Propoñen un novo polígono agroforestal no concello pontevedrés de Arbo dedicado a viña

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde de Arbo, Horacio Gil, mantivo esta semana unha reunión con veciños deste concello pontevedrés para informalos das vantaxes que presentan os instrumentos de mobilización contemplados na Lei de recuperación da terra agraria, como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo. En concreto, o conselleiro explicou a posibilidade de establecer un polígono agroforestal na zona -en concreto, na parroquia de Arbo-, cunha superficie de 46,67 hectáreas distribuídas en 351 parcelas propiedade de 115 titulares.

Así, José González lembroulles aos veciños que os polígonos agroforestais son unha ferramenta idónea para recuperar terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais. De feito, en Galicia hai 24 polígonos agroforestais en diferentes fases dende a entrada en vigor da Lei de recuperación -hai xa dous anos-, mobilizando preto de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 28.600 parcelas propiedade duns 7.800 veciños.

Precisamente, deses 24 polígonos, tres atópanse na provincia de Pontevedra. Por unha parte o de Vilalén-Tomonde, no concello de Cerdedo-Cotobade, que prevé mobilizar preto de 68 hectáreas, divididas en 1.534 parcelas de 278 propietarios. O polígono de Mandelos, no municipio de Crecente, conta con 45 hectáreas de superficie divididas en 391 parcelas de 183 propietarios. No concello de Tomiño está proxectado o polígono de Panascos, cunha superficie de 122 hectáreas divididas en 724 parcelas de 633 propietarios.

Xunto a estes polígonos agroforestais, o conselleiro sinalou que Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas, unha delas na provincia de Pontevedra: a de Mouteira-Parada, no concello de Cerdedo-Cotobade. Con esta ferramenta, insistiu o conselleiro, búscase recuperar de xeito sustentable a terra abandonada arredor dos núcleos de poboación creando actividade agrogandeira e, ao tempo, ao igual que cos polígonos agroforestais, previr incendios.

Por último, o titular de Medio Rural tamén fixo fincapé nas permutas de especial interese agrario, que no concello de Friol conseguiron mobilizar 400 hectáreas de superficie. Así, salientou, cabe apuntar que mediante a Lei de recuperación téñense mobilizado arredor de 10.000 hectáreas de superficie de calidade en toda a comunidade para poñer de relevo a importancia do rural galego, con figuras como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as permutas de especial interese agrario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información