“A pandemia fixo aumentar o consumo de leite pero se non seguimos traballando para expandir os produtos lácteos na poboación será pasaxeiro”

Entrevistamos, con motivo do Día Mundial do Leite, que se celebra hoxe, a Carlos Spuch, investigador senior do Grupo de Neurociencia Traslacional no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Spuch é un dos maiores expertos galegos sobre os beneficios que aportan os produtos lácteos sobre a saúde humana

Carlos Spuch, investigador senior do do Grupo de Neurociencia Traslacional no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur

Carlos Spuch, investigador do Grupo de Neurociencia Traslacional no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur

O Día Mundial do Leite foi establecido no ano 2001 pola FAO para recoñecer a súa importancia como alimento global. Cada 1 de xuño, produtores de distintos lugares do planeta, tamén galegos, reivindican o seu traballo e a súa contribución á saúde da humanidade.

Pero un dos alimentos máis sans e completos que existe está a sufrir desde fai anos ataques inxustificados e sen base científica. Para desbotar estas fake news consultamos co investigador galego Carlos Spuch, que nos aporta argumentos reveladores para seguir confinado ao leite un papel preponderante na nosa dieta diaria.

– Cales son os beneficios do consumo de leite e produtos lácteos?
– Os beneficios dos produtos lácteos son inmensos, ao leite e produtos lácteos pódeselles considerar como un superalimento porque só tomando unhas racións diarias de produtos lácteos estás a tomar case todos os nutrientes que necesitamos para vivir saudablemente. Sabemos que o leite é moi bo polos nutrientes que ten, para o noso sistema cardiovascular, para o noso sistema inmune, para evitar a obesidade, para controlar a presión arterial, e o máis importante, porque está moi boa.

O leite é un superalimento: é bo para o sistema inmune, para o sistema cardiovascular, para evitar a obesidade e para controlar a presión arterial

Aquí quero resaltar algo moi importante, a maior parte dos beneficios están na graxa dos produtos lácteos, e o sabor destes tamén. Que significa isto? Que o máis san e saudable, aínda que pareza paradoxal, é tomar os produtos lácteos coa súa graxa, é dicir, leite enteiro, iogures coa súa graxa, queixos coa súa graxa, manteiga, xeados, etc.

– Que recomendacións darías en canto a consumo de leite e derivados?
– As recomendacións de racións diarias varían entre as diferentes idades, obviamente non é o mesmo falar de nenos, adolescentes, adultos ou persoas maiores, pero tampouco me gusta falar de recomendacións diarias porque iso implica como unha obriga para comer certas cousas e cantidades. O máis importante cando comemos é que gocemos a comida, que o que comamos sexa san, de proximidade e que non sexa procesado, pero non pensemos en que temos que comer certas cousas ao día, hai moitos produtos lácteos diferentes para que cada un tome o que queira nese momento.

– É preocupante a rebaixa do consumo de leite nun grupo de idade como son os nenos?
– Se nos centramos nos nenos, o leite é un produto fantástico. Moitas veces os nenos, porque non teñen fame ou queren irse xogar rápido, queren comer rápido. Pero o que lles damos ten que ser algo nutricionalmente bo, san e que os encha e aí temos nos produtos lácteos unha das grandes estrelas: achégalles o calcio, vitaminas, proteínas e graxa necesarias para poder facer a súa actividade diaria e para medrar, xogar e desenvolverse cognitivamente.

A maior parte dos beneficios do leite están na graxa; hai que tomalo enteiro

Por iso é tan importante manter o consumo de lácteos nos nenos, e como dixen antes, que os gocen. Que mellor maneira de que coñezan un gran produto lácteo como un bo xeado, ou un iogur? E desde aí, co desenvolvemento do padal, podemos ir aos diferentes tipos de queixos. E como non, tomarse un bo vaso de leite para hidratarse despois de xogar no parque ou adestrar.

– Consideras que as xeracións máis novas como os adolescentes ou mesmo os mozos de 20 a 30 anos están a abandonar o consumo frecuente de lácteos e introducindo na súa dieta outros produtos como snacks, doces ultraprocesados ou bebidas enerxéticas?
– Esa é probablemente una das causas polas que estamos a empeorar a nosa saúde e seguramente sexa a causante da obesidade infantil e adulta ou enfermidades crónicas como a diabete. É importante saber que un pode comer o que queira, pero non podes abusar e a base da alimentación non poden ser estes produtos. Estamos a condenar ao noso corpo ás futuras enfermidades relacionadas co metabolismo, e aquí van desde as enfermidades cardíacas, cancro, trastornos mentais, obesidade, etc. Temos a obriga de transmitir de forma correcta e educativa, que saiban que poden gozar de alimentos sans e ao mesmo tempo moi ricos, porque poden comer un xeado artesanal só feito con leite e zume de froita, iogures, etc.

Os rapaces sorpréndense cando lles explicas os beneficios dos produtos lácteos e todo o traballo que hai detrás

Outro punto importante, esta actividade témola que facer desde a educación, os rapaces teñen que probar os alimentos, teñen que probar un bo xeado, ou un bo iogur e as súas variedades, ou os diferentes tipos de leite que temos en Galicia, para que eles digan, recoiros que bo está isto! e non o refuguen porque unha vez obrigáronos a tomar algo que non lles apetecía. Os pais e nais, os produtores e a Administración temos a obriga de darlles esta información e que eles decidan en base aos seus gustos e personalidade. Isto é moi importante.

– A pandemia fixo aumentar no último ano o consumo de leite, queixo e iogures nos fogares. Pensas que esta tendencia se vai consolidar ou que é algo pasaxeiro e volveremos ao descenso no consumo de leite dos últimos anos?
– É certo que a pandemia provocou este aumento do consumo de leite, pero creo que se non seguimos traballando en expandir os produtos lácteos na poboación será pasaxeiro.

– A que achacas o aumento de demanda de lácteos durante a covid-19?
– A razón foi que estivemos moito tempo pechados na casa, sen reunións no exterior, así o que se fixo é diminuír a necesidade de consumir snacks e ultraprocesados porque a maior parte consómense no traballo, no instituto, en reunións, etc. A pandemia, dentro de todo o malo que sufrimos, dános unha oportunidade de cambiar, desde as nosas vidas ata as nosas relacións sociais e económicas.

Unha das moitas cousas que evidenciou esta crise sanitaria é que a nosa actividade e produtividade económica propia é baixísima. Isto fixo que un país como España quedase sen moitos produtos. Galicia é moi rica en produtos alimentarios, pero case todo o importamos téndoo en Galicia. Algo bo que tivo o coronavirus é que durante estes meses chegaron aos supermercados produtos galegos que antes non chegaban porque viñan de fóra.

Durante esta pandemia un dos colectivos esquecidos e que nos salvaron de situacións peores foron os gandeiros, agricultores e produtores galegos

Durante esta pandemia un dos colectivos esquecidos e que nos salvaron de situacións peores foron os gandeiros, agricultores e produtores galegos, que traballaron igual ou máis que durante un ano normal para que continuase a subministración de produtos aos nosos supermercados. Os produtos lácteos galegos son de moi alta calidade nutricional e empresarial, e o primeiro sitio onde debemos velos e valoralos é en Galicia e España en xeral. Isto non só será bo para a nosa saúde, será moi bo para a nosa economía. Se compramos produtos de proximidade, quen se beneficia é a nosa xente.

– Malia ás campañas de desprestixio das últimas décadas, seguimos asociando o leite a un produto saudable? 
– As campañas de desprestixio van encamiñadas a baixar o valor económico dos produtos lácteos e poder sacalos en forma de procesados, onde pagas pouco aos gandeiros e véndelos ti moito máis caros.

– Consideras que hai suficiente información e coñecemento sobre o leite entre os consumidores?
– Neste punto sinto ser crítico, pero creo que se fixo moi mal a comunicación e educación da poboación en favor dos beneficios dos produtos lácteos. Isto provocou que gañasen os que os descualifican e rexeitan. Un exemplo disto estámolo vivindo agora coas vacinas. Un produto que está a salvar millóns de vidas e que nos sacará desta pandemia, está a ter cada vez máis rexeitamento, e o problema non foron as vacinas, foi a comunicación e a censura exercida, isto ao final provoca rexeitamento social.

Co leite ocorreu o mesmo que pasa neste momento coas vacinas, fíxose tan mal a comunicación e a educación que agora os produtos lácteos non están ben vistos socialmente

Dun modo máis lento ocorreu cos produtos lácteos, a comunicación foi tan mala, non se fixo, e o que provocou é que agora os produtos lácteos non están ben vistos socialmente. Isto témolo que cambiar, e aquí teñen que coller as rendas os produtores. Persoalmente colaboro neste aspecto con algunhas empresas como Bico de Xeado, Deleitar ou Kalekói, onde tratamos de chegar aos nenos e adolescentes. Os rapaces sorpréndense cando lles explicas os beneficios dos produtos lácteos e todo o traballo que hai detrás de todos estes produtos. Aquí animaría aos produtores e distribuidores a realizar unha intensa actividade de educación para que a xente coñeza os beneficios, poidan preguntar e probar os produtos.

– E entre outros sectores que deberían ser prescriptores de leite? Dígoo porque cando vas co cativo ao médico porque ten mocos ou está acatarrado o primeiro que che dí é que non lle deas leite durante uns días.
– Isto é un problema complicado porque hai máis cuestións a parte dos lácteos en si mesmo. Pero liquídase da mesma forma. Resólvese con educación e sobre todo con investigación. Os médicos fíanse e nútrense das novas investigacións, se queremos que os médicos non digan isto habería que educalos coa información que xa se sabe, habería que realizar investigacións propias con produtos lácteos galegos e demostrar os seus beneficios. Moito xa está feito, pero, coma sempre, fóra de España. Se de verdade queremos valorar os lácteos galegos hai que apostar pola investigación en saúde, se non nunca lograremos que un médico cambie de opinión, e aínda que sexa triste dicilo, en Galicia e España en xeral a investigación neste campo e baixísima.

Se de verdade queremos valorar os lácteos galegos hai que apostar pola investigación en saúde feita con produtos lácteos galegos

– Por qué cada vez se consume menos leite enteiro?
– Sinxelo, seguimos crendo que o consumo de graxa é malo, e así nolo venden.

– Pero tense descuberto que, lonxe do que se pensaba, a graxa do leite é beneficiosa para o organismo. En qué nos axuda?
– A realidade é que o consumo excesivo de graxa é malo, pero o consumo de graxa de forma moderada é san. Unha cousa que sempre digo nas charlas, o cerebro é un 70% graxa; se non consumimos graxa, e sobre todo os nenos, non o fornecemos da graxa que necesita para crecer e funcionar.

O cerebro é un 70% graxa, se non consumimos graxa, e sobre todo os nenos, non lle estaremos aportando o que necesita para crecer e funcionar

Cando antes che dicía que o leite é bo nas súas accións cardiovasculares, inmunolóxicas, cognitivas, tensión arterial, etc, pois o que fai isto son as graxas que teñen os lácteos. Se os retiras ao beber ou comer lácteos sen graxa, non tomas os beneficios do leite. O tema da graxa é moito máis complexo que o que vemos, non é quitala e xa está, é saber consumila de forma correcta e consumir as graxas adecuadas. Hai dous produtos que son os mellores en canto a graxa de calidade, o leite e o peixe azul. Por iso debémolo tomar sempre enteiro.

O leite debémolo tomar sempre enteiro, se lle retiramos a graxa non estaremos tomando os beneficios do leite

– A quen beneficia entón que o leite que se bebe sexa semidesnatado ou desnatado?
– O beneficio é para a industria, porque da graxa sácase manteiga, e agora é moi cara e dela obtéñense moitos beneficios. Pero vexo ben que se faga, que aproveiten os outros produtos para facer manteiga, porque agora xa hai moita xente á que non lle gusta o sabor do leite coa súa graxa, e para esta xente, que é moita, os produtos semidesnatados e desnatados son unha gran oportunidade para seguir tomando lácteos sen graxa.

O consumo de manteiga de forma axeitada é moi san

É importante pensar en toda a xente e na variedade de consumidores que temos. E aquí hai un punto que comentaba antes, os alimentos, e no noso caso os produtos lácteos, telos que gozar e paladear. E haberá persoas ás que lles guste o sabor da graxa do leite e outras ás que non.

Algúns leites comercializados por ganderías galegas

Algúns leites frescos comercializados por ganderías galegas

– Ao contrario do que acontece en países como o Reino Unido ou os países nórdicos aquí o leite que se bebe é maioritariamente UHT, no canto de leite fresco pasteurizado. Por que? É máis unha cuestión de comodidade por parte das industrias ou dos consumidores?
– Este é un paradoxo cultural que veu provocado pola industria que vende estes produtos. O leite UHT sería como un procesado do leite fresco pasteurizado. Sempre o digo, se queremos vender leite galego a China ou a Romanía o leite UHT é unha solución perfecta e a única forma de facelo. Pero se queremos vender leite en Galicia ou España o máis saudable para nós e beneficioso para os nosos gandeiros é o leite pasteurizado.

Se queremos vender leite galego a China ou a Romanía o leite UHT é a única forma de facelo, pero se queremos vender leite en Galicia ou España o máis saudable para nós e beneficioso para os nosos gandeiros é o leite pasteurizado

A nivel persoal cada vez teño máis evidencias de que moitos dos problemas do rexeitamento ao leite veñen deste predominio do leite UHT sobre o pasteurizado, pero obviamente, isto fai falta demostralo cientificamente, e non se fai nin interesa. Outro punto é o sabor, quen proba o leite UHT por unha banda e diferentes tipos de leites galegos pasteurizados nótase no sabor e na textura.

– Non é unha incongruencia que pasando diariamente as cisternas cheas de leite do día por diante das nosas casas das ganderías cara ás industrias acabemos tomando leite ultraprocesado e con varios meses de envasado?
– Totalmente, é como ver pasar ouro por diante nosa e non poder nin tocalo, e se o usamos é para triturarlo e facer barro. Nun artigo de prensa definín ao leite como o noso ouro branco e así o penso, temos unha gran materia prima que non aproveitamos e non valoramos, e isto só se fai con educación e investigación.

– Que habería que facer, pois, ao teu xuízo, para relanzar o consumo de leite pasteurizado?
– Temos que mirar o que fixeron as adegas galegas cos viños e copiar ese traballo no sector lácteo, non hai que inventar nada. Eu isto compararíao cos viños galegos: se collemos toda a uva galega, xuntámola e facemos un viño barato todo igual, que sería o leite UHT, ou facemos como é agora o sector do viño, onde temos diferentes tipos de uvas, diferentes zonas e isto fai que teñamos grandes viños galegos e moi diferentes. Isto sucede cos lácteos, as nosas vacas non son as mesmas en canto a alimentación, rexión climatolóxica, actividade física, e isto dá diferentes tipos de leite, nin malos nin bos, só con diferentes sabores. Isto é o que temos que lograr en Galicia e España en xeral, e sobre todo, sabelo valorar.

Temos que mirar o que fixeron as adegas galegas cos viños e copiar ese traballo no sector lácteo

– Cales son as principais diferenzas nutricionais e en materia de saúde do leite pasteurizado e do leite UHT?
– O procesado do leite UHT é darlle un golpe de calor forte uns segundos, mentres que a pasteurización é facelo máis suave e máis tempo. Para entender os cambios que se producen nos alimentos a xente ten que entender que estes están formados por moléculas onde a súa estrutura tridimensional é moi importante. Cando damos un golpe de calor moi forte (UHT) modifícanse estas estruturas, isto de modo resumido significa que cando os comemos provocan unha leve actividade inflamatoria, non nos pon enfermos nin nada, só xera malestar, pero é suficiente para que a longo prazo provoque rexeitamento ao consumo destes produtos.

O leite pasteurizado conserva as propiedades inmunolóxicas e antiinflamatorias que teñen as súas graxas e proteínas, o UHT non

Co leite pasteurizado ocorre o contrario, este conserva as propiedades inmunolóxicas e antiinflamatorias que teñen as súas graxas e proteínas. Hai moitas diferenzas e traballos publicados fóra de España, pero sería moi importante facelo en Galicia co obxecto de que gañe valor e todos gañen, os gandeiros, distribuidores e consumidores.

– Tes falado de que as persoas que teñen dificultades para dixerir a lactosa poderían chegar a consumir leite pasteurizado…
– A lactosa é o azucre do leite, e a súa dixestión vén da molécula o encima lactosa. Esta molécula témola os europeos de forma natural no intestino, a través das bacterias do intestino, o que agora está tan de moda, coñecido como o microbioma. Se non tes esta molécula no teu intestino a lactosa non a dixires e pode sentarche mal. As bacterias que teñen esta molécula son as do xénero lactobacillus. Estas bacterias son moi beneficiosas para a nosa saúde en moitos aspectos, non só na dixestión da lactosa. Pero para que estas bacterias vivan no noso intestino hai que darlles para comer, e a única forma é tomando produtos lácteos. Agás que sexas alérxico, o mellor é ir comendo lácteos moi aos poucos durante meses e anos, e así recuperar estas bacterias. Así teremos dous beneficios, un é que tomamos azucre dun modo san, e outro pola presenza destas bacterias no noso microbioma a nivel de enfermidades mentais e neurodexenerativas.

– É seguro o consumo de leite cru? Ou é aconsellable fervelo, como se fixo sempre nas casas labregas, para garantir a súa seguridade alimentaria?
– O leite denominado cru é directamente o leite muxido da vaca sen máis procesamentos. Obviamente, este tipo de leite necesita controis microbiolóxicos que aseguran que non se contamina e a distribución ten que ser rápida, en frío e segura. Nos nosos días isto non é ningún problema se se fai ben, non hai que miralo raro, se nos fixamos noutros sectores vemos que isto é habitual. Por exemplo, o peixe e marisco fresco das lonxas galegas transpórtase a Madrid e outros lugares para a súa distribución por toda España. Se se fai ben non hai ningún problema; pois co leite pasa o mesmo, se se fai de forma correcta este é o mellor leite que podes tomar.

A distribución ten que ser rápida, en frío e segura. Nos nosos días isto non é ningún problema e se se fai de forma correcta este é o mellor leite que podes tomar

As empresas que se dedican a este tipo de leite son moi conscientes da calidade deste produto e das medidas de seguridade, mesmo máis que calquera, por iso eu non teño ningunha dúbida de que este tipo de leite é moi seguro cando se compra. Outra cuestión é cando chega á casa; se non rompes a cadea de frío non hai ningún problema de contaminación, pero para estar seguro pódese ferver que é como pasteurizalo e segues tendo un leite fantástico.

– Noutros países tamén é frecuente a venda directa do leite por parte das ganderías. Por que en Galicia é practicamente anecdótico?
– Esta parte paréceme unha pena que non se faga e non sexa máis frecuente, non só cos produtos lácteos, senón tamén cos produtos frescos e de tempada de Galicia. Deberiamos volver poder vender estes produtos de modo próximo e sinxelo, porque así estimularías as pequenas economías, e algo importante, poderías escoller un produto dun sitio porque che gusta a xente que o produce, ou a súa forma de facelo, etc. Así só sabemos que compramos leite, como moito que é galego e nada máis. Estamos a sacar valor ao produto local, e agora máis que nunca deberiamos potenciar e valorizar estes produtos, así fortalecemos o rural e que os mozos queiran volver a traballar neste marabilloso mundo.

Deberiamos volver poder vender leite e outros produtos frescos e de tempada de modo próximo e sinxelo

– O pasado mes de novembro o Parlamento europeo reiteraba a prohibición (xa en vigor trala sentenza do 2017 do Tribunal de Xustiza da Unión Europea) de denominar como leite ás bebidas de orixe vexetal. Cres que será dabondo para evitar o engano ao consumidor? Por que non se está a cumprir a normativa que reserva termos como leite, manteiga, queixo ou iogur unicamente aos produtos lácteos?
– Menos mal que esta normativa continúa en vigor, porque foi un gran paso lograr isto en España e na UE. Pero neste tema o mal xa está feito, durante anos permitiuse e usouse esta mala denominación, porque son produtos diferentes, e a xente non o sabe. A existencia desta normativa sabémolo os que estamos involucrados, pero non a sociedade en xeral, e segue a usarse fraudulentamente a palabra leite.

– Aportan estas bebidas vexetais algúns dos beneficios que antes describías para o leite?
– As bebidas vexetais e o leite son dous produtos alimentarios completamente diferentes, non teñen nada que ver nutricionalmente nin en composición, pero non son nin malos nin bos, son diferentes. Non hai comparación posible, a xente plantéxase se as bebidas vexetais poden substituír ao viño?, pois non, son cousas diferentes, e aquí co leite pasa o mesmo. O problema veu da trampa de permitir o nome de leite porque se parecía na cor, e para vendela máis cara obviamente.

A xente non se plantexa se as bebidas vexetais poden substituír ao viño porque son cousas diferentes. Pois co leite igual

– Que opinas do leite de pastoreo?
– O leite pastoreo paréceme unha gran idea, debería ser toda así, as vacas teñen mellor calidade de vida e saúde veterinaria se están libres pastoreando, e o leite e a súa carne teñen moita maior calidade, e a industria sábeo e por iso lanzáronse con esta campaña.

– Está demostrado que as súas cualidades son superiores ao leite de produción estabulada e intensiva?
– O Centro Investigacións Agrarias de Mabegondo investigouno e teñen datos fantásticos de como o leite ten maior calidade nutricional.

– A Xunta pretende sacar unha certificación oficial para o leite de pastoreo. Está a haber engano con isto?
– O que sucede é que quen di se é de pastoreo ou non é a propia empresa, teste que fiar deles, e se mentisen ou mesturasen leite non se podería facer nada porque non hai certificación. Hai anos desde o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), o Laboratorio Interprofesional Gallego de Análise de Leite (LIGAL), o meu laboratorio en Vigo, e grupos de Asturias e Navarra expomos un proxecto de investigación ao Ministerio para investigar o leite de pastoreo e obter unha proposta de certificación para evitar a trampa e dar seguridade ao consumidor e á propia industria. Era un proxecto de investigación moi ambicioso e moi bonito, pero non conseguimos o financiamento, aínda que foi ben avaliado. O da certificación deberíase facer e temos un gran laboratorio como o LIGAL que é capaz de facelo.

“En Galicia, se de verdade queremos potenciar o sector lácteo, hai que investir en ciencia e que as empresas se beneficien desas investigacións”

lacteos leite iogur queixoCarlos Spuch Calvar é doutor en Bioloxía e Neurociencia pola Universidade de Vigo e ten unha longa traxectoria como investigador en prestixiosas institucións tanto españolas como internacionais, como no Instituto de Neurobioloxía Ramón y Cajal (CSIC, Madrid), o Instituto Karolinska (Estocolmo, Suecia), ou o Instituto de Investigación Hospital 12 de Octubre (Madrid). Desde 2009 desenvolve a súa actividade no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (Vigo) onde, malia a escaseza de fondos, segue a investigar sobre o leite e a colaborar con diversas empresas galegas para sacar ao mercado novos produtos.

– Galicia é unha potencia produtora de leite tanto no Estado español como mesmo a nivel europeo pero temos eivas evidentes a nivel de transformación. Como estamos en investigación?
– Resúmocho rápido, en España en investigación moi mal, e en Galicia, comparado con outras autonomías, peor aínda; os recursos son moi baixos, somos dos peores países en investimento en ciencia de Europa. Mentres que países motores de la UE incrementaron os seus orzamentos para ser competitivos economicamente, como Alemaña, Francia, Reino Unido, Finlandia, Suecia, etc., nós reducímolo moito. Pero non só iso, desde o 2008 levamos perdendo investigadores, formámolos, pero logo deixámolos en condicións precarias e vanse a países punteiros. Esta sangriza na ciencia deixouna ao descuberto esta pandemia, non tiñamos case nada para loitar contra este virus, e a nosa única alternativa era comprar todo de fóra.

En materia de investigación en Galicia estamos moi mal, e comparado con outras comunidades peor aínda

En que se traduce isto a nivel do sector lácteo?, pois en que se os recursos científicos son poucos, os grupos de investigacións teñen que competir por fondos moi competitivos e ao final búscanse outros campos máis rechamantes como o cancro, a nanotecnoloxía, o Alzheimer ou os satélites. O meu grupo leva os últimos anos traballando no leite materno humano como potencial orixe de fármacos para o cerebro, este proxecto quíxeno desenvolver con leite de vaca, e estudar os seus beneficios na saúde, pero foi imposible, non conseguín financiamento, pero o peor é que non hai convocatorias onde poida solicitalo.

Quixen desenvolver un proxecto de investigación sobre os beneficios do leite de vaca na saúde pero foi imposible, non conseguín financiamento

Como me dixeron varias veces investigadores famosos falando do tema, a investigación no leite é de pobres, e iso non interesa. Ou de verdade a Administración aposta pola ciencia e por este sector en Galicia ou non sacaremos nada, máis que seguir vivindo do turismo. Levamos loitando pola ciencia estes anos e hai un lema que o dí todo: sen ciencia non hai futuro.

– Que sería preciso entón para que Galicia, ademais de producir, fose tamén unha potencia en desenvolvemento de novos produtos a partir do leite?
– En Galicia, se de verdade queremos potenciar o sector lácteo hai que investir en ciencia, de xeito multidisciplinar, e que as industrias grandes e pequenas poidan beneficiarse desta transmisión de coñecemento. Isto funciona moi ben en Suecia ou en EEUU, e así llo fixen chegar ao Secretario de Estado de Ciencia nas reunións pola modificación da lei de ciencia, pero hai que ser proactivos, a ciencia dá riqueza á rexión, e temos un exemplo en España, o País Vasco.

O noso grupo está a traballar no desenvolvemento de novos fármacos procedentes de leite materno humano, pero a formulación orixinal do meu proxecto era o leite de vaca. No noso grupo, xunto con outro de IIM-CSIC, estamos a traballar tamén nos efectos protectores dos ácidos graxos mariños, e gustaríame poder facelo co leite galego.

A ciencia crea riqueza, e temos un exemplo en España: o País Vasco. As industrias grandes e pequenas teñen que beneficiarse desta transmisión de coñecemento. Isto funciona moi ben Suecia ou en EEUU

O leite A2 naceu da investigación que se fixo das caseínas a nivel xenético e molecular, e agora xa se comercializa en moitos países, e fai pouco comezou a facelo a empresa Kalekoi en Galicia. Onte estaba a revisar un artigo científico dunha revista prestixiosa onde demostran que unha proteína do leite de vaca ten efectos ansiolíticos. Outra investigación moi recente dunha empresa xaponesa descubriu no costro de vacas unha molécula con actividade antiinflamatoria moi potente e están a desenvolver un ensaio clínico para tratar con iso a COVID-19.

– Fai xa algún tempo que nos EEUU está aumentando a demanda de leite e produtos lácteos A2, unha tendencia que comeza a chegar timidamente tamén a Europa. Por que se caracteriza o leite A2 e cales son os seus beneficios para o organismo?
– A denominación do leite A2 significa que só contén a beta caseína A2. Para entender que significa hai que explicar a composición do leite, que está formado polas graxas, que constitúen ao redor do 4% do contido sólido do leite de vaca; as proteínas, que son aproximadamente o 3,5%; e a lactosa, o 5%, aínda que a composición química bruta do leite de vaca varía segundo a raza. Dentro das proteínas do leite temos dous tipos de proteínas: o 18% da proteína é soro, a parte que se elimina na fabricación do queixo, e o restante 82% corresponde á caseína. Esta proteína é unha familia de proteínas cunha composición de aminoácidos diferente e a máis abundante desta familia de caseínas é a beta caseína.

Dentro das beta caseínas temos dous tipos: a beta caseína A1, presente principalmente no leite das vacas orixinarias do norte de Europa, como as Holstein Friesian, Ayrshire e Shorthorn; e a beta caseína A2, que se atopa no leite das vacas da rexión da Canle da Mancha e o sur de Francia, como as Guernsey, Jersei, Charolais e Limousin.

Hai estudos que demostran que o leite de tipo A2 tolérase mellor e ten menores índices de inflamación intestinal e dor abdominal

Os dous tipos de proteínas difiren na súa estrutura proteica debido á substitución do aminoácido na posición 67. Esta diferenza fai que cambie un pouco a estrutura tridimensional da caseína e varíe un pouco as súas funcións. Dentro do máis descrito é que a beta caseína A1 ao ser dixerida descomponse en varios péptidos, un deles é a beta-casomorfina-7 (BCM7), a cal se asocia a certa actividade inflamatoria no intestino. Con todo, hai que puntualizar que os estudos que demostran isto fano inxectando en sangue a BCM7, e isto é relativamente normal que cause actividade inflamatoria, porque unha cousa son os péptidos no intestino e outra os que son capaces de entrar no sangue. A beta caseína A2 non provoca a liberación deste péptido, ou en moita menor medida, e crese que esta proteína é máis similar á beta caseína do leite materno humano.

O certo é que hai estudos que demostran que o leite de tipo A2 tolérase mellor e ten menores índices de inflamación intestinal e dor abdominal. Nun dos primeiros ensaios clínicos realizados en Nova Zelandia, demostraron que o leite de beta caseína A1 conduciu a valores de consistencia das feces significativamente máis altos (Escala de Feces de Bristol) en comparación co leite de beta caseína A2. Tamén houbo unha asociación positiva significativa entre a dor abdominal e a consistencia das feces na dieta A1, pero non na dieta A2. Conclúen que o leite de tipo A2 ofrece mellores respostas na inflamación e dor abdominal, pero necesítanse máis participantes para demostralo.

É necesario seguir investigando nos seres humanos os efectos da función dixestiva do leite A2 en relación co A1

En resumo, hai evidencias que mostran que o consumo de leite A1 está correlacionado coa iniciación de marcadores de resposta inflamatoria e unha maior expresión dos receptores Toll, que están implicados na activación das vías proinflamatorias, con respecto ao leite A2. Ademais, hai evidencias de que o consumo de leite A1 tamén está asociado co atraso do tránsito intestinal e unha consistencia máis solta das feces con respecto ao leite A2. Ademais, o malestar dixestivo correlaciónase cos marcadores inflamatorios en humanos para o A1 pero non para o A2. É necesario seguir investigando nos seres humanos os efectos da función dixestiva do A1 en relación co A2 en diferentes poboacións e contornas alimentarias, e outro aspecto que non se tivo en conta nestes estudos, e que eu creo que é moi importante, é que non se fixeron diferenzas entre estes tipos leite en diferentes procesados, é dicir, entre leite UHT ou pasteurizado para A1 e A2.

– Hai anos empezouse co leite con Omega 3, logo con calcio e agora ultimamente leites suplementados con vitaminas e tamén produtos lácteos con altas doses de proteínas, orientados a deportistas. Que suplementacións consideras de máis interese nos produtos lácteos en función do tipo de consumidor?
– Todo son modas, a industria necesita sacar novos produtos, pero teñen os seus problemas: os ácidos graxos omega3 oxídanse, e se isto acontece non atravesan o intestino; moitas vitaminas non son estables moito tempo, logo degrádanse; e o calcio engadido non se absorbe, necesita de transportadores que fagan que atravese o intestino. Cal é o mellor produto que fai todo isto de forma natural sen necesidade de engadir nada? O leite fresco e enteiro.

O calcio engadido non se absorbe, moitas vitaminas non son estables e degrádanse e os ácidos graxos omega3 oxídanse, así que o mellor produto sen necesidade de engadidos é o leite fresco enteiro, o resto son modas

– É necesario que os cativos de curta idade tomen leites infantís ou con que tomen leite chega?
– Os lactantes o que necesitan é o leite materno, a da súa nai, é moi similar ao leite doutros mamíferos. Se unha nai polo motivo que sexa non pode darlle de mamar hai bancos de leite materno humana nos hospitais facendo un gran traballo aos que se pode recorrer. Desde o meu punto de vista persoal, co noso fillo, foi lactante ata que el decidiu ir probando a nosa comida e comeu natural sempre, esa é a mellor opción. Ese é o meu consello como pai.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información