A Xunta priorizará os cursos para obter o carné cualificado de fitosanitarios e para renovación

A conselleira do Medio Rural asegura que 34 entidades colaboradoras solicitaron autorización para impartir os cursos este ano, das que 20 foron autorizadas e 1 para impartilos online.

Publicidade
A Xunta priorizará os cursos para obter o carné cualificado de fitosanitarios e para renovación

A conselleira Ángeles Vázquez esta tarde no Parlamento

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asegurou hoxe no Parlamento que “para este 2016, e tras consultar entre o sector as súas necesidades, vaise dar prioridade aos cursos para obtención do carné de manipulador de produtos fitosanitarios de nivel cualificado, así como ás renovacións dos niveis básico e cualificado”.

Ángeles Vázquez respondía así a unha pregunta do deputado do PsdeG-PSOE, Pablo García, quen criticou que “este ano a Consellería vai facer o que non fixo en 3 anos, (…) cando xa hai moita xente que dende o 26 de novembro non pode mercar produtos fitosanitarios de uso profesional ao non ter o carné e non estar convocados cursos en Galicia”.

20 entidades colaboradoras autorizadas para impartir cursos presenciais e 1 para impartilos online

A titular de Medio Rural respondeu que “neste intre hai 34 entidades que solicitaron impartir cursos presenciais para desenvolver en 2016, dos que xa se autorizaron 20 entidades”, e 1 -Unións Agrarias UPA- para impartir cursos online, unha das reivindicacións do sector en Galicia, onde a diferencia doutras Comunidades, ata agora toda a formación -tanto a parte teórica como a práctica- era presencial, o que limitaba a posibilidade de asistencia.

As 14 entidades restantes están pendentes de tramitar e existen, segundo informou a conselleira, novas solicitudes de alta no rexistro de entidades colaboradoras.

En canto aos cursos que se priorizarán, Ángeles Vázquez asegurou que “tras consultar entre o sector as súas necesidades, vaise dar prioridade aos cursos de nivel cualificado, así como ás renovacións dos niveis básico e cualificado”.

Ademais, a conselleira anunciou que “se adiantarán no tempo os cursos aprobados de cara á primavera”. Porén, non concretou cando se publicará a convocatoria para optar a impartir os cursos de fitosanitarios.

“A xente con catro patacas e catro vides non necesita o carné de fitosanitarios”

Por outra parte, Ángeles Vázquez lembrou que existen 173 produtos fitosanitarios autorizados para uso non profesional, e polo tanto sen necesidade de carné básico para adquirilos, “cos principios activos necesarios para atacar as principais enfermidades da pataca e do viñedo”.

“Non hai que enganar á xente: con catro vides e catro patacas non se debe ter ese carné”, subliñou.

Por último, Ángeles Vázquez salientou que “o Plan de formación da Consellería do Medio Rural para o agro galego incrementa este ano o seu orzamento nun 190% en relación co destinado no 2015, ao pasar de 485.000 euros a 1,4 millóns”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información