Piden ampliar a validez da ITV agrícola fronte ós problemas de calendario derivados da Covid-19

Dende o Concello de Moeche advirten de que os usuarios terán que pasar a revisión dos tractores 2 veces en pouco máis de 5 meses. O goberno local propón unha ampliación de ata 3 meses para evitar pagar dúas veces en tan pouco tempo

Piden ampliar a validez da ITV agrícola fronte ós problemas de calendario derivados da Covid-19

Punto móbil de inspección técnica de vehículos. // Foto de arquivo.

Os axustes no calendario das revisións de vehículos agrícolas, derivados das restricións pola Covid-19, seguen a xerar prexuízos ós produtores. No Concello de Moeche (A Coruña) advirten de que os propietarios deberán de pasar dúas veces a revisión en pouco máis de 5 meses. Ante esta situación o goberno local reclama unha nova ampliación do prazo para a revisión.

No 2020, a raíz do primeiro Estado de Alarma, SYC-ITV Applus+ suspendeu as inspeccións das unidades móbiles que se desprazaban ao rural para pasarlle a revisión aos tractores e outra maquinaria agrícola. A suspensión foi acompañada dunha ampliación da validez da ITV. En concellos como o de Moeche esta ampliación supuxo que a revisión da ITV se retomase en decembro. Agora, só 3 meses despois, anuncia que volverá ó municipio dentro dun mes, cando a data habitual era en marzo, e que non regresará de novo ata marzo ou abril de 2022.

“Este reaxuste supón que os tractores obrigados á revisión anual que foron inspeccionados a finais do ano pasado terían que volver a San Ramón en maio, é dicir, pasar e pagar a ITV dúas veces en pouco máis de cinco meses- ou ben acudir á estación de Ferrol en decembro, con todo o que iso implica en gasto e tempo”, explican dende o consistorio. Ademais, quen non faga nin unha cousa nin a outra botaría desde decembro de 2021 até marzo ou abril de 2022 coa ITV caducada, expoñéndose a sancións e a problemas de cobertura do seguro no caso de accidentes.

Prolongar a validez da ITV

“A situación é unha enguedellada que require unha solución inmediata”, valoran dende o goberno local. Dende o Concello esta mañá solicitaron á concesionaria, á Xunta e á Delegación do Goberno unha ampliación da validez das revisións que venzan en decembro de 3 meses, o que permitiría recuperar o calendario e os prazos pre-COVID sen causarlle prexuízos ás persoas usuarias.

“O cambio na data habitual das revisións e o aviso de que a unidade móbil non volverá até marzo ou abril de 2022 causa un prexuízo para a veciñanza de Moeche e de concellos limítrofes pois dalgún xeito obriga a aboar a taxa da ITV dúas veces nun curto período de tempo de 5 meses”, indican dende o Concello.

Inciden que o calendario actual para a ITV agrícola supón un gasto que resulta máis preocupante dada a situación económica de moitas familias e nuns tempos en que todas as Administracións están en aprazar pagamentos, establecer liñas directas de axudas ou nalgún caso rebaixar taxas.

Dende o Concello tamén apuntan que aínda que as persoas que pasasen a revisión en decembro de 2020 poderían agardar a decembro de 2021, nese caso estarían obrigadas a trasladar os seus tractores, remolques ou cisternas a outros puntos como Ferrol, feito que encarece o servizo e dificulta as tarefas, especialmente na poboación de maior idade. “Non ofrecer a ITV coa unidade móbil ata marzo ou abril de 2022 leva a que as persoas usuarias agarden a esa data co conseguinte risco de manterse uns meses sen a correspondente revisión”, advirten.

Denuncian que a solución adoptada SYC-ITV Applus+ para corrixir as demoras xeradas pola pandemia causa un prexuízo ás persoas a quen lles debe dar servizo, sendo as que finalmente pagan totalmente as consecuencias da situación. Así, instan á empresa, á Xunta de Galicia, responsable de outorgarlle a concesión, e á Delegación do Goberno, de quen depende a DXT en Galicia, a que se busque “unha solución doutro tipo”. Inciden na posibilidade de solicitar unha ampliación extraordinaria da vixencia da actual revisión, de 14-15 meses no canto dos 12 actuais. Deste modo recuperaríase o calendario e os prazos de inspección anteriores á pandemia “sen causar estes prexuízos ás persoas destinatarias deste servizo, que son moitas”, apuntan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información