A Xunta pide “comprensión” á cidadanía coas mobilizacións dos gandeiros

Rosa Quintana anuncia que este xoves se aprobarán as axudas para a moratoria de dous anos nos préstamos para plans de mellora. Asegura que a suba dos prezos de intervención pola Comisión Europea podería aprobarse a próxima semana.

A Xunta pide “comprensión” á cidadanía coas mobilizacións dos gandeiros

Rosa Quintana

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, lanzou hoxe unha mensaxe de apoio ao sector lácteo e de comprensión coas mobilizacións que están a levar a cabo miles de gandeiros tanto en Santiago como en Lugo, o que supón un cambio de discurso por parte da Xunta.

Nunha rolda de prensa convocada esta mañá en Santiago, a conselleira pediu “comprensión á cidadanía porque estas manifestacións poden perturbar a vida dos cidadáns, pero todos os galegos temos que entender que neste momento toca apoiar ao sector produtor, que creo que ten moito futuro”. Ademáis, insistiu en que “o sector debe saber que ten todo o apoio da Xunta e do Ministerio”.

Axudas para a moratoria dos créditos dos plans de mellora

Neste sentido, anunciou que está en marcha a tramitación de axudas do Ministerio de 300 euros por vaca, ao igual que “a orde de axudas, que supoño que irá ao Consello da Xunta deste xoves, de aprobación da moratoria de dous anos para todas aquelas persoas que teñan préstamos concedidos para plans de mellora e que se sumará ás axudas do Ministerio que establecen unha moratoria dun ano”.

Galicia sae moi beneficiada do consello de ministros da UE de onte en Bruxelas”

Preguntada pola valoración do consello de ministros de Agricultura da UE, que onte se celebrou en Bruxelas para tomar medidas ante a crise do sector lácteo, Quintana asegurou que “temos que estar relativamente satisfeitos”. En concreto, valorou que “a axuda de 500 millóns de euros vai vir axudar a todas as explotacións que se atopan en dificultade, e Galicia vaise ver moi beneficiada dese paquete de axudas”.

Ademais, informou de que “a Comisión Europea está estudando unhas novas formulas de intervención do mercado, para subir os prezos de intervención” do leite en pó. “Esta semana será estudada pola Comisión e a próxima semana espérase pechar nun consello de ministros en Luxemburgo”, anunciou Rosa Quintana.

Obrigatoriedade dos acordos para darlle estabilidade ao sector lácteo

Sobre as expectativas para a reunión deste xoves en Madrid na que distribución, industrias e produtores intentarán chegar a un acordo para lograr prezos sustentables para os gandeiros, Rosa Quintana incidiu en que “o se fixo en Francia para acadar un prezo sustentable para o gandeiro é o que se está facendo en Galicia e en España”. Recoñeceu que “os gandeiros se desesperan neste momento de dificultade pero temos que dar tempo para que as leis teñan a eficacia”.

Sobre a obrigatoriedade para que se cumpran eses acordos, a conselleira de Medio Rural remitiuse a que “nestes momentos estase traballando no Ministerio nun novo real decreto que permita transparentar a cesión do prezo das marcas brancas para ver onde se quedan os beneficios na cadea”.

Rosa Quintana asegura que Feijóo está disposto a reunirse cos gandeiros

Por último, a conselleira do Medio Rural e do Mar lembrou que “o presidente da Xunta falou onte cos gandeiros e se queren unha reunión mañá estamos á súa disposición”. “Sabemos que están atravesando uns momentos difíciles pero tanto a Xunta como o Ministerio están redobrando os esforzos para axudarlles”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información