Acordo entre o Concello de Verín e o C.D.R.O. Monterrei para difundir os viños da comarca

O texto asinado recoñece “o interese común na promoción e dinamización da comarca de Monterrei”

Publicidade
Acordo entre o Concello de Verín e o C.D.R.O. Monterrei para difundir os viños da comarca

O C.R.D.O. Monterrei e o Concello de Verín son as dúas caras máis visibles da comarca. Acoden xuntas a feiras e eventos internacionais, e conforman conxuntamente a maior proxección da imaxe deste territorio. Por este motivo veñen de acordar sumar esforzos para a promoción dos viños e do termalismo, cultura e natureza de Verín.

O presidente do C.R.D.O. Monterrei, Jonatás Gago, e o alcalde do Concello de Verín, Gerardo Seoane, asinaron un convenio de colaboración entre as dúas entidades para aproveitar as súas sinerxías. “Entre os dous organismos”, afirmou Seoane, “acudimos a ducias de eventos turísticos, enolóxicos e culturais ao final do ano: temos que aproveitar para dar unha potente imaxe conxunta como destino de lecer, de termalismo, de cultura e de enoturismo”.

Pola súa banda, o presidente do C.R.D.O. Monterrei destacou “a tradicional colaboración de Concello e Denominación, como na celebración da Feira do Viño” que debe, segundo as súas palabras, “profundar e ir a máis, para aproveitar todos os escaparates que nos poden facer máis desexables e dar a coñecer os nosos recursos”.

Convenio

Neste sentido, o texto do convenio asinado entre as dúas entidades recoñece “o seu interese común na promoción e dinamización económica da comarca de Monterrei”, e para iso manifestan “a súa intención de aproveitar as sinerxias promocionais e escaparates públicos á que ambas acceden, para contribuír ao posicionamento de Verín como destino enoturístico, termal e patrimonial”.

Igualmente, o Concello de Verín, como núcleo comarcal e centro de servizos do territorio vitícola e enoturístico deste territorio, e núcleo urbano da súa oferta turística e termal, manifesta o seu interese en dinamizar, divulgar e promocionar o carácter singular da oferta enolóxica e enoturística emerxente que supoñen os viños de Monterrei.

Pola súa banda, a Denominación de Orixe Monterrei, como entidade responsable do impulso e desenvolvemento vitivinícola da comarca, atópase inmersa na expansión, crecemento e internacionalización da oferta e os produtos enolóxicos da comarca, polo que necesita maximizar todas as oportunidades e mecanismos de divulgación.

Ambas as entidades recoñecen, por tanto, o seu interese común nos ámbitos de desenvolvemento da súa marca territorial e de divulgación da súa oferta enoturística e cultural, declarando así “a súa intención de cooperar nos campos comúns de formación, divulgación da identidade do territorio da comarca de Verín e Monterrei”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información