Xestión da biodiversidade no monte: propostas para unha ordenación razonable (II)

O coidado ambiental do monte, de xeito paralelo ós seus usos produtivos, representa unha oportunidade para os propietarios. Coñecemos o punto de vista dunha empresa de servizos forestais, dun garda fluvial e dun propietario particular

Xestión da biodiversidade no monte: propostas para unha ordenación razonable (II)

Plantación de frondosas arredor da aldea de Ces, no monte veciñal Confurco de Ces (Lousame, A Coruña). / Imaxes: Eloi Rodríguez.

A normativa forestal, en especial a Lei de Prevención de Incendios e a Lei de Montes de Galicia, introducen unha serie de condicionantes sobre as distancias a respetar polas masas de eucaliptos e piñeiros. Desde a perspectiva dos propietarios, a normativa é con frecuencia vista como un problema, se ben tamén introduce novas oportunidades, como a promoción de corredores de frondosas caducifolias. Coñecemos o punto de vista dunha empresa de servizos forestais, dun garda fluvial e dun propietario singular, o xerente do Pazo de Faramello (Rois, A Coruña).

Eloi Rodríguez Castaño. Garda Fluvial de Augas de Galicia

“Debe considerarse a función ambiental de marxes fluviais, zonas húmidas e turbeiras”

Eloi Rodríguez, nunha zona de restauración fluvial.

Eloi Rodríguez, nunha zona de restauración fluvial.

As marxes fluviais, e en especial zonas tan importantes como as cabeceiras dos ríos, teñen que quedar protexidas do réxime agresivo da explotación forestal, pois é o único xeito de evitar a súa continua degradación. Faise preciso, por tanto, afastar as plantacións de eucaliptos, chopos, piñeiros e acacias un mínimo de 15 metros de tódolos cauces fluviais, de zonas húmedas e turbeiras.

A alternativa pasa por conservar as especies típicas de ribeira nas marxes dos ríos (ameneiros, salgueiros, bidueiros, etc.), nunha franxa mínima de 5 metros, correspondente ó dominio público. Nos seguintes 10 metros, pódese recurrir a diferentes especies de frondosas caducifolias, como as que figuran na Lei de Montes de Galicia (Anexo I). É unha medida, que aínda que insuficiente, pode axudar a preservar o noso ‘capital natural’. Cómpre lembrar que pola Lei de Montes de Galicia, nunha franxa de 15 metros arredor das marxes fluviais, non se pode repoboar con piñeiros ou eucaliptos.

Plantación irregular na cabeceira dun río.

Plantación irregular na cabeceira dun río.

A lexislación ambiental máis básica dálles ós bosques de ribeira un carácter diferenciado, afastándoos doutros modelos de produción, conforme ó artigo 90.3 da Lei de Augas (lei 9/2010, de 4 de novembro) e nos artigos 7a) , 74 e e 234 do regulamento, indicando como referencia que hai un deber de salvagardar o ecosistema fluvial e do dominio publico hidráulico de actuacións que causen deterioro ambiental.

En Galicia, atopámonos un panorama “minifundista” que favorece as explotacións forestais agresivas, pois ese minifundio réstalle visibilidade a un problema en aumento. Son actuacións que consideradas individualmente poden verse como pouco ou nada significativas, pero que tomadas en conxunto, suman unha considerable perda de biodiversidade, e un mapa desalentador.

“O minifundio réstalle visibilidade ó problema. Pódese pensar que unha actuación individual nunha parcela non é importante, pero no seu conxunto, o mapa é desalentador”

Agora mesmo, con propietarios e empresas do sector intentamos un cambio de escenario, mobilizar e visualizar compensacións ambientais que restablezan os ecosistemas. É posible un aproveitamento produtivo do monte á vez que se traballa por unha maior calidade ambiental. Queremos recuperar unha vitalidade perdida da paisaxe forestal e no noso caso, garantir un ciclo hidrolóxico permanente nos espazos fluviais.

As lexislacions existentes consideran as porcentaxes adecuadas cara unha tendencia de reorganización natural, e afrontan unha liña de xestión forestal que reestrutura os niveis de saturación territorial ós que están sometidos os cauces fluviais.

A día de hoxe non podemos falar de sustentabilidade, cando o 70% dos ecosistemas están danados ou alterados por motivos antropoxénicos.

Isabel Pello Rodríguez. Desbroces Casal SL (Rois)

“È importante que as empresas do sector asesoremos ós propietarios forestais sobre o cumprimento da normativa de prevención de lumes”

Isabel Pello.

Isabel Pello.

A Lei 3/2007 de Prevención e Defensa fronte a Incendios Forestais no seu artigo 20 define as faixas de xestión de biomasa e as divide en redes primarias, secundarias e terciarias. Esta Lei especifica que os propietarios forestais son responsables da xestión da biomasa en ditas faixas e da retirada delas de especies como o piñeiro e o eucalipto. Asimesmo a Lei 7/2012 de Montes de Galicia, no seu Anexo II, indica as distancias mínimas a respectar polas novas repoboacións forestais.

O cumprimento desta normativa forestal provoca que moitos propietarios forestais vexan reducida a superficie que poden empregar para repoboar con especies de crecemento rápido e en moitos casos, debido ao minifundismo existente en Galicia, implica que non podan empregar este tipo de especies en gran parte das súas parcelas. Cando isto ocorre, en moitas ocasións, estes propietarios solicítannos asesoramento sobre que poden facer e como sacar o máximo rendemento ao seu terreo.

“Repoboar con frondosas autóctonas arredor dos núcleos rurais mellora o entorno e ofrece rendementos futuros en madeira ou froito”

Na actualidade, os distintos organismos públicos teñen estipuladas sancións para obrigar aos propietarios forestais ó cumprimento da normativa forestal, se ben insistimos na necesidade de que as empresas forestais relacionadas coa xestión do monte se impliquen activamente en explicar e convencer aos propietarios da importancia do cumprimento da normativa. Non se trata só de evitar posíbeis sancións, senón que o cumprimento da norma ofrece novas oportunidades.

O problema máis habitual co que se atopan os propietarios forestais é non poder repoboar con especies de crecemento rápido, ben sexa por atoparse preto de vivendas, na franxa de 50 metros coa zona de núcleo rural ou na franxa de 15 metros de protección de regatos ou ríos. En ocasións incluso lles chegan requirimentos para cortar os pinos ou eucaliptos que se atopan dentro destas franxas.

É neste momento cando os profesionais do sector debemos tentar facerlles ver que o cumprimento da normativa pode ser beneficioso para eles a medio-longo prazo. Unha opción cada vez máis empregada é a de repoboar con especies de frondosas caducifolias autóctonas estas franxas, isto é debido a que cada vez máis propietarios forestais entenden que plantar este tipo de árbores arredor de núcleos rurais ou vivendas, a parte da obtención de aproveitamentos madeireiros e non madeireiros (como os cogomelos ou a froita) suporá no futuro a creación dunha masa de frondosas caducifolias arredor das súas casas.

É unha masa que ofrece unha maior protección para as súas propiedades, de chegar alí un lume. Este tipo de plantacións son moi interesantes dende o punto de vista ambiental xa que suporán un aumento da biodiversidade, máis fixación de carbono atmosférico e usos sociais.

“É difícil que o propietario vexa a importancia de cumprir as distancias coas marxes de auga. Quizais debamos explicar o bosque de ribeira como unha barreira que pode amortiguar a expansión dun incendio”

Outra tarefa máis difícil é facerlles ver a importancia de cumprir as distancias de plantación coas marxes dos cursos de auga, xa que o ven como unha imposición que as veces só cumpren cando xa teñen algunha sanción en cernes. Se ben é difícil que entendan a importancia da protección dos marxes dende o punto de vista estritamente medioambiental, é necesario explicarlles que esta protección suporá para eles beneficios indirectos, como pode ser a protección dos seus terreos fronte a inundacións ou que vexan os cauces e o bosque de ribeira como barreiras naturais contra a propagación do lume.

Este artigo non pretende ser pouco realista. Hai propietarios forestais que o único que lles importa é sacar o máximo rendemento económico aos seus terreos, que non queren ver que o cumprimento da normativa pode ter beneficios económicos indirectos para eles. Para este tipo de propietarios a única disuasión posíbel son as sancións, pero tamén é certo que cada vez máis propietarios forestais entenden a importancia do seu cumprimento.

Gonzalo Rivero de Aguilar. Xerente do Pazo do Faramello (Rois, A Coruña)

“Coa xestión forestal, optimizamos os servizos ambientais do monte”

Pazo de Faramello.

Pazo de Faramello.

O Pazo de Faramello, o máis visitado de Galicia, alberga unha historia única, pois alí naceu a primera fábrica de papel da comunidade, na que agora acollemos eventos, e actividades escolares gratuitas, moitas delas medioambientais.

Co fin de enriquecer o bosque do entorno, apostamos por utilizar indicadores da calidade, implicándonos nun proxecto de reforestación coa Fundación Internacional de Restauración de Ecosistemas. É un plan a 10 anos para regular o bosque atlántico.

Estes traballos consisten na eliminación das especies exóticas, como a acacia negra e o eucalipto, respectando sempre os individuos de especies nativas como carballos e castiñeiros, e repoñendo outras coma o acivro e abeleiras.

Coa madeira triturada das especies invasivas, formaremos un mülching para protexe-lo solo da desecación e a erosión, en tanto non rexenere a zona. Respecto das franxas do río, intentamos manter e rexenerar a vexetación nativa propia de ribeira, como poden ser ameneiros e freixos, para acadar formacións continuas de bosque de ribeira no río Tinto.

Enfocámonos en prestar un servizo ambiental e en axeitar o deseño do entorno ás condicións climáticas. Podemos manter un bo uso dos ecosistemas, apostando pola biodiversidade, á vez que desenvolvemos actividades económicas, sen entrar en conflicto co medio.

No noso caso, a xestión forestal permítenos optimizar os servizos ambientais, de xeito que os nosos visitantes teñen unha experiencia única nunha paisaxe espectacular.

* Eloi Rodríguez

*Artigo coordinado por Eloi Rodríguez, garda fluvial de Augas de Galicia, coa participación de Gonzalo Rivero e Isabel Pello.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información