Este domingo celebrouse na localidade ourensá de Castrelo de Miño a asemblea anual da Asociación de Produtores de Aceite e Oliva de Galicia (APAG), unha entidade que reúne xa a 120 socios, a maioría da provincia de Ourense, seguida de Pontevedra, Lugo e A Coruña.
Nesta asemblea, á que asistiron uns 80 socios e socias, a directiva comunicou que APAG segue a colaborar coa Fundación Juana de Vega e co CSIC na identificación das variedades galegas de oliveira.
Igualmente, seguen a colaborar con AMEODA e coa Asociación de Maestros de Almazara de España, da que forma parte APAG, para conseguir información para os seus asociados.
Outro dos aspectos nos que se incidiu é na necesidade de rexistrar as fincas con oliveiras de Galicia, de cara a conseguir a Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida para o aceite e as olivas galegas.
Igualmente, trasladouse o compromiso da Consellería de Medio Rural para realizar un estudo sobre as posibilidades do sector en Galicia a nivel agronómico.
Por último, informouse dos cursos e actividades que ten previsto APAG de cara á próxima temporada para a formación dos seus asociados. Entre eles inclúese unha charla sobre os coidados e abonados do oliveiral, e que será impartido por un técnico de Jaén, ou un curso de cata de aceites.