A Xunta urxe ao Goberno Central a que se reúna cos transportistas, garanta o servizo para o sector agrogandeiro e suba os prezos da carne e dos lácteos

A Xunta urxe ao Goberno Central a que se reúna cos transportistas, garanta o servizo para o sector agrogandeiro e suba os prezos da carne e dos lácteos

O conselleiro do Medio Rural durante a súa visita á cooperativa AIRA

O conselleiro de Medio Rural, José González, ven de remitirlle sendas cartas á ministra de Transportes, ao ministro de Agricultura e ao delegado do Goberno en Galicia para que, como administracións con competencias na materia, se reúnan cos transportistas para desbloquear un paro que “está poñendo nunha situación insostible” ao sector agrogandeiro galego.

José González fixo estas declaracións esta mañá en Taboada (Lugo), onde visitou a planta de fabricación de pensos da cooperativa AIRA que, ao igual que outras de Galicia e do resto do Estado, está cunha actividade baixo mínimos debido ao paro do sector do transporte, o que impide que poda enviar alimentos a centos de granxas.

“Hai risco moi grave de morte dos animais”

O conselleiro advertiu de que a folga está provocando un “risco moi grave de desabastecemento da cadea alimentaria galega, con risco moi grave de morte dos animais”. Neste sentido, reclamou por carta á ministra de Transportes para que “de xeito inmediato se reúna coa plataforma convocante da folga de transportes para desbloquear a situación”. “Os políticos debemos dialogar e o único que piden os transportistas é que se abra ese diálogo e eu mesmo lle pido á Ministra a que canto antes o inicie”, subliñou.

Tamén lle reclamou ao Delegado do Goberno en Galicia que “mentres non se resolva a situación, se habiliten corredores seguros -coa protección das forzas de seguridade- para que funcione o sector agroalimentario galego”.

E en terceiro lugar, o conselleiro do Medio Rural volveulle reclamar por carta ao Ministro de Agricultura que “convoque de inmediato aos representantes da industria alimentaria, da distribución e dos gandeiros para que de forma excepcional, e mesmo temporal, se acomete unha suba dos prezos de venda dos produtos dos nosos gandeiros”.

“Dende o ano 2021 levan soportando un incremento inasumible dos custos de produción, que se agravou coa guerra de Ucraína, e que coa folga de transportes xa non se pode soportar. Do contrario, imos quedarnos sen sector polas perdas inasumibles que están sufrindo”, advertiu.

Daniel Ferreiro (AIRA): “Reclamamos unha solución axiña”

Na Cooperativa AIRA, que conta cuns 2.900 socios boa parte deles gandeiros de vacún de leite, o paro dos transportes está deixando fronte ás cordas ás ganderías pola falta de penso. A fábrica da cooperativa, situada en Taboada (Lugo) e cunha produción anual de 207.000 toneladas de penso, estivo esta semana baixo mínimo debido ó bloqueo dos transportes.

“Necesítase unha solución axiña para este paro dos transportes que está provocando unha situación crítica nas ganderías ó non poder alimentar o gando e ó ter problemas tamén coa recollida do produto”, valorou Daniel Ferreiro, director xeral de AIRA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información