A empresa galega Kalekói, pioneira en lanzar ao mercado iogures con leite A2

A empresa galega Kalekói, pioneira en lanzar ao mercado iogures con leite A2

Susana Aguiar e Álex Moure

Susana Aguiar e Álex Moure, dous mozos emprendedores de Lalín, veñen de lanzar ao mercado baixo a marca Kalekói unha gama de iogures elaborados con leite A2. É dicir, que só conteñen a beta-caseína A2, o que segundo as investigacións cientificas os fai máis dixeribles para o organismo humano.

Trátase dun fito significativo no ámbito lácteo, en tanto en canto son a segunda empresa española en introducir no mercado un produto desta natureza, e a primeira emprazada en Galicia en facelo.

Carlos Spuch, investigador senior do Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, avala cientificamente as cualidades do leite A2. Afirma que “hai estudos que amosan que o leite de tipo A2 se tolera mellor e produce menores índices de inflamación intestinal e dor abdominal”. Spuch fai referencia tamén a que, fronte ao leite convencional, o leite que se elabora con beta-caseína A2 mellora parámetros de afección gastrointestinais e reduce a frecuencia das deposicións nos cativos.

As vantaxes que ofrece o leite A2 sintetízanse, en opinión do investigador sénior do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, en que favorecen a dixestión, xeran unha mellor resposta intestinal, reducen a actividade inflamatoria do intestino e mesmo melloran parámetros vasculares en persoas diabéticas.

Maior calidade

Dende Kalekói apóstase por volver á orixe con esta gama de iogures elaborada a partir de vacas que producen unicamente leite A2. As instalacións leiteiras emprázanse no Concello de Rodeiro e a produción de A2, moi reducida de momento, “destínase integramente aos iogures”, segundo sinala Susana Aguiar.

Dende hai algún tempo, os iogures A2 de Kalekói poden atoparse nos liñais dos supermercados Gadis e no mes de maio tamén se incorporan en Eroski. En ambos os dous pódense atopar, ademáis dos naturais , iogures con distintas froitas como son arandos, amorodo e vainilla.

Outras gamas de iogures de Kalekói poden atoparse, en Hipercor ou El Corte Inglés. Paralelamente, poden adquirirse en pequenas tendas de barrio e gourmet e na tenda propia que Kalekói ten na céntrica Praza de Lugo, na cidade da Coruña.

kalekoi iogures a2

A industria láctea lalinense duplicou a súa facturación en 2020

Introducir paulatinamente no mercado esta nova gama de iogures A2 é o principal reto de futuro para Álex Moure e Susana Aguiar, á fronte de Kalekói. Unha empresa que neste comezo de 2021 celebra o seu primeiro lustro no mercado. Kalekói debe o seu nome ao topónimo que tiña Galicia alá polo 1.800 a.C. e é ao mercado galego, principalmente, ao que queren dirixir a súa produción para logo irse estendendo polo noroeste peninsular.

Os responsables da empresa, que dá traballo a seis persoas en Lalín, acaban de sacar ao mercado tamén un quefir propio e teñen previsto seguir traballando na ampliación de gamas de iogures. Xunto a isto, non descartan a medio prazo producir xeados, queixo fresco, manteiga ou mesmo arroz con leite.

A empresa pechou 2020 coa súa facturación duplicada con respecto a 2019, nun ano “tan difícil para moitos sectores”, tal e como matiza Aguiar. Porén, 2020 foi o ano no que dende Kalekói conseguiron dar o gran salto da hostalaría aos supermercados e hoxe teñen no primeiro segmento tan só o 15% da súa produción (o 85% restante xa se distribúe en supermercados, o que axuda á creación de marca).

A evolución na cantidade fabricada tamén variou considerablemente. Mentres no ano 2016, Kalekói só producía 500 litros de iogur ao día, hoxe produce 5.000, e ten a capacidade de medrar a súa produción nas instalacións actuais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información