A rotación con leguminosas é unha práctica realizada en Galicia por algunhas ganderías e que ofrece múltiples vantaxes, ó poder obter unha forraxe de calidade para o gando, así como polos beneficios que poden achegar estas especies para outras colleitas ou mesmo para a saúde dos solos.
O aporte de nitróxeno é unha das principais vantaxes que asegura escoller leguminosas como cultivos forraxeiros, como apuntou o enxeñeiro agrónomo e gandeiro Miguel Fernández Labrada durante a súa participación nunhas xornadas realizadas na Granxa Gayoso, dependente da Deputación de Lugo, e nas que se abordaron alternativas forraxeiras para as ganaderías de vacún de leite.
Un dos xeitos nos que proporcionar un aporte de nitróxeno ós solos é empregar as leguminosas como abono verde, é dicir, enterralas unha vez que acada o seu ciclo. “Cultivar unha leguminosa para enterrala vai aportar moito nitróxeno ao seguinte cultivo. Por exemplo o chícharo bravo, tamén coñecido como chícharo tremoceiro, así como a faba poden fixar 100 ou 150 quilos de nitróxeno no solo no período de inverno, de outubro a abril”, explica o enxeñeiro. Á marxe das leguminosas, como abonos verdes tamén se adoitan empregar crucíferas coma os nabos, pola súa acción bactericida; así como gramíneas que permiten enriquecer os solos con materia orgánica.
Optar polas leguminosas permite enriquecer os solos polo aporte de nitróxeno que proporciona e deixa dispoñibles nutrientes para outros cultivos
Por outra banda, a simbiose que logran as leguminosas coas bacterias rhizobium, que están naturalmente no solo, permiten un maior aproveitamento do nitróxeno. Como lembraba Fernández Labrada, o nitróxeno é un dos nutrientes máis importantes para o crecemento das plantas, máis necesario para lograr unha boa produción que outros nutrientes como pode ser o potasio ou o fósforo, presentes ambos nos fertilizantes complexos máis empregados.
Á marxe do aporte de nitróxeno que proporcionan, outra das vantaxes do uso de leguminosas é que son especies con raíces profundas, que adquiren nutrientes das capas máis fondas e achéganos á superficie, de xeito que enriquecen a capa superficial para outros cultivos.
Ademais, as leguminosas protexen da erosión hídrica e compiten con outras sementes adventicias e conseguen mellorar a actividade biolóxica do solo. “As leguminosas tamén permiten un aporte de nitróxeno e doutros nutrientes dun xeito máis paulatino que cando se empregan fertilizantes químicos”, destaca.
Recomendacións para o cultivo das leguminosas
Algunhas das leguminosas máis empregadas polas ganderías galegas adoitan ser os trevos (branco, violeta, encarnado), a veza, alfalfa, así como os chícharos ou as fabas, entre outras. Unha das primeiras claves a ter en conta para o cultivo destas especies é proporcionar unha fertilización axeitada. “O aporte de nitróxeno non está recomendado para as leguminosas, agás cando non poida obtelo do aire, é dicir nos primeiros días trala sementeira ou logo dunha sega”, especifica Fernández Labrada. Nestes casos, o enxeñeiro agrónomo recomenda unha aplicación de 30 quilos por hectárea.
Tamén cómpre ter presente que as leguminosas extraen máis minerais dos solos que o raigrás, especialmente Calcio, Magnesio e Fósforo. Un xeito de proporcionar estes minerais é empregando xurro de vacún de leite. Porén, debe aportarse na presementeira, evitando proporcionar xurro en coberteira, xa que o pisado que se precisa para abonar resulta contraproducente para moitas leguminosas, que logo teñen dificultades para continuar medrando.
Ademais a aplicación directa do xurro sobre as leguminosas tampouco é recomendable, polas características destas especies. “O propio xurro pégase máis ás follas, impedindo a fotosíntese e se fai calor e vento pode chegar a crearse un ambiente moi acedo na folla e chegar a queimala”, concreta. Así, de querer aplicar xurro ás leguminosas é recomendable facelo con orballo ou previsión de choivas febles para que a auga o arrastre ata o solo e non quede na planta.
Á hora de sementar as leguminosas, débese facer de xeito semellante ós procedementos seguidos con outras especies, aínda que recoméndase enterrar máis aquelas especies que teñan unha semente máis grande. Debe enterrarse sempre 1,5 veces o diámetro da semente.
Na sega hai maquinaria que conta xa con rodos pensados para as leguminosas, posto que os acondicionadores de púas en V, pensados para romper os talos das gramíneas como o raigrás, resultan pouco axeitados para as leguminosas. “Usando estas V de ferro podemos chegar a perder case o 7% da biomasa de alfalfa. Por iso, se sementamos leguminosas puras é aconsellable non apertar case o acondicionador ou segar sen el”, explica.
Obter silos de leguminosas de calidade
Para conseguir ensilados de calidade con leguminosas é preciso ter en conta a capacidade tampón destas especies, que adoita ser alta, polo que tende a ser complexo lograr bos ensilados. A capacidade tampón ven determinada polo contido de azucres, polo que a máis azucres maior cantidade de ácidos se producirán.
Tamén inflúe a alta cantidade de proteína que teñen as leguminosas, así como de Calcio e Potasio. “Para mellorar o ensilado pódense realizar mesturas con gramíneas e aportar ácidos, con conservantes químicos”, recomenda o enxeñeiro agrónomo.
Outro dos aspectos a ter en conta para lograr silo de leguminosas de calidade é o risco de proliferación de clostridios, procedentes da contaminación por terra. Os clostridios consumen o ácido láctico e as proteínas do silo, pero que ademais de empeorar a calidade do ensilado supoñen unha ameaza para a saúde dos animais. “O clostridium crece en forraxes moi húmidos e con pH maiores de 4.2, polo que unha acidificación boa é básica”, concreta Fernández Labrada. Ó ser a presenza de terra un dos contaminantes do clostridios, cómpre traballar con apeiros altos, a máis de 6 centímetro do solo, e contar con prados ben nivelados. Tamén é importante ter as entradas ós silos sen terra.
A rendibilidade económica dos silos de leguminosas
O impacto económico e na alimentación das vacas que proporcionan os silos de herba é un dos factores que determina que sexan unha alternativa pola que apostar nas granxas. Para avalialo é preciso prestar atención a cuestións como a proteína e a enerxía que proporcionan ós animais e o custo que ten o cultivo.
A estimación da inxesta de proteína e enerxía calcúlase coa capacidade de inxestión (FND), de xeito que a valores máis alto, a vaca síntese saciada antes e inxire menos quilos de silo ó día, co que a inxesta de nutrientes é menor. Por outra parte, se a forraxe é moi dixestible conséguese unha maior cantidade de nutrientes por cada quilo.
Outro dato que será importante ter en conta é a fracción da fibra que a vaca non consegue dixerir (FAD), que debe ser o máis baixa posible. “Con silos con trevo podemos conseguir moi boas calidades e en especial con menor cantidade de fibra, de xeito que se poden aportar máis quilos na ración”, apunta o enxeñeiro agrónomo.
Ademais de no aporte nutricional na ración, os custos de sementeira, fertilización e produción marcan a diferenza entre os silos con leguminosas ou só con raigrás. Un dos gastos máis elevados nos silos de leguminosas é a sementeira, mentres que se reduce de xeito notable o gasto en fertilizantes químicos.
Tamén hai que ter presente que cos silos de leguminosas se consegue unha menor produción de materia fresca. “De elixir raigrás a trevo temos unha diferenza de 3.9 toneladas de materia fresca menos. Isto implica que cada tonelada producida custa 16 euros máis”, estima o experto. Así, nunha ración media na que se proporcionen 12 quilos de silo de herba, facelo cun silo de leguminosas suporá 19 céntimos máis por vaca e día.
Coa diferenza de calidade que proporcionan as leguminosas o obxectivo sería conseguir un aforro de 435 gramos de penso, é dicir uns 17 euros por tonelada na fórmula ou que a vaca dea 0.2 litros máis, segundo os cálculos do enxeñeiro agrónomo. “Na miña opinión, é bastante fácil conseguir eses obxectivos. Se a FND é menor e a vaca pode comer máis silos, tanto de herba como de millo, e depender menos do penso. A maiores mellórase a dixestibilidade e calidade, polo que tamén pode conseguirse o aumento na produción de leite”, valora Fernández Labrada.
As leguminosas na nova PAC
A nova PAC tamén terá en conta ás leguminosas, de xeito que no ecoréxime P3, no que se aborda a rotación de cultivos con especies mellorantes, contémplase o pago de ata 85 euros por hectárea por facer rotación de cultivos na metade da superficie, incluír un 10% de especies mellorantes do cal, polo menos o 5% deben ser leguminosas. Ademais disto, o barbeito non pode supoñer máis do 20%. Tampouco será obrigatorio recoller as leguminosas, xa que o uso para abono verde tamén está aceptado.
A nova PAC tamén contempla axudas para cultivos proteico (como a alfalfa, veza, avea ou chícharo tremoceiro…). Neste caso o pago é de 60 euros por hectárea, pero non se permite empregalo como abono verde.