A EVEGA formou no bienio 2014/2015 a preto de 2.000 persoas en materia de viticultura

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural, organizou nese período un total de 26 actividades formativas

Publicidade
A EVEGA formou no bienio 2014/2015 a preto de 2.000 persoas en materia de viticultura

Un total de 1.930 persoas participaron durante o bienio 2014/2015 nas accións formativas desenvolvidas pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), dependente da Consellería do Medio Rural.

Foron en total 26 as actividades de formación impulsadas por este centro, no contexto dun labor formativo baseado en tres piares básicos: por un lado, o Plan de Transferencia para o Agro Galego; por outro, o Plan de formación propiamente dito e, por último, os convenios de formación continua con centros de Formación Profesional, en concreto os IES Ribeiro (Ribadavia) e Ramón Cabanillas (Cambados).

As temáticas abordadas nestas accións formativas cobren todo o amplo abano de cuestións de interese para un sector dinámico coma o vitivinícola. Así, tratáronse aspectos como a viticultura ecolóxica e de precisión, viños de garda, calidade dos augardentes, defectos do viño, técnicas de cultivo, iniciación á cata de viños ou as enfermidades da madeira. Fíxose tanto en xornadas técnicas específicas como en talleres prácticos e cursos de formación. Neste contexto, cabe salientar a organización do I Congreso de Investigación en Viticultura e Enoloxía de Galicia que convocou, o 23 de xuño de 2015 en Ourense, a 15 grupos de investigación de centros públicos e universitarios.

Formación de novos profesionais

Ademais, no marco dos convenios de Formación cos ciclos de Elaboración de Aceites e Viños impartidos nos IES Ramón Cabanillas de Cambados e Ribeiro de Ribadavia, a EVEGA asumiu a formación práctica tanto en Viticultura coma en Enoloxía de 93 novos profesionais. Xunto con estes centros, a estación mantén tamén convenios de prácticas curriculares con outros IES, como A Granxa de Ponteareas ou A Carballeira de Ourense.

A maiores, no eido da Investigación, o Desenvolvemento e a innovación (I+D+i), no período 2014/15 a EVEGA desenvolveu 5 proxectos de innovación con adegas galegas no marco das axudas FEADER á innovación en produtos, procesos e tecnoloxías. Caracterización aromática de Albariños, Desalcoholización de viños, caracterización de variedades para escumosos, son algúns dos proxectos desenvolvidos pola EVEGA con empresas do sector no marco destas axudas de I+D+i. O máis salientable foi un proxecto desenvolvido coa Adega Godeval (O Barco de Valdeorras) que permitiu sacra ao mercado un viño godello elaborado con base na criomaceración da uva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información