O Ministerio de Agricultura somete a trámite de audiencia e información pública a modificación do Real Decreto 1048/2022, do 27 de decembro, para ampliar, ata o 15 de maio, o prazo de presentación da solicitude única das axudas directas da Política Agraria Común (PAC) e das axudas por superficie e animais de desenvolvemento rural para o ano 2024. A maiores, as comunidades autónomas poderán prorrogar o prazo ata o 31 de maio se así o determinan, previa notificación desta decisión ao Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, anunciou o pasado venres a ampliación deste prazo, co fin de dar tempo suficiente para facilitar que os solicitantes das axudas poidan acollerse ás flexibilidades e simplificación da PAC que están incluídas nas 43 medidas comprometidas polo Goberno para mellorar a situación de agricultores e gandeiros.
O prazo para a presentación de solicitudes iniciouse o 1 de febreiro e a súa finalización estaba prevista para o 30 de abril. Nesta campaña 2024, do mesmo xeito que sucedeu na campaña 2023, a aplicación da PAC atópase nun contexto de novidades lexislativas. O período de audiencia e información pública iníciase mañá, 9 de abril, e estará aberto ata o día 17, dispoñible nesta ligazón.
Por mor das reivindicacións e protestas do sector agrario en 18 Estados membros da Unión Europea (UE), entre eles España, a Comisión Europea adoptou unha proposta de modificación dos regulamentos de base da PAC que foi aprobada polo Consello de Ministros de Agricultura o pasado 26 de marzo, e que está pendente de adopción por parte do Parlamento Europeo.
Unha parte importante dos cambios propostos, e en particular os relativos a determinadas normas da condicionalidade reforzada, aplicarase con carácter retroactivo xa para as solicitudes únicas de 2024.
A incerteza ante esta situación de cambios normativos provocou que o avance da recollida de solicitudes sexa máis lento do normal. Por iso, é necesario ampliar os prazos de presentación da solicitude única, de modo que se garanta que todos os agricultores e gandeiros poidan presentar a súa solicitude da PAC do ano 2024.
Ademais de ampliar o prazo de presentación da solicitude, proponse a ampliación de prazo de modificación da solicitude única, que poderá realizarse ata o 15 de xuño, cando a data inicialmente prevista é o 31 de maio.
Así mesmo, o 15 de xuño será a data límite para a presentación das comunicacións de cesións de dereitos de axuda básica á renda para a sustentabilidade. Esta data é a que se toma como referencia para o cumprimento dalgúns requisitos das axudas directas, como o da obrigación de ter á súa disposición as parcelas polas que se solicitan as axudas.
As comunidades autónomas poderán acurtar o prazo de modificación da solicitude única, sempre que se respecte un período mínimo de 10 días hábiles desde o fin do prazo para a presentación da mesma.
O calendario proposto na modificación do real decreto busca un equilibro entre o prazo que requiren agricultores, gandeiros e entidades colaboradoras para presentar as solicitudes e os prazos necesarios para permitir que as administracións poidan tramitar debidamente as axudas e garantir o pago do anticipo para partir do 16 de outubro de 2024.