Xestión da biodiversidade no monte: propostas para unha ordenación razonable (I)

O manexo sostible do monte pasa por un maior uso das frondosas caducifolias, que teñen unha oportunidade nas franxas de protección contra os incendios, arredor de núcleos de poboación e nos laterais das estradas. Tamén na zona de dominio público de 15 metros dos cauces fluviais

Xestión da biodiversidade no monte: propostas para unha ordenación razonable (I)

Frondosas plantadas a modo de transición entre un bosque de ribeira e unha plantación de eucaliptos. / Imaxes: Eloi Rodríguez.

A promoción da biodiversidade na xestión forestal é unha ferramenta básica para a conservación dos montes. Fronte a un excesivo uso de monocultivos, de interese extractivista, existe a posibilidade dun manexo máis sustentable que rache as actuais inercias.

Un exemplo dunha boa ordenación do monte sería o combinar o emprego de especies de crecemento rápido con barreiras de frondosas caducifolias, a modo de compensación ambiental e en cumprimento da lexislación vixente.

É preciso reflexionar e desenvolver as distintas potencialidades do monte, de cara a resolver algúns dos actuais problemas ambientais. Cómpre apoiar a innovación empresarial e as experiencias que aporten novos valores, así como a participación profesional e veciñal.

Ánxela Miguéns, presidenta da comunidade de montes veciñais de Leiro (Rianxo)

“Son necesarias medidas que impliquen ó resto de propietarios do entorno e á Administración para avanzar na rexeneración do monte”

Ánxela Miguéns, presidenta da comunidade de montes de Leiro (Rianxo).

Ánxela Miguéns, presidenta da comunidade de montes de Leiro (Rianxo).

A comunidade de montes de Leiro (Rianxo, A Coruña) viuse con demasiada frecuencia afectada por grandes incendios forestais, unha situación que leva aparellada un forte deterioro ambiental a nivel de biodiversidade e calidade do solo. Ademais, hai especies como o eucalipto que están moi adaptadas á acción do lume, polo tanto vemos como gaña terreo con cada incendio, tendendo a converterse nun monocultivo.

“O incendio do 2019 levou por diante plantacións de piñeiro que foran rozadas e podadas o mes anterior”

Entendemos que se deben levar a cabo accións destinadas a que potenciais lumes forestais que poidan afectar no futuro á nosa comunidade de montes e a outras propiedades teñan o menor impacto posible. Pero a experiencia vén demostrando que coas accións levadas a cabo de forma individual non é posible facerlle fronte a este problema. Sabemos que son necesarias medidas que impliquen ó resto de propietarios do entorno, tanto comunidades de montes como a particulares, e tamén ás Administracións competentes.

O gran incendio forestal acontecido os días 25 e 26 de marzo do 2019 foi o noso punto de inflexión. O lume arrasou un total de 1.192 hectáreas, das cales 155 hectáreas pertencen ó monte comunal de Leiro. Este incendio incluso levou por diante plantacións de piñeiro que foran desbrozadas e podadas no mes anterior.

Os esforzos que realizamos durante anos por manter libres de carga combustible as masas forestais non foron suficientes e o lume transformounas en cinzas en poucas horas.

“No monte poden ter cabida tódalas especies, pero de xeito ordenado”

Vemos tamèn que a implicación do resto de propietarios do entorno é fundamental para cambiar esta triste realidade, por tanto, non tardamos en iniciar contactos co resto de comunidades de montes afectadas para promover a creación dunha plataforma integradora para a defensa do monte, en favor da biodiversidade e a sustentabilidade.

A proposta tivo moi boa acollida, e así foi como coa unión de todos fomos quen de crear a “Plataforma pola Defensa do Monte”, que neste momento está constituída por 8 comunidades de montes do concello de Rianxo e a asociación veciñal “Fousas ó Monte”.

A comunidade de montes de Leiro, ademais das accións que acomete de forma conxunta co resto de entidades dende a “Plataforma pola Defensa do Monte”, está realizando outras intervencións que buscan incrementar a capacidade de rexeneración, a biodiversidade e a vitalidade das masas forestais existentes no terreo comunal. Queremos que o monte conxugue as funcións ecolóxicas, económicas e sociais. No monte poden ter cabida tódalas especies, pero de forma ordenada. As claves que perseguimos son:

-Transformar masas forestais constituídas por eucalipto e piñeiro que están próximas a vivendas en masas de frondosas caducifolias.

-Buscar alternativas de colaboración con entidades de decidido compromiso medioambiental para a realización de plantacións nos terreos queimados.

-Realizar accións de voluntariado ambiental.

Xosé Carlos Castro García. Axente Medioambiental

“Colaboramos con comunidades de montes concienciadas, que son un bo exemplo para o resto de propietarios”

Xosé Carlos Castro, nunha franxa de protección contra o lume, no monte veciñal de Taragoña.

Xosé Carlos Castro, nunha franxa de protección contra o lume, no monte veciñal de Taragoña.

A planificación preventiva fronte ós lumes convertiuse en fundamental desde a Lei 3/2007 de Prevención e Defensa dos Incendios Forestais. Dentro desta planificación preventiva, hai diferentes redes de xestión. Unha delas é a rede primaria, que engloba ás autoestradas, autovías e estradas, nas que hai que facer unha xestión da biomasa na zona de dominio público. É unha zona na que non pode haber especies como piñeiros, eucaliptos ou acacias, pois enténdese que presentan maiores riscos en caso dun incendio.

Unha segunda normativa a ter en conta é a Lei 7/2012 de Montes de Galicia, que regula as distancias que deben respeitar as repoboacións forestais con respecto ás vías de comunicación. En autoestradas, autovías e estradas, as especies frondosas caducifolias (carballos, castiñeiros, freixos, etc.) teñen que separarase 2 metros do dominio público, en tanto o resto de especies debe distanciarse 10 metros.

Nas pistas, asfaltadas ou non, cando teñan 5 metros de ancho e mais cuneta, as distancias que teñen que respetar as especies frondosas caducifolias son 2 metros e o resto das especies 4 metros en xeral, e 6 metros nos concellos declarados como de alto risco de incendios forestais.

“Facer cumprir as leis non é tarefa fácil por múltiples razóns, como o minifundio e os erros de Catastro”

Na práctica, facer cumprir estas leis non é tarefa doada e leva o seu tempo, debido a multiples razóns (diferentes administracións implicadas, minifundismo -sobre todo nos concellos costeiros-, catastro desactualizado e non de todo fiable, etc.).

Con todo, nos últimos anos estamos intentando concienciar á xente de que ten que respeitar esas distancias, pois con esas medidas axúdase a frear o avance de posibles incendios e mellora a seguridade para os veciños.

Unha das vías máis áxiles de traballo é a colaboración coas comunidades de montes veciñais por onde pasan este tipo de redes primarias, xa que estas comunidades xestionan moito terreo e ao mesmo tempo, son un moi bo exemplo para o resto de propietarios.

Lucía Saborido Sóñora. Presidenta da comunidade de montes veciñais de Araño (Rianxo)

“No monte existe unha economía social máis alá da produción de madeira”

Lucia Saborido.

Lucia Saborido.

A comunidade de montes de Araño (Rianxo) actualizou a súa directiva fai ano e medio. Non temos recursos pero tampouco débedas. Comezamos desde cero con moitas metas e obxectivos, que levaremos a cabo con esperanza e ilusión.

Contamos con máis de 650 hectáreas de terreo para xestionar, das cales actualmente arredor dunhas 50 hectáreas están repoboadas con piñeiro a medio crecemento. Todo o demais está en desuso ou en abandono, a maior parte arboradas por especies como o eucalipto ou masas mixtas deste con piñeiro. Son masas que a pesar de teren xa uns anos, presentan escasos crecementos pola ausencia de silvicultura, co cal non teñen valor comercial.

“As nosas masas forestais presentan escaso crecemento pola ausencia de silvicultura”

O eucalipto vémolo como unha especie máis dos nosos montes que, ben xestionada, sería unha fonte de recursos madeireiros da que abastecerse. Pero a realidade é outra, e estase a converter nun monocultivo en Galicia, tanto polas grandes plantacións e convenios con empresas, como pola súa forma de expandirse naturalmente, incluso despois dos incendios, facendo que diminúa a existencia de calquera outra especie de crecemento máis lento.

No noso monte tamén crecen especies como a acacia, unha praga que temos nos ríos do noso monte e que, ano tras ano, vai colonizando o espazo das frondosas naturais deses lugares.

Para paliar os distintos problemas que temos, estamos redactando un novo Plan de Ordenación, no que seguindo as directrices técnicas, reduciremos o eucalipto ao 15% en todo o monte nos próximos 10 anos. Será unha tarefa difícil, pero ambiciosa ecoloxicamente.

“Reduciremos o eucalipto a un 15% da nosa superficie na próxima década. É unha tarefa difícil pero ambiciosa ecoloxicamente”

Fai falla entender que un monte respira e produce vida, e que a gandería, a apicultura, a produción de cogomelos, as plantas mediciñais ou os froitos son parte da economía social que está soterrada baixo a crenza de que o monte só produce madeira.

Todo isto, unido a un uso sociocultural como o sendeirismo, áreas recreativas ou romarías, danlle ao monte unha xestión produtiva e de conservación que sen querer, xa van unidas. Estes usos do monte poden ademais contribuír a reducir os riscos de incendios.

A comunidade de montes de Araño, xunto con outras comunidades do concello, unidas a través da Plataforma pola Defensa do Monte, xa fixo varias xornadas educativas ultimamente. Estivemos na escola infantil de Asados, participamos nunha xornada de arboricultura e trepa con avistamento de aves e caixas niño, na eliminación de brotes de eucalipto na comunidade de montes de Leiro, visitas a outras comunidades… e temos previstas a plantación de árbores frondosas coa escola infantil de Araño, xornadas micolóxicas, eliminación de invasoras, limpeza de ríos… en canto nolo permita a etapa que estamos vivindo.

Tamén estamos traballando en conxunto coas outras agrupacións da parroquia, como a Asociación de Veciños de Araño, Comisión de festas, ANPA… nun proxecto para dinamizar e pór en valor o patrimonio cultural da zona, algo tan descoñecido como abandonado actualmente.

Distancias mínimas para novas repoboacións (Lei de Montes de Galicia, Anexo II)

  • Desde o límite do dominio público de autoestradas, autovías, estradas convencionais e vías férreas, 2 metros para especies frondosas caducifolias e 10 metros para o resto.
  • Con pistas asfaltadas, ou non, de polo menos 5 metros de ancho e que conten cunha cuneta, 2 metros para frondosas e 4 metros para o resto de especies (6 metros nos concellos de alto risco).
  • Con cauces fluviais de máis de 2 metros de ancho, 5 metros cando se empreguen frondosas caducifolias e 15 metros o resto de especies, a contar desde o dominio público.
  • Con urbanizacións ou vivendas illadas, 15 metros para especies frondosas caducifolias e 50 metros para o resto.

* Eloi Rodríguez

*Artigo coordinado por Eloi Rodríguez, garda fluvial de Augas de Galicia, coa participación de Xosé Carlos Castro, Ánxela Miguéns e Lucia Saborido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información