das comunidades da Cornixa Cantábrica para abordar este proxecto.

Desde Agromuralla aspiran a que este grupo lácteo alcance o mínimo que, por exemplo, esíxese para unha Organización de Produtores Lácteos (OPL): 1.000 socios e 200.000 toneladas de leite. Sinalar tamén que, ademais de con gandeiros individuais, tamén empezaron a establecer contactos con cooperativas para sumalas ao proxecto.

 O grupo sería propiedade exclusiva dos gandeiros e recollería e transformaría o seu leite

Roberto López insistiu en que a clave do éxito deste proxecto “é que saia de abaixo para arriba, que teña a participación do maior número de gandeiros posible e que sexa propiedade dos gandeiros”.

“Se nos organizamos e somos serios podemos conseguilo, pero vai haber moitos obstáculos no camiño”, advertiu o portavoz de Agromuralla, en referencia sobre todo ás industrias lácteas francesas.

Desvinculación do PP

Respecto á suposta vinculación de Roberto López co PP e cunha estratexia para relanzar Xóvenes Agricultores, o propio López desmentiuno publicamente na asemblea. “A única arma que se utiliza contra Agromuralla é que eu son do PP e que queremos refundar Xóvenes Agricultores”, lamentou.

Ademais, non aforrou críticas contra o goberno da Xunta a quen acusou de deixar indefensos aos gandeiros e de non levar a cabo unha ordenación do territorio que impida, por exemplo, a forestación de terras agrarias.

“Cando os estaleiros galegos quedaron sen pedidos, o propio Feijóo foi a México para buscar encargos de barcos; foi a Francia para que Citroën se quedase en Vigo con varios millóns en axudas, pero cando se tratou de solucionar a crise do sector lácteo Feijóo non estaba”, lamentou o portavoz de Agromuralla.

Reunión coa Plataforma en Defensa do Sector Lácteo

Outra das cuestións que foi planteada por varios gandeiros foi a necesidade de avanzar cara unha maior unidade coa Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego.

A este respecto, Roberto López incidiu que “estamos dispostos a falar con todos para lograr a unidade dos gandeiros”. Neste sentido, acordouse en asemblea realizar hoxe unha consulta por washap a todos os asociados de Agromuralla para que decidan se se solicita esa reunión.

Control das entradas en Galicia de cisternas de leite doutros países

Por outra parte, os representantes de Agromuralla tamén se mostraron claramente en contra dunha folga de entregas, xa que iso beneficiaría a entrada de leite foráneo.

Roberto López durante a súa intervención

Roberto López durante a súa intervención

Precisamente foi a entrada de cisternas de leite, tanto de Francia como, no caso de Galicia, de Portugal un dos temas que algúns gandeiros quitaron a debate. Neste sentido, Roberto López informou de que “xa lle trasladei formalmente esa queixa á consellería (de Medio Rural), e a resposta foi que se están facendo controles e que se devolveu algunha cisterna”.

Sen embargo, o propio portavoz de Agromuralla criticou que os controles da Administración son insuficientes xa que só se fan de día, “cando a maior parte das cisternas de leite foráneo -en referencia a Portugal e Francia- entre de noite nas centrais”. Neste sentido, reclamou da Xunta que “ao igual que hai un veterinario en cada matadoiro, tamén debería haber un en cada industria láctea para controlar que o 100% do leite das cisternas que entra en Galicia cumpra os mesmos controis sanitarios que o leite producido polos gandeiros galegos”.

Tractores na Muralla

Respecto ás queixas da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) pedíndolle á Subdelegación do Goberno que obrigue a retirar os arredor de 300 tractores que quedan na Muralla, Roberto López lamentou que “a pesar de que os gandeiros tamén somos empresarios, esta entidade non quitou ningún comunicado apoiando as nosas reivindicacións”.

Neste sentido, o portavoz de Agromuralla informou de que este martes pola mañá está prevista unha reunión na sede da Subdelegación do Goberno en Lugo para avaliar as queixas presentadas tanto pola CEL como pola Asociación Provincial de Hostalaría de Lugo.

 “Este martes a Subdelegación do Goberno decidirá se os tractores teñen que abandonar a ronda da Muralla”

A este respecto, López avanzou que “poden pasar dúas cousas: ou ben nos obrigan a deixar libre un dos dous carrís que ocupamos na ronda da Muralla ou ben a Subdelegación decide que saquemos todos os tractores, para o cal nos darían un prazo de 48 horas desde que nos comunicasen a resolución, decisión que poderíamos recorrer”, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A resolución será enviada ao longo desta mañá aos gandeiros a través dos grupos de Wasap.

Por último, informar de que este martes está prevista unha reunión en Santiago entre a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez e representantes da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo. Será ás 18:00 horas na sede da Consellería.

Una idea sobre “Agromuralla promove un Grupo Lácteo Galego propiedade dos gandeiros

  1. luaportos .

    Ou sexa queren facer o que propoñia o BNG cando estaba no goberno. O que non entendo e que si daquelas non lles valía como e qie lles vale agora. Isto último é retranca por si o lee alguen de fora e non o entende

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información