Cume do Avia, unha idea de xuventude para uns viños de autor en ecolóxico

Os viños desta adega asentada no Ribeiro son o resultado de anos de traballo cooperativo no que o respecto ó medio e ás variedades autóctonas, así como ás elaboracións tradicionais marcaron o camiño. Coñecemos máis desta iniciativa

Publicidade
Cume do Avia, unha idea de xuventude para uns viños de autor en ecolóxico

Os irmáns Diego e Álvaro xunto a seu primo Alfonso, que se encargan do viñedo e a elaboración e comercialización dos viños. // Foto The Source.

Cume do Avia é un deses proxectos que nace, literalmente, da amizade e a xuventude. Máis por iso, non deixa de estar asentado en piares robustos que lle permitiron afrontar un longo camiño e conseguir que os seus viños sexan recoñecidos tanto na terra como fóra das nosas fronteiras, onde comercializan máis do 70% da súa produción.

Sostibilidade, cooperativismo e diversidade produtiva son palabras claves que marcaron o proxecto dende as súas orixes. Son os eixos que debulla Diego Diéguez Collarte, un dos seus promotores, cando comeza a explicar o percorrido que iniciaron no 2004 os seis socios que integran a cooperativa que dá forma a Cume do Avia.

O proxecto botou a andar no 2005 coma unha cooperativa para a produción de uva ecolóxica con variedades autóctonas

Os viños desta adega asentada no Ribeiro, son o resultado de anos de traballo cooperativo no que o respecto ó medio foi unha das súas máximas, o que lle supuxo importantes retos e atrancos. Variedades autóctonas e elaboracións fieis á identidade das súas uvas son outras das súas marcas de identidade. Porén, recoñecen que o camiño non foi doado e que continúa a ser laborioso, máis aínda coas consecuencias que está a deixar a pandemia sanitaria.

Xermolo da cooperativa

Unha asociación xuvenil e unha concentración parcelaria son o xermolo de Cume de Avia. “Vimos na concentración parcelaria unha oportunidade para dar continuidade ó traballo colaborativo que realizabamos na asociación xuvenil e que nos podía dar unha rendibilidade económica e pór en valor tanto noso lugar como o seu patrimonio material e inmaterial”, explica Diego.

A idea xurdiu xa no 2004, pero tomou forma un ano despois, coa creación da cooperativa, integrada a día de hoxe por 5 socios. Xunto con Diego, o seu irmán Álvaro e o seu primo Adolfo Collarte, coñecido como Fito, son os que afrontan o traballo diario tanto nos viñedos como na elaboración e comercialización dos viños.

Os viñedos aséntanse en Eira de Mouros, unha antiga aldea abandoada de Ribadavia

A concentración parcelaria posibilitoulles contar cunha maior superficie agraria dispoñible para o viñedo. Así, a día de hoxe teñen plantadas unhas 9 hectáreas de cepas, na súa totalidade de variedades autóctonas. “Non é habitual dispoñer nesta zona de tanta superficie para o viñedo, de feito, moito do espazo no que agora hai cepas, noutros tempos foi agro ou monte”, detalla.

Cume-do-Avia-aldea-

Vista das ruinas que aínda se conservan na aldea abandonada.

Este proxecto tamén serviu para recuperar e volver produtivo o lugar de Eira de Mouros, un dos núcleos que conformaron antigamente a parroquia de Santo Andrés de Camporredondo, en Ribadavia (Ourense) e que levaba abandonado dende o ano 1942. “Eira de Mouros é o corazón físico e espiritual, unha forza telúrica que alimenta o proxecto”, reivindica Diego, posto que é tamén un lugar vencellado ás súas raíces e antepasados.

Comezar de cero

O proxecto comezou de cero, xa que tiveron que mercar e adecuar os terreos para a plantación de novas cepas. Mesmo mercaron a maquinaria pesada que precisaban para estas tarefas “aínda sen saber andar con ela”, recoñece. Viron nesta estratexia un aforro do beneficio empresarial, que ía acorde tamén co seu modo de entender o proxecto cooperativo e que logo se converteu nunha ferramenta de apoio ó longo dos anos.

Mesmo mercaron a maquinaria pesada que precisaban para as tarefas de adecuación do terreo e plantación das cepas

“É unha mostra máis do noso xeito de comprender o proxecto, non só implicándonos no deseño, senón en tódalas fases do proceso”, concreta Diego. Anos despois, esta maquinaria empregáronna para unha empresa de servizos agroforestais, que lles permitiu soster económicamente o proxecto de Cume do Avia, namentres as viñas non comezaban a producir.

Os viñedos aséntanse tanto en zonas xa dedicadas á produción de viño, como antigas hortas ou monte.

Á marxe do valor sentimental, a elección dos terreos no lugar de Eira de Mouros foi unha decisión moi pensada e orientada xa a unha produción en ecolóxico. “Na produción en ecolóxico hai moitos factores que ter en conta para non deixar todo ós tratamentos. A elección de zonas ventiladas coma estas reduce moitos problemas de fungos, como o oídio e o mildio, as principais ameazas para os viñedos en Galicia”, xustifica Diego.

Escolleron terreos ventilados e cunha gran variedade de solo e altitude que lle aporte identidade ós seus viños

A elección dos terreos foi tamén determinante no proxecto. “Buscabamos contar cunha ampla variedade de solos que lle conferiran identidade ós nosos viños”, detalla Diego. A diversidade tanto de castes como de solos supón para eles unha oportunidade, á marxe de recoñecer as dificultades que foron atopando por este motivo. Así é que entre os viñedos que traballan existe ademais unha diferencia de altitude de arredor de 100 metros. Os viñedos atópanse en Eira de Mouros e Costa do Veliño, un lugar que mira ó val do Avia e ten o río Miño ás costas, sendo o cume dese monte, de aí que decidiran bautizar a firma como Cume do Avia.

Esta diversidade sumada ó abano de variedades coas que contan obrígalles a un maior control específico das cepas e mesmo a ter que vendimar en distintas fases. “A vendima pode prolongarse case un mes, porque imos vendo que cada unha das castes, segundo a zona na que se localicen, estea no seu momento óptimo. Atopámonos con que temos momentos da vendima moi diversos”, detalla o colleiteiro.

100% ecolóxico dende os inicios

Dende os seus comezos, Cume do Avia quixo ser un proxecto apegado á terra e que apostou por unha produción 100% en ecolóxico, no canto de comezar en convencional e logo dar o salto ó ecolóxico. Unha das primeiras consecuencias desta decisión foi que os rendementos chegaron máis tarde. “Agora mesmo o viñedo aínda non é todo o produtivo que pode chegar a ser. Os custes de implantación en ecolóxico foron moi elevados e o horizonte produtivo foise alongando”, concreta. Así, as cepas no canto de comezar a producir ós 4 anos fixérono xa case ós 8 anos. “Escollimos o camiño máis difícil e o que supón unha maior inversión no tempo, sobre todo ó contar con viña nova”, explica.

As primeiras cepas plantáronas no 2008, a segunda remesa de planta viría un ano despois. Xa no 2013 continuaron incrementando a superficie de viñedo e as últimas cepas puxéronas no 2015. Tamén tiñan previsto plantar uns 8.000 metros cadrados de novas viñas este inverno, pero por mor do coronavirus decidiron demorar o proceso de ampliación do viñedo.

Las cepas se encuentran en zonas muy diversas en cuanto a altitud y suelos.

As cepas atópanse en zonas moi diversas en canto a altitude e solos.

Nas primeiras plantacións nin sequera optaron por abonado das cepas, dado o difícil que lles resultaba dispor de esterco ou abonos ecolóxicos e certificados. “Decidímonos por empregar cubertas vexetais con gramíneas e leguminosas para ter un solo máis rico, pero nestes primeiros anos resultaron unha dura competencia para as cepas”, comenta o viticultor.

“Comezar en ecolóxico puido ser un erro a nivel empresarial, pero dende o punto de vista agronómico foi unha decisión moi acertada”

Dende aqueles primeiros anos ata o momento foron incorporando compost, elaborados tanto por eles coma por outros produtores en ecolóxico. “Nesta zona, cando comezamos non tiñamos ganderías en ecolóxico das que ter abono, e os custos de traslado facíanos inasumibles”, recorda. Agora tamén mercan algúns dos abonos e compost xa feito a ganderías non intensivas que conten co selo ecolóxico.

Pese ás dificultades dos comezos en ecolóxico, Diego apunta que pagou a pena, ó tempo que recoñece que ter comezado en convencional tería tido as súas vantaxes, sobre todo porque ó non estar certificados nos comezos, logo tiveron que pasar igualmente un período de transición, coma se viñesen dunha produción en convencional. “Comezar en ecolóxico pode que fose un erro a nivel empresarial, polo custo que supuxo, porén dende un punto de vista agronómico foi unha decisión moi acertada posto que as nosas cepas xa afrontaron un proceso de selección natural e quedaron as máis resistentes”, xustifica.

“Na produción en ecolóxico cómpre ser moi proactivos cos tratamentos”

Para atallar as pragas do viñedo, optan por empregar o xofre, así como estractos hidroalcohólicos que serven tamén para estimular o crecemento da planta e aportar nutrientes. “Na produción en ecolóxico cómpre ser moi proactivos cos tratamentos, porque unha vez que detectas o problema é máis difícil atallalo coas solucións sostibles”, recoñece.

Variedades autóctonas

Case a totalidade das cepas de Cume do Avia son de variedades autóctonas do Ribeiro. “Só temos unhas 200 cepas de Mencía, que viñeron confundidas e que estamos pendentes de enxertar”, detalla. A súa aposta encamíñase máis cara as variedades tintas, pero a día de hoxe teñen case a mesma cantidade de tintas que de brancas.

Entre as variedades brancas contan con cepas de Albariño, Lado, Loureira, Caíño Branco, Treixadura e Godello. Nas tintas plantaron cepas de Brancellao, Caíño Longo, Sousón, Carabuñeira ou Ferrón. “A diversidade de variedades supón unha dificultade engadida, pero se consegues facelo ben é unha oportunidade”, reivindica.

Unha crise, unha oportunidade

Unha mala colleita, a do 2016 que se viu moi afectada polos fungos, foi o punto de inflexión para que os esforzos dos viticultores se centraran en exclusiva no proxecto. “Decidimos que tiñamos que dedicar máis tempo ós viñedos e á adega. Era momento de deixar outras actividades como a prestación de servizos agroforestais”, comenta Diego.

Bodega-vella-Cume-do-Avia-

Vista das antigas instalacións da adega, que nestes intres se atopan ampliando.

Esa colleita tamén resultou determinante para os seus viños. Daquela, ningún deles tiña unha formación específica sobre enoloxía, aínda que contaban cunha estreita vinculación co mundo do viño, posto que seu avó foi un dos viticultores fundadores da Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro, Viña Costeira. “Nós fomos os primeiros da familia en pechar o ciclo. Comezamos a investigar e a realizar vinificacións por variedades para coñecer o que cada unha nos podía aportar”, explica o vitivinicultor.

“A xente tiña moita curiosidade por degustar viños de variedades que non adoitan presentarse en monovarietais como o Brancellao ou o Caíño Longo”

Esa crise resultou unha oportunidade para diferenciarse no mercado. Así, aínda que o obxectivo final era conseguir viños froito de procesos de cofermentación de varias variedades tamén seguiron elaborando monovarietais que están a ter gran aceptación. “Resultou que a xente tiña moita curiosidade por catar viños de variedades que non adoitan presentarse en monovarietais como o Brancellao ou o Caíño Longo”, argumenta.

Viños de autores

Os primeiros viños elaborános nunha adega que tiveron alugada dende o 2013 ó 2015. No 2016 decidiron trasladarse á antiga adega de seus avós, que agora están ampliando. Co cambio á adega familiar comezaron a facer as súas propias elaboracións sen asesoramento enolóxico externo. Deixan que sexan as uvas as que marquen o carácter do viño, sen realizar ningún tipo de corrección, o que propicia que teñan que vendimar máis cedo. Este é un dos motivos polos que non están adscritos á Denominación de Orixe, pese a que consideran importante o papel destes organismos para conseguir erradicar prácticas ilegais e contribuir á profesionalización da viticultura.

Realizan vendimas temperás procurando viños máis frescos, co que os viños resultan cunha baixa graduación alcohólica

“A vendima temperá permítenos elaborar os viños que nós procuramos, porén boa parte das nosas elaboracións non se axustan ós parámetros que fixa a DO, posto que teñen unha graduación de alcohol por debaixo dos 11 graos, o que non nos permite indicar as variedades, cando nós procuramos co noso traballo dar protagonismo ás castes”, detalla o viticultor. Porén, o viñedo está certificado baixo a Denominación de Orixe Ribeiro, aínda que non o estea a adega.

O seu afán por coñecer as posibilidades que lle brinda cada variedade fixo que continúen realizando cada campaña entre 20 e 25 elaboracións, aínda que logo realizarán arredor de entre 11 e 14 viños, dependendo da cantidade de uvas que teñan de cada unha das castes. “Buscabamos formar unha gama de produtos que lle deran identidade ó noso proxecto, por iso traballamos en viños moi persoais, que moitos chaman de autor, que neste caso ó ser un traballo de varios, son viños de autores”, indica.

Brancellao-2018-Cume-do-Avia-

Dos Canotos, é un dos viños de gama media que elaboran.

Na elaboración dos viños procuran evitar as baixas temperaturas, tampouco clarifican, nin desfangan as súas elaboracións. Ademais, o envellecemento dos seus viños realízano en pipas de castiñeiro. “Cada vez hai máis cubas vellas de castiñeiro na nosa adega, esa é tamén unha das marcas da nosa identidade. Buscamos un matrimonio co territorio, non só coas variedades que escollemos senón tamén coas prácticas que levamos a cabo para elaborar os nosos viños”, sintetiza Diego.

“Cada vez hai máis cubas vellas de castiñeiro na nosa adega, son tamén unha das marcas da nosa identidade”

Na colleita de 2019 tiveron unha produción de 26.000 botellas, que agardan ir incrementando nos próximos anos. A súa carta de elaboracións comprende diferentes gamas, unha básica de tinto e branco, onde a cada colleita lle asignan un número. Este 2019 saiu ó mercado como Cume do Avia Colleita 7. A súa gama media confórmana os viños branco e tinto que comercializan baixo o alcume familiar Canotos. A gama máis alta correspóndese cos monovarietais. Aínda que estas elaboracións estarán condicionadas pola cantidade de uva que consigan, no 2020 están a comercializar monovarietais de Treixadura, Albariño, Sousón, Brancellao e Caíño Longo.

A maior parte da súa produción, arredor do 70%, véndena no estranxeiro. Este ano, ademais encargáronse de comercializar e elaborar un novo viño tinto baixo a marca Arraiano, procedente das uvas de viñas da familia e amigos. Abren así unha nova vía de financiamento para o proxecto, mediante unha liña de viños elaborados con uvas máis alá do lugar de Eira de Mouros. “Trátase dun viño que elaboramos seguindo os mesmos preceptos que para os viños de Cume do Avia, pero que procede de viñas que non contan coa certificación ecolóxica, aínda que procuran unha viticultura sostible e respetuosa co medio”, explican. Este ano sacarán ó mercado 5.000 botellas deste tinto e agardan comercializar tamén un branco nos próximos anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información