Milk Unlimited, unha granxa americana con 3.200 vacas que decidiu pasarse aos cruzamentos

Creada en 1998, esta explotación con máis de 3.000 cabezas situada en Iowa optou en 2018 por vender as súas xovencas holstein e introducir gando Procross nos seus establos. “Unha taxa de reposición por enriba do 40% como a que tiñamos nós é insostible”, aseguran

Kelly Cunningham, propietario de Milk Unlimited

Kelly Cunningham, propietario de Milk Unlimited

Kelly Cunningham é propietario, xunto á súa muller Christy, de Milk Unlimited, unha explotación láctea con 3.100 vacas en produción situada en Atlantic, na zona rural do condado de Cass, no suroeste do estado de Iowa (Estados Unidos).

Hai 24 anos, cando se creou a granxa, arrincou con 1.800 vacas holstein, cunha produción media de 32 litros. A mellora das pautas de manexo e alimentación fixo incrementar a produtividade do gando. Pero a medida que o rabaño ía aumentando, os problemas sanitarios e reprodutivos tamén o facían.

“A nosa fertilidade era aceptable no inverno, pero moi pobre nos meses de verán e a nosa taxa de eliminación era moi alta”, admite Kellly, que en 2018 comezou a cruzar o seu gando buscando maior lonxevidade. “As nosas vacas producían ben, pero non duraban. Unha taxa de reposición por enriba do 40% como tiñamos nós é insostible”, asegura.

Cunha taxa de reposición por enriba do 40%, en 2018 comezaron a cruzar o seu gando buscando maior lonxevidade

“En abril de 2018 empezamos a facer a nosa experiencia Procross. Vendemos xovencas holstein e compramos xovencas Procross trihibridas a outras granxas de EEUU en Idaho (Andersens), Michigan (Bradfords) e California (Bergwerffs) que levaban anos facendo cruces para desta forma adiantar o proceso. Ao mesmo tempo usamos nas nosas vacas seme montbeliard na primeira xeración e vermello sueco en segunda xeración”, explica.

O 70% do gando é Procross

MILK UNLIMITED (Iowa) cubiculos

Neste momento contan con 2.700 vacas en muxido, das que o 70% son xa vacas cruzadas e o resto holstein puras. “Estamos a converter o 100% do rabaño a Procross. Estamos moi contentos co resultado. Buscabamos máis produción vitalicia, máis graxa e proteína e menos gasto veterinario e lográmolo”, asegura Kelly.

Buscabamos máis produción vitalicia, máis graxa e proteína e menos gasto veterinario e lográmolo

Antes de seguir o método Procross, Milk Unlimited fixera algunha proba con xersei. “Empezamos a facer cruzamientos con xersei pero tralo primeiro cruzamento non sabiamos que facer. Queremos unha vaca moderada de tamaño, a holstein é demasiado alta e a xersei moi pequena”, insiste.

“Eu utilizo o sistema Procross de 3 razas porque me baseo nos resultados científicos, que me din que é mellor que cruzar só con 2 razas. Para min as granxas de cruzamento de holstein con xersei non son comparables. Como primeiro cruzamento prefiro coa montbeliard. A primeira xeración de holstein con montbeliard son vacas moi robustas”, indica.

Redución do gasto veterinario

“Antes de empezar a facer cruces, os nosos custos de medicinas estaban entre 20.000 e 25.000 dólares ao mes”, contan. Ao manter aínda un 30% de vacas holstein puras, Kelly pode facer comparacións: “Nas frisoas a cetose afecta ao 4% das vacas, mentres nas Procross esa porcentaxe é só do 1%, é dicir, un 72% menos de incidencia de cetose”, explica.

Os nosos custos veterinarios eran demasiado altos, entre 20.000 e 25.000 dólares ao mes de media

O mesmo ocorre co resto de enfermidades habituais: “Mastite: 11% en procross e 27% en frisoas, un 61% menos nas cruzadas. Pneumonía, 11% en holstein e 8% en procross, case un 30% menos. A metrite afecta ao 4% das frisoas, do mesmo xeito que a retención de placenta, mentres que o desprazamento de abomaso preséntase un 65% menos veces en vacas procross. Finalmente, na febre do leite, hai moita diferenza: 1% en procross e 7% nas frisoas, é unha cifra demasiado alta nas holstein”, conclúe.

Menos hormonas

MILK UNLIMITED (Iowa) vaca procross parideira

Malia a mellora sanitaria lograda no rabaño, Kelly asegura que “a reprodución é a gran diferenza”. As vacas procross pasan de media 26 días abertos menos que as frisoas (media de 96,3 días nas vacas cruzadas e 122,3 nas puras). “O 87% das procross están preñadas aos 150 días de lactación, nas holstein lográmolo só nun 81%, iso é un 5,7% máis de vacas preñadas procross”, detalla.

“Logramos ademais reducir as doses necesarias, usamos ata 900 inseminacións menos na granxa coas procross, iso reduce tempo e custo na persoa encargada da inseminación. O inseminador empeza ás 6 da mañá e acaba ás 10 e media”, explica. Empregan seme sexado de montbeliard e vermello sueco nas xovencas. “Iso estanos permitindo usar máis carne no resto do rabaño”, conta.

Antes eramos grandes usuarios de hormonas para asegurar a reprodución

“Antes tiñamos que usar hormonas de seguido para lograr fertilidade”, recoñece Kelly. “A min persoalmente non me gustan e na nosa granxa nas vacas procross non usamos hormonas antes dos 100 días en leite. A taxa de utilización a partir de entón é do 20% nas procross, mentres que nas holstein é necesario usalas na metade das vacas e xa a partir dos 50 días en leite”, compara.

Maior lonxevidade

“A base de gastar moito diñeiro e producir con custos de produción moi altos, as nosas vacas estaban ben, pero non duraban. Unha taxa de reposición do 40-45% como a que nós tiñamos non é sostible, porque fan falta demasiadas xovencas de recría”, afirma Kelly.

Logramos unha lactación máis, polo que necesitamos 635 xovencas menos cada ano

Ao pasarse ao gando cruzado, Milk Unlimited reduciu significativamente a súa taxa de eliminación. “Hai unha lactación de diferenza entre procross (2,8 lactacións de media) e holstein (1,7). A taxa de eliminación é do 19% para as procross e do 47% nas holstein. É un impacto importante, porque necesitamos 635 xovencas menos por ano, e se temos en conta que cada unha custa uns 2.000 dólares, iso implica un aforro de 700.000 dólares na nosa granxa”, calcula.

Menor inxesta

MILK UNLIMITED (Iowa) establo procross

Aínda que producen millo e alfalfa, esta gandería americana é moi dependente da compra de insumos externos. “Os altos custos de alimentación afectan ao resultado económico final da granxa”, recoñece Kelly.

A toma de datos é unha constante nesta granxa como forma de mellorar a eficiencia e reducir custos

“A metade dos nosos custos é a comida e interesábanos baixar isto”, engade. Por iso buscaban un tipo de animal de tamaño medio capaz de manter a condición corporal cunha dieta máis barata, a base de máis fibra e menos concentrado. “O noso rabaño procross produce con 1,2 quilos menos de inxesta de materia seca, iso supón un 5% menos de custo de alimentación”, detalla.

Cambio de comprador: de leite líquido a queixo

Vista de la granja, formada por cuatro naves y almacenes de forraje

Vista da granxa, formada por catro naves para o gando e almacéns de forraxe

Até o 2017 Milk Unlimited vendía a súa produción a unha industria dedicada ao envasado de leite líquido, un mercado máis inestable e con menor demanda actual en EEUU. “O consumo de leite líquido baixou moito, mentres o de queixo e manteiga está a aumentar. O noso comprador de leite líquido deixaba de recollernos e tivemos que buscarnos un novo mercado. Hoxe vendemos a unha queixaría”, explican.

O consumo de leite baixou moito en EEUU, tiñamos que buscarnos un novo mercado

Coas súas 2.700 vacas en muxido, producen cada día 105.000 litros de leite, que envían á planta de fabricación de queixo de Sanborn, que pertence á principal cooperativa láctea de EEUU, AMPI (Associated Milk Producers), formada por máis de 2.000 granxas de 6 Estados americanos (Wisconsin, Minnesota, Iowa, Nebraska, Dakota do Sur e Dakota do Norte). Nas súas 10 plantas de transformación a cooperativa dá emprego a 1.200 persoas e produce o 10% do queixo de EEUU.

O cambio de comprador obrigou tamén a Milk Unlimited a modificar a materia prima que producen. A media de graxa e proteína da granxa nos últimos 12 meses sitúase no 4,09% de graxa e o 3,14% de proteína, cando con anterioridade á introdución dos cruzamientos eses niveis eran do 3,5% de graxa e 2,6% de proteína.

De cara ao futuro buscamos producir leite con betacaseina A2 e con capacaseina BB; estamos a seleccionar touros para iso

“Hai moita diferenza na produción de sólidos entre o rabaño cruzado e o holstein puro. As nosas vacas procross están nun 4,21% de graxa e un 3.24% de proteína, mentres as frisoas están en 3,78% de graxa e 3,06% de proteína. De cara ao futuro buscamos aínda máis sólidos, sobre todo máis proteína, chegar a 3,3-3,4%. Estamos a seleccionar os touros para iso. Buscamos tamén máis leite con betacaseina A2 e con capacaseina BB”, conta Kelly.

O transporte do leite ata a planta de transformación de Sanborn corre por conta da propia explotación. “Transportar o leite é o cuarto gasto máis importante na nosa granxa”, indica. Por iso, producir máis sólidos é unha forma de reducir gastos. “O custo de transporte do leite é agora un 6% menor, porque podemos meter 100 litros de leite nun recipiente de 94,2 litros”, exemplifica .

“A granxa é agora máis rendible”

MILK UNLIMITED (Iowa) granxa procross

A toma constante de datos é unha ferramenta fundamental nesta granxa como forma de mellorar a eficiencia produtiva e a rendibilidade final da explotación. “Se miramos só o volume de leite por lactación a produción é un pouco menor nas procross (39 litros diarios de media) fronte ás holstein (43 litros), pero se miramos todo o demais o resultado é moi favorable. Gastamos medio dólar menos de comida e o aforro no custo sanitario é de 40 céntimos por vaca e día”, detalla.

“Na miña granxa logro medio dólar máis de rendibilidade ao día nas procross, iso en 1.000 vacas son 186.000 dólares ao ano. Temos case 3.200 vacas, iso representa 600.000 dólares máis de ingresos anuais”, indica Kelly.

Custa moito cambiar a mentalidade porque a vaca holstein é case unha cuestión de tradición en EEUU

“Encántannos as Procross; son máis rendibles. Os vendedores de seme que veñen á nosa granxa non poden competir contra iso. Pero custa moito cambiar a mentalidade porque a vaca holstein é case unha cuestión de tradición en EEUU”, admite.

No caso de Milk Unlimited ese cambio veu motivado pola necesidade de reducir a taxa de sacrificio e producir máis sólidos para o seu novo comprador, pero os beneficios víronse reflectidos no conxunto da explotación. “Somos máis sostibles porque temos máis saúde, reprodución e lonxevidade e menos carga de traballo e de man de obra. Os cruces cambiaron a nosa granxa para ben”, conclúe Kelly.  

Só 400 hectáreas para 3.200 vacas

Vista aérea de las instalaciones de Milk Unlimited

Vista aérea das instalacións de Milk Unlimited

Milk Unlimited atópase situada no centro de EEUU, nunha importante zona de produción de millo, aínda que a superficie agraria da que dispón esta granxa non lle permite ser autosuficiente. “Temos 400 hectáreas, 300 son para produción de millo para silo e o resto para alfalfa”, indica Kelly.

O 70% da superficie é para silo de millo. O resto de cereais comprámolos

Recollen unhas 36.000 toneladas anuais de silo de millo e empregan unhas 175 toneladas diarias para a alimentación do gando. A ración está formada por silo de millo, alfalfa, fariña de millo e soia. Os animais en produción aliméntanse tres veces ao día con comida fresca recén elaborada.

Recría externalizada

As instalacións de produción divídense en 3 naves con capacidade para 900 vacas cada unha. A maiores, dispoñen doutra nave para vacas secas e xovencas preñadas próximas ao parto.

Teñen unha media de 10 partos diarios e a recría realízana en dúas granxas especializadas, primeiro en Iowa e máis tarde en Colorado, de onde as xovencas regresan mes e medio antes do parto.

“Cos cruzamientos, notamos unha gran diferenza no manexo e supervivencia dos tenreiros. Son totalmente diferentes; mostran unha gran vitalidade. Despois dun cuarto de hora xa están de pé e van buscar á nai. Pouquísimas veces hai que intervir sobre eles. Os tenreiros holstein despois de media hora aínda están tombados e hai que intervir máis”, di Kelly.

35 traballadores

MILK UNLIMITED (Iowa) sala muxido

O volume de animais cos que conta a explotación fai que sexa altamente dependente de man de obra contratada. A granxa conta con 35 traballadores. Por iso, lograr un tipo de gando máis duro, que requira menores atencións é un factor determinante para reducir as necesidades de persoal.

“As frisoas hai que estar enriba delas todo o tempo, coas procross o manexo é máis sinxelo, non hai que estar tocándoas tanto. Teño 35 empregados e non queren máis holstein”, asegura Kelly.

Moxen 300 vacas cada hora nunha sala de 60 puntos que está funcionando as 24 horas do día

“Os que se ocupan da enfermería e a paridera están máis contentos, os que atenden a reprodución tamén porque teñen menos traballo, e os que moxen o único do que se lamentan é que as vacas son un pouco máis nerviosas”, recoñece.

Clima extremo

Análisis de la calidad de los ensilados de maíz

Análises da calidade dos ensilados de millo

Outro factor positivo que Kelly ve ao gando cruzado é a súa mellor adaptación a temperaturas extremas como as que se dan nesta zona de Iowa. “Nesta zona fai moita calor no verán e tiñamos moitos problemas para manter a produción. Coa calor o pasado verán as procross perderon 2,5 litros de produción diaria e as holstein 6 litros. As procross están a resistir moito mellor o estrés por calor do verán”, asegura.

Instalaron sistemas de ventilación para mitigar a calor no verán e reducir as perdas de produción

Os contrastes térmicos son unha das características climatolóxicas na zona onde se sitúa a granxa. “No verán temos problemas respiratorios porque as vacas están confinadas, con alta humidade e temperatura e no inverno na nosa zona a temperatura pode chegar a 20 graos baixo cero. Temos que poñer mantas aos tenreiros”, explica.

Coidado do benestar animal e o medio ambiente

MILK UNLIMITED (Iowa) cubiculos2

Esta granxa prioriza as boas prácticas de coidado dos animais e a terra, un labor que lles serviu para lograr o Premio Wergin Good Neighbor, que recoñece aos gandeiros que se enorgullecen de coidar o medio ambiente e ao seu gando.

As camas do gando son de area e non deixan descuberta a terra

“Nas camas empezamos con serrín e agora usamos area e coidamos a terra mediante a implementación de cultivos de coberteira e cunha boa xestión do esterco”, conta Kelly. Neste ámbito, por exemplo, introduciron un sistema de xestión de esterco por aireación que foi pioneiro hai 20 anos en Iowa.

  • Reportaxe elaborada en colaboración con Global Genetics

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información