O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) iniciará o vindeiro martes día 15 de novembro en Chantada unha rolda de asembleas informativas sobre a Política Agraria Común (PAC) que comezará a ser aplicada a partires do 2023. Nestas reunións abordarán cuestións coma os novos pagos, a conversión dos dereitos, os ecoréximenes, a condicionalidade reforzada ou as novas agroambientais, entre outras cuestións.
“A nova PAC vaise solicitar en marzo e abril do 2023, pero as labregas e labregos precisamos saber as súas características e requisitos antes de que entre en vigor”, apuntan ó tempo que animan a asistir a algunha das asambleas informativa que van realizar.
Ademais, como apuntan dende o Sindicato Labrego, canda a nova Política Agraria Común, para o ano 2023 entra en vigor moita normativa que tamén mudará fondamente a vida das granxas.
Fixadas 25 charlas
A organización agraria ten programadas 25 asembleas en toda Galicia, nas que farán un repaso por todas as axudas da solicitude única e os requisitos das mesmas. A primeira das charlas terá lugar o vindeiro martes día 15 de novembro en Chantada (Lugo). Será ás 11.00 horas no local do Sindicato Labrego Galego da vila, situado na rúa Emilia Pardo Bazán, á altura do número 11. As persoas que queiran solicitar máis información sobre a charla de Chantada poden facelo no teléfono 666 935 548.
Neste mes tamén realizarán outras 11 charlas. As datas fixadas neste momento para a segunda quincena de novembro son as seguintes:
- 16 de novembro en Lourenzá e Ordes
- 17 de novembro en Xinzo
- 18 de novembro en Arzúa e Melide
- 22 de novembro en Currelos (O Saviñao) e Castroverde
- 23 de novembro en Carballo
- 24 de novembro en Becerreá
- 29 de novembro no Corgo
- 30 de novembro en Láncara