Agaca lidera un proxecto europeo para promover a innovación nas cooperativas agrarias

Este martes presentouse en Santiago Agrosmartcoop, unha iniciativa na que participan seis rexións europeas e que conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros

Agaca lidera un proxecto europeo para promover a innovación nas cooperativas agrarias

Higinio Mougán e Juan Vázquez Gancedo

Favorecer a innovación, especialmente en agricultura ecolóxica, das cooperativas agrarias, apoiar a comercialización intelixente dos seus produtos e fomentar a asociación e a cooperación entre as cooperativas do suroeste da Unión Europea.

Estes son os obxectivos que se marca o proxecto Agrosmartcoop, na que participan oito entidades cooperativas de seis rexións do Suroeste de Europa (Aquitania, en Francia; o Norte de Portugal e Castela A-Mancha, Estremadura, Galicia e País Vasco, en España) e que está liderada pola Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA).

Cinco sectores estratéxicos

Agrosmartcoop centrarase en cinco sectores estratéxicos: hortofrutícola, cárnico, lácteo, vitivinícola e aceites. Crearanse grupos operativos transnacionais para detectar as potencialidades e necesidades das cooperativas, ademais dun plan estratéxico conxunto para mellorar as condicións e capacidades das cooperativas para aplicar técnicas innovadoras, unha plataforma virtual para fomentar estas prácticas, un laboratorio virtual (AgroLAB), que actuará de punto de encontro entre técnicos expertos e cooperativas, e unha comunidade de cooperativas agroalimentarias, entre outras medidas.

O proxecto comezou este mes de xullo e ten unha duración de dous anos anos, ata xuño de 2018. O seu orzamento é de 1,295 millóns de euros e nun 75% está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do programa Interreg Sudoe 2014-2020, achegando as cooperativas o 25% restante.

Na presentación oficial en Galicia interviñeron o director-xerente de Agaca, Higinio Mougán, e o presidente do Clúster Alimentario de Galicia e director da cooperativa Martín Códax, Juan Vázquez Gancedo. Este último valorou a posta en marcha de Agrosmartcoop “nun momento ideal no que as cooperativas están de moda e ben vistas”. A participación da adega en distintos proxectos baseados na intercooperación foi “sempre positiva e non interfere a competencia entre os actores que participan nela”, asegurou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información