Aberto o prazo para optar aos Premios Galicia Alimentación 2023

As candidaturas presentaranse a través dun formulario en liña antes do 10 de maio e a entrega dos premios será o 14 de xuño. Hai catro categorías de galardóns

Aberto o prazo para optar aos Premios Galicia Alimentación 2023

Acto de entrega dos galardóns da edición pasada.

A Agrupación industrial Alimentaria de Galicia (Clusaga) convoca por noveno ano consecutivo os Premios Galicia Alimentación que recoñecen iniciativas e accións destacadas no ámbito da industria da alimentación galega. As persoas interesadas en optar a estes galardóns poden presentar os seus proxectos ata o 10 de maio a través dos formularios dispoñibles na web de Clusaga.

Este ano, os Premios Galicia Alimentación teñen catro categorías: a Produto Innovador, a Produto Excelente, a Proxecto Sectorial e a Estratexia de Mercado que distingue as seguintes áreas:

◦ Premio Galicia Alimentación ao Produto Innovador. Enfocado a premiar os produtos galegos que destaquen pola súa innovación, potencial comercial, deseño, posibilidade de agregar valor ou pola súa adaptación ás demandas do consumidor.

◦ Premio Galicia Alimentación ao Produto Excelente. Recoñece a incorporación de valores tradicionais adaptados ao momento actual cun deseño diferencial e empregando produtos e materias primas locais, polo que esta categoría diríxese a alimentos e bebidas con calidades organolépticas superiores, poñendo especial atención aos produtos ecolóxicos e gourmet.

◦ Premio Galicia Alimentación ao Proxecto Sectorial. Galardoa proxectos innovadores, institucións, organizacións ou empresas de especial relevancia que se caractericen pola súa innovación na organización, produción e/o modelo de negocio. Tamén que desenvolvan produtos ou servizos innovadores no ámbito da cadea de valor dos alimentos e bebidas, incluíndo o desenvolvemento tecnolóxico cara á fábrica do futuro 4.0 e o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ou que destaquen polo seu carácter emprendedor e cooperativo e a súa visión estratéxica.

◦ Premio Galicia Alimentación á Estratexia de Mercado. Pon en valor o esforzo de empresas e organizacións da industria de alimentación e bebidas para acceder, desenvolver e consolidar a súa posición no mercado nacional e internacional. Valorarase o seu plan de márketing no posicionamento en novos nichos de mercado e a orientación ao consumidor, así como a implementación de campañas de márketing. Ademais, terase en conta a evolución continua e o dinamismo das exportacións na súa estratexia de internacionalización.

Candidaturas

Poden presentar candidatura aos Premios Galicia Alimentación 2023 persoas físicas, autónomos, micro, medianas e grandes empresas que teñan sede social, centros produtivos ou exerzan a súa actividade comercial ou transformadora en Galicia, así como institucións galegas ou situadas fóra do territorio que desenvolvesen actividades en favor dos produtos alimentarios galegos, tendo estes orixe ou transformación en Galicia ou na frota pesqueira dunha empresa galega.

Unha mesma entidade pode presentar candidaturas a máis dunha categoría e mesmo máis dunha candidatura na mesma categoría. As entidades que resultasen galardoadas en edicións anteriores poden volver optar a estes premios.

O obxectivo destes galardóns é recoñecer e visibilizar as accións do sector alimentario con impacto na calidade, a excelencia, o emprendemento, a dixitalización, a innovación, a sustentabilidade, o márketing e a internacionalización.

Entrega de premios

Os gañadores daranse a coñecer nunha gala que se celebrará o 14 de xuño, coincidindo co Foro Galicia Alimentación, que cada ano é organizado por Clusaga, co apoio institucional da Xunta de Galicia e co patrocinio de Caixa Rural Galega, Gadis e Vegalsa Eroski.

“Este foro supón un espazo de intercambio de experiencias e coñecementos e serve de estímulo para a colaboración entre os diferentes elos da cadea alimentaria: produción, procesamento, distribución e consumo de alimentos”, sinalan dende Clusaga. 

Entre os gañadores da edición pasada están compañías como Real Conserveira Española, Hijos de Rivera, Leite Río, Alibós, Quescrem, Gadis, Larsa e Pereira Produtos do Mar.

Consulta aquí a documentación para presentar as candidaturas:

– Bases da convocatoria

-Formulario Categoría Produto Innovador

-Formulario Categoría Produto Excelente

-Formulario Categoría Proxecto Sectorial

-Formulario Categoría Estratexia de Mercado

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información