Traballan nun sistema para elaborar racións de precisión que reduce un 10% os custos de alimentación

O Centro de Investigacións de Mabegondo e o Ligal desenvolven unha técnica analítica que lle permitiría ser máis competitivas ás ganderías de leite galegas. Calcúlase que o sector aforraría entre 20 e 40 millóns de euros ao ano en forraxes e concentrados

 

carro mesturador2O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) está a traballar, en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), no desenvolvemento dun sistema avanzado de valoración nutricional dos alimentos co fin de determinar con precisión o valor enerxético e de nitroxenados das forraxes consumidas nas explotacións de vacún de leite. 

Búscase ter información precisa sobre o valor nutricional das forraxes máis utilizadas nas explotacións de leite galegas para realizar un racionamento máis eficiente, reducir custos e gañar competitividade, entre outros aspectos, entre os que estarían tamén os medioambientais, grazas á redución de emisións producidas.

Trátase dun proxecto de investigación cooperativa que persegue incrementar a capacidade analítica do Ligal mediante a creación e mantemento de aplicacións NIRS innovadoras, que permitan a predición directa da composición química, dixestibilidade e degradabilidade ruminal da proteína en forraxes frescas e ensiladas (pradeira e millo forraxeiro), proporcionando os parámetros de enerxía e proteína requiridos polos modernos programas de racionamento para vacas de leite.

A mellora na eficiencia das racións podería supoñer un aforro para as explotacións de entre un 5 e un 10% dos custos de alimentación

A través desta tecnoloxía NIRS, relaciónase a información espectral dos alimentos cos datos de valor nutricional mediante técnicas estatísticas avanzadas, o que permite mellorar o manexo da alimentación animal para garantir a viabilidade económica e ambiental do sector produtor leiteiro galego, segundo destaca en nota de prensa a Consellería do Medio Rural. Neste senso, é preciso incrementar o uso de forraxes de calidade e a súa eficiencia de utilización no racionamento das vacas de leite para que o propio sector poida ser cada vez máis competitivo.

Así, un incremento de precisión na valoración nutricional das forraxes poderíase traducir nunha redución estimada de ata un 5-10% do custo da ración nas granxas leiteiras. Polo tanto, para un gasto estimado en alimentación anual das granxas leiteiras galegas de aproximadamente 400 millóns de euros, a aplicación xeneralizada das novas tecnoloxías podería achegar un beneficio de ata 20-40 millóns de euros cada ano para o conxunto do sector respecto da situación precedente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información