‘Conta láctea’, a aplicación para granxas orientada a calcular custos de produción

Medio Rural anuncia que xa rematou a ferramenta informática, que se poderá utilizar online a través dunha web. Prevé un ciclo de charlas explicativas, así como formación para os técnicos das oficinas agrarias e un servizo de consultas de usuarios

‘Conta láctea’, a aplicación para granxas orientada a calcular custos de produción

A Xunta ten previsto presentar proximamente a aplicación informática Conta Láctea, unha ferramenta que lle permitirá calcular ás granxas os seus custos de produción. O servizo, posto en marcha en colaboración coa Fundación Juana de Vega, estará dispoñible online a través dunha web. Medio Rural sinala que a aplicación permitiralle ás granxas levar a contabilidade completa da súa web e coñecer como son os seus custos de produción en comparación cos medios do sector e cos das granxas do seu mesmo estrato de tamaño.

A aplicación xa está rematada e está previsto que se presente proximamente. A Consellería planea despois iniciar un ciclo de charlas informativas para gandeiros, así como ofrecer formación sobre o seu uso para os técnicos das oficinas agrarias comarcais. Tamén se incorporará a formación sobre a aplicación Conta Láctea nos cursos de incorporación ó agro ou nos de xestión empresarial que ofrece Medio Rural. Outra vía de apoio ós usuarios será un servizo específico de atención de consultas e dúbidas, segundo anuncia a Xunta.

Medio Rural subliña que Conta Láctea permitirá que as granxas calculen os seus custos de produción por litro de leite, o que considera de especial interese para a negociación de contratos entre industrias e gandeiros, pois como é sabido, a Ley de la Cadena Alimentaria prohíbe transaccións por baixo dos custos de produción. Así, a Consellería defende que a aplicación é unha ferramenta de especial interese tanto para as granxas como para técnicos e organizacións de produtores de leite.

Conta Láctea desenvolveuse no marco da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo. A Fundación Juana de Vega, que coordinou a elaboración da Estratexia, asinou posteriormente un acordo coa Xunta para asumir a elaboración dun estudo de custos das explotacións lácteas galegas. Para iso foi preciso chegar a acordos con empresas que na actualidade lle están dando un servizo de xestión económica ás explotacións, a fin de lograr a cesión dos datos que xestionan. Asimesmo, a Fundación Juana de Vega asumiu a elaboración dunha aplicación informática para o cálculo de custos e comparación de resultados, que é a que agora ve a luz.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información