Aceite de Quiroga, unha produción asentada na calidade

O aproveitamento do aceite neste municipio lucense contan cunha longa tradición. Este ano a produción de aceite sitúase próxima ós 40.000 litros e traballan para conseguir a distinción de Denominación de Orixe

Publicidade
Aceite de Quiroga, unha produción asentada na calidade

As oliveiras son parte da paisaxe do concello lucense de Quiroga dende tempos pasados. “Nin os intentos dos Reis Católicos por limitar a produción de aceite nesta terra conseguiron acabar con elas”, reivindica Julio Álvarez, alcalde do municipio e un dos principais impulsores da recuperación da oliveira e da produción de aceite de Quiroga.

Aínda que o poder Real non conseguira acabar con elas, o aproveitamento das que quedaron fora quedando relegado coa emigración dos anos 50 e 60 e tamén os incendios forestais dos anos 90 mermaron moito o número de oliveiras. O interese por recuperar as oliveiras comezou hai máis de 30 anos da man de veciños e do Concello que impulsaron plantacións e a posta en funcionamento e rehabilitación de muíños de aceite que foran quedando en desuso.

Hai máis de 30 anos comezaron as repoboacións de oliveiras e a recuperación de muíños de aceite

Hoxe a produción de aceite do municipio sitúase arredor dos 40.000 litros, aínda que só uns 20.000 litros se comercializarán, mentres que o resto se destina para autoconsumo. “Aquí tódolos veciños teñen oliveiras, xa sexan para a comercialización do aceite ou para autoconsumo”, explica o alcalde.

Tras anos de traballo contan cunha marca propia do municipio, para comercializar un aceite vinculado á calidade, que xa recoñeceron diferentes entidades e que o sitúa na elite mundial. Agora están pendentes de conseguir a Denominación de Orixe por parte de Europa.

Entre os mellores aceites

O ano pasado a Universidade de Córdoba, cun dos laboratorios de maior prestixio a nivel internacional, certificaba a calidade do aceite de Quiroga polas súas propiedades químicas. “Os análises referendaron a calidade do noso aceite situándoo entre os 5 mellores do mundo”, indica Julio. A elevada cantidade de polifenois, compoñentes antioxidantes e beneficiosos para a saúde, foron os responsables desta clasificación.

O aceite de Quiroga sitúase entre os mellores do mundo pola cantidade de antioxidantes que contén

Ademais, os produtores están conseguindo que os seus aceites teñan unha acidez máis próxima as esixencias do mercado para os aceites de calidade. A selección das olivas, desbotando as que se atopan no chan, e recolectándoas no punto de envero, cando se atopan no paso da cor verde á negra foron algúns dos cambios que se introduciron e que axudaron a producir aceites de mellor calidade.

Olivas-Aceite-Quiroga-

“Agora xa as procesamos sen deixalas almacenadas e iso tamén axudou a reducir a acidez”, explica Manuel Mondelo, un dos produtores máis importantes da zona e que conta cun muíño de aceite propio onde elabora uns 2.000 litros de Aceiroga, un aceite elaborado en exclusiva coas olivas que colleita. Os seus aceites teñen unha acidez de entre 0,2 e 0,3 % fronte a valores do 2% que eran os que se obtiñan cos muíños tradicionais e cos procedementos de selección antigos.

Oliveiras autóctonas

Unha das claves para da calidade do aceite que se logra en Quiroga son as variedades de oliveiras autóctonas que predominan nesta zona: a brava e a mansa. As variedades foron identificadas e catalogadas polo grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que traballa no inventariado doutras variedades autóctonas de Galicia, tamén con presenza nesta zona.

No municipio contabilízanse máis de 19.000 oliveiras

Os últimos datos que manexan dende o Concello do inventariado de árbores contempla que no municipio se contabilizan unhas 19.000 oliveiras. Porén, esa cifra é do 2018 e estiman que na actualidade sexa superior. “Nos últimos anos estiveron facéndose plantacións de oliveiras polo que agora temos máis oliveiras, aínda que non todas en produción”, indica o alcalde.

Manuel é un dos produtores que está a realizar plantacións. As primeiras oliveiras plantounas a comezos dos anos 90 e agora está pendente de plantar unha hectárea de oliveiras que se sumará as 2,5 hectáreas que ten agora en produción.

OLIVEIRAS_QUIROGA_6

A maior parte das oliveiras da zona son de castes autóctonas pero tamén contan con variedades de orixe mediterránea como a arbequina. “Nós estamos traballando para que se opte polas variedades autóctonas e son as máis abundantes”,concreta Julio. “As variedades autóctonas enraízan moi ben e danse ben nesta zona”, explica o produtor.

Unha das dificultades que presenta o cultivo das oliveiras son os longos prazos que manexan fronte a outras colleitas posto que aínda que comezan a producir ós 5 anos de plantalas, ata os 25 anos non acadan unha produción estable. “As oliveiras tamén requiren uns coidados que inflúe despois no volume produción e na calidade das olivas”, comenta Manuel Mondelo. Unha das diferencias ven dada pola rega. “Antes críase que non precisaban de rego, pero coas temperaturas que chegamos a ter aquí no verán, se se regan a produción varía”, explica. De feito, el realiza varias regas nos meses de xullo e agosto.

“As oliveiras tamén requiren uns coidados, como a rega, que inflúe despois no volume produción e na calidade das olivas”

No seu caso os coidados compleméntanse con dous tratamentos de cobre que aplica un mes e medio antes da colleita e trala recollida. Unha vez apañadas as olivas tamén realiza podas para reconducir as árbores e ó longo do ano desbroza varias veces o terreo para ter un campo baixo as oliveiras. “Para eliminar as herbas non emprego fertilizantes nin aro a terra para evitar danos nas raíces superficiais”, indica.

O marco de plantación é outro dos condicionantes para a produción das oliveiras. “Hai exemplares antigos que están illados e que poden ter unha produción de entre 60 e 100 quilos de olivas, pero non é o habitual nas plantacións”, comenta. Nas súas plantacións establece un marco de plantación de 6×6 metros que lle permite obter unha produción de entre 20 e 30 quilos por oliveira dependendo de factores como a meteoroloxía ou a idade das árbores.

Selo-de-garantia-Aceite-de-Quiroga-

Competencia e diferenciación

A diferenciación do aceite de Quiroga é unha das reivindicacións polas que levan anos traballando os produtores da zona. No 2015, no Concello rexistraron a marca Aceite de Quiroga, que identifica nunha contraetiqueta ós produtores da zona que ademais contan cunhas esixencias de calidade na produción.

Hoxe en día, 6 comercializadoras dispoñen do distintivo aínda que o número de pequenos produtores que elaboran aceite na zona pode situarse arredor dos 400. “En Quiroga elaboramos un aceite de calidade baixo uns parámetros de control o que fai que teñamos un aceite singular”, reivindica o alcalde.

Nestes anos xa tiveron varios casos nos que produtores doutras zonas tentaron comercializar os seus aceites como se fosen os do municipio lugués. “Mesmo houbo un produtor de Sevilla que quería rexistrar un nome similar ó noso, como Marqués de Quiroga”, recorda Julio.

Nesa liña traballan dende hai anos no recoñecemento da Denominación de Orixe para os seus aceites. “Agora estamos pendentes da resolución de Europa logo de que a Xunta dese xa o visto bo para o selo”, comenta o responsable municipal. Tamén están a valorar a catalogación dalgúns dos cultivos como ecolóxicos posto que xa seguen pautas respectuosas co medio ambiente.

Ademais, cada ano Quiroga promociona as bondades dun dos seus produtos na Mostra do Aceite que se celebra no único muíño de aceite tradicional de Galicia e que foi rehabilitado pola administración local.

prensa-muinho-de-bendillo-Aceite-Quiroga-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información