A Xunta promove un polígono agroforestal de 96 hectáreas en San Xoán de Río

Situarase nunha zona na que existe unha grande demanda de superficie para a cría de gando vacún en extensivo, polo que esta ferramenta de mobilización de terras irá orientada a satisfacer estas necesidades

O conselleiro do Medio Rural reuniuse con veciños e co tenente alcalde deste municipio ourensán para explicarlles as vantaxes desta figura ligada á Lei de recuperación de terras

O conselleiro do Medio Rural reuniuse con veciños deste municipio ourensán para explicarlles as vantaxes desta figura ligada á Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo este venres unha reunión con veciños do municipio ourensán de San Xoán de Río en relación co polígono agroforestal de Veigas de Cambela.

O conselleiro explicou que se trata de mobilizar, a través deste instrumento da Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia, un total de 96,4 hectáreas, distribuídas en 301 parcelas de 135 propietarios. Puxo en valor, ademais, que o polígono situarase nunha zona cunha forte tradición gandeira e na que existe unha grande demanda de terras para a cría de gando vacún en extensivo, polo que esta ferramenta irá orientada cara a satisfacer estas necesidades, remarcou González.

A provincia de Ourense concentra 17 dos 26 polígonos agroforestais e 14 das 21 aldeas modelo que hai en Galicia

Nesta liña, o titular de Medio Rural salientou que esta iniciativa sumarase aos 26 polígonos que actualmente se atopan en distintas fases de execución en Galicia e que supoñen a posta en valor de máis de 9.100 hectáreas distribuídas en case 30.000 parcelas propiedade de máis de 8.200 veciños. Subliñou, asemade, que 17 destes polígonos corresponden á provincia de Ourense, sumando máis de 5.200 hectáreas de terreo, ou o que é o mesmo, case o 60% da superficie total mobilizada en Galicia.

A maiores, o conselleiro remarcou, dentro das ferramentas de mobilización de terras, a existencia de 21 aldeas modelo aprobadas na comunidade. Delas, lembrou, 14 están na provincia de Ourense.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información