A crise que atravesan as explotacións lácteas débese en parte á saturación do mercado, cunha oferta en ascenso para a que non hai demanda suficiente. Ante ese escenario, Bruxelas abriu as portas para que cada Estado membro establecese limitacións voluntarias á produción. En España, esas posibles limitacións estúdanse no marco da Interprofesional Láctea, pero no sector xa se dá por feito que non se pasará dunha declaración de intencións.
As organizacións agrarias e cooperativas consideran que as dificultades de mercado aconsellan frear os aumentos de produción, pero cren que non se poden adoptar medidas de regulación se non é a nivel europeo e dun xeito obrigatorio para todos os Estados membro. A Comisión Europea, sen embargo, desentendeuse da adopción de medidas, polo que a patata quente quédalles ós países. De entre eles, só Francia e España están a explorar posibles límites voluntarios á produción.
“Se nós reducimos a produción e os países excedentarios aumentan, en Europa riríanse de nós” (Román Santalla, Unións Agrarias)
Así as cousas, o responsable de gandería de Upa, Román Santalla, tamén secretario comarcal de Unións Agrarias – Upa no Deza, entende que non se pode apoiar unha proposta de reducción voluntaria da produción en España. “Non é razonable. Se nós reducimos producción e os países excedentarios seguen aumentando as entregas de leite, riríanse de nós en toda Europa”, cuestiona.
O Sindicato Labrego, pola súa banda, considera que a idea da limitación voluntaria é un “falar por falar”. O seu responsable de gandería, Xabier Gómez Santiso, é partidario dunha aplicación de medidas uniformes para todas as granxas: “Ou hai medidas para todos ou non ten sentido”.
Desigualdades
“O mercado está sendo un ‘sálvese quen poida’. Hai granxas en Galicia que tiveron que recortar produción nos últimos meses ou mesmo que tiveron que pechar obrigatoriamente por non ter a quen venderlle o leite, en tanto outras están metendo moitos animais”, analiza. “De que serviría que unha granxa reducise voluntariamente produción se outra segue metendo animais?”, pregúntase o responsable de gandería do Sindicato Labrego.
“Houbo granxas que renunciaron a axudas de incorporación por non poder cumprir os aumentos de produción comprometidos” (Xabier Gómez, SLG)
Desde o Sindicato Labrego advirten tamén de que hai granxas en Galicia que tiveron que renunciar a unha axuda á incorporación por non poder cumprir cos aumentos da produción comprometidos, unha situación que revela ás claras como o fin das cotas lácteas non tivo na práctica o efecto liberalizador que se agardaba.
Mensaxe ó sector
En Cooperativas Agroalimentarias de España, o seu responsable de gandería, Fernando de Antonio, recoñece tamén as complicacións dun acordo de limitación da produción: “O sector carece de ferramentas para establecer plans de limitación das entregas” -valora-. “As perspectivas son de que a Interprofesional Láctea lance unha mensaxe orientada a pedir que se freen os aumentos de produción. Trataríase de non producir máis que no 2015”.
“A Interprofesional estudia lanzar unha mensaxe para que se freen os aumentos de produción” (Fernando de Antonio, Cooperativas Agroalimentarias)
As restriccións ós aumentos da produción xa se veñen aplicando na práctica por boa parte das industrias do sector. O posible chamamento da Interprofesional enténdese máis como unha mensaxe para os diferentes operadores que como unha estratexia práctica. O sector avoga xa buscar outras medidas concretas que poidan paliar a crise que atravesan as granxas.
Medidas
O Ministerio de Agricultura anunciou semanas atrás que traballa nun plan de refinanciamento de débedas para as explotacións en problemas. Tamén se agarda a apertura de plans de abandono dirixidos a anticipar o peche daquelas granxas nas que o seu titular estea próximo á idade de xubilación e non teña sucesión.
Outra posibilidade aberta por Europa é a concesión de axudas de Estado de ata 15.000 euros por granxa para a planificación temporal da reducción dos volumes de produción, se ben, esa medida semella de complicada execución. Que país vai fomentar a reducción da produción se os países do seu entorno continúan a medrar? O mesmo escenario é aplicable ás comunidades autónomas. Que comunidade estaría disposta en solitario a afrontar e financiar unha medida así?
Ante o escenario de dificultades, Santalla incide en que desde Upa remitíronlle unha proposta de novas medidas ó Ministerio. Entre as accións suxeridas por Upa figuran as seguintes:
– Buscar vías para apoiar economicamente ás arredor de 1.000 granxas que están entregando o leite por baixo de 25 céntimos.
– Financiar o transporte do leite destinado a intervención pública, de xeito que os custos de transporte do leite non repercuta nos gandeiros.
– Explorar vías que permitan mellorar a intervención pública e o almacenamento privado de lácteos.