A Xunta estudará os custos de producción das ganderías de leite e creará a marca “Leite de Pastoreo de Galicia”

A Xunta estudará os custos de producción das ganderías de leite e creará a marca “Leite de Pastoreo de Galicia”

A Xunta asegura que levará a cabo un estudo dos custos de produción das explotacións lácteas galegas e creará a marca “Leite de Pastoreo de Galicia”. Ambas iniciativas enmárcanse na Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego que impulsa a Consellería do Medio Rural en colaboración co sector e que coordina, nos seus aspectos técnicos, a Fundación Juana de Vega.

Neste sentido, Medio Rural anuncia que manterá en vindeiras datas xuntanzas cos axentes do sector lácteo para consensuar estas medidas. Precisamente para implementar estes traballos, o Consello da Xunta autorizou este xoves a sinatura, por parte da Consellería do Medio Rural, dunha addenda de modificación e prórroga do convenio de colaboración coa devandita fundación, co fin de desenvolver esa estratexia.

O acordo inicial asinouse con data de 1 de agosto de 2019 para a coordinación, organización e funcionamento dos grupos de traballo sobre o sector lácteo creados pola Consellería con esta finalidade. Agora modifícase e prorrógase o convenio, co obxecto de facer un estudo de custos de produción das explotacións leiteiras de Galicia. Así, considérase que é preciso dispoñer dun sistema de información rigoroso e representativo deses custos, atendendo aos diferentes estratos de tamaño das granxas.

Esta necesidade veuse reforzada pola entrada en vigor do Real Decreto estatal que establece que o prezo pactado entre o produtor e o seu primeiro comprador debe cubrir os custos de produción. Estes custos deber ser obxectivos, fixados con independencia das partes e que teñan como referencia datos de consulta pública, polo que se fai preciso devandito estudo.

Leite de pastoreo

Outra necesidade detectada na Estratexia é a de desenvolver unha normativa reguladora para as novas marcas de calidade que quere poñer en marcha a Consellería de Medio Rural, como o leite de pastoreo.

“Trátase de unificar criterios, evitar crear confusión ao consumidor -na actualidade véndese leite como de pastoreo pero sen establecer uns criterios homoxéneos- e a consecuente perda de credibilidade, creando para iso a marca específica Leite de Pastoreo de Galicia. Procúrase ademais poñer en valor aqueles aspectos medioambientais e de benestar animal que van máis alá do cumprimento das obrigas legais, axudando a valorizar o leite de Galicia”, explican dende a Xunta.

Atendendo a estas necesidades, modifícase e prorrógase o convenio entre a Consellería e a Fundación Juana de Vega, de forma que se amplía a súa vixencia durante o que resta de 2020 e ao longo do 2021, ata o 31 de decembro do vindeiro ano. Ademais, increméntase a súa dotación económica, que pasa da inicial de 120.000 euros ata os 195.000 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información