Desde a pasada semana, cando o Goberno aprobou un real decreto de medidas urxentes en agricultura, as industrias lácteas están obrigadas a incluír os custos de produción das granxas como un condicionante do prezo do leite. A nova normativa colleu ó sector lácteo en plena época de renovación de contratos entre granxas e industrias, un proceso que se está a ralentizar á espera de que se concrete como incluír os custos de produción nos acordos.
A organización de produtores(OP) Ulega, que negocia coas industrias preto dun 25% do leite de Galicia, correspondente a unhas 1.800 ganderías, paralizou as conversas á espera de clarificar nos próximos días coas industrias e coa Administración como aplicar a normativa. O resto das granxas de Galicia ou xa teñen contratos asinados a nivel individual ou estanos recibindo estes días por parte das industrias.
“A primeira recomendación é que ninguén asine un contrato que non cubra os seus custos de produción” (Óscar Pose, Unións Agrarias)
Óscar Pose, de Ulega, a OP ligada a Unións Agrarias, explica a situación: “Estamos agora clarificando como se poden elaborar os contratos en base ós custos da produción das granxas, pero unha primeira recomendación para tódalas ganderías que están recibindo contratos estes días é que non asinen ningún contrato que non cubra os seus custos de produción. Hai industrias que poden incluír unha cláusula nos contratos indicando que o prezo ofertado cubre os custos de produción, co cal, se iso se asina, serviralle á industria para certificar que está cumprindo coa normativa”, advirte Pose.
Para a elaboración dos novos contratos, Pose sinala que se contemplan dúas alternativas: “Poderiamos ligar os contratos a un índice de custos de produción medios, como o Rengrati, do Ministerio de Agricultura, ou establecer unha metodoloxía que permita definir os custos por granxa”, apunta.
A normativa permítelle tamén ás industrias asinar contratos coas cadeas da distribución na mesma liña, garantindo que se cubren os custos de produción para toda a cadea. “É unha normativa que beneficia a toda a cadea do leite, pero a primeira impresión que temos é que as industrias son máis partidarias de seguir dando a batalla no campo e non ante a distribución”, valora Óscar Pose.
Desde a Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) pronúncianse polo momento con cautela e manifestan dúbidas sobre a aplicación da normativa na práctica, unha cuestión que, din, “teremos que aclarar co Ministerio tanto nas nosas relacións coa produción como coa distribución. En todo caso, como valoración xeral, a nosa opinión sobre o Real Decreto é positiva na medida en que é un intento de que se recoñeza no mercado o gran valor que aporta o sector lácteo desde a produción primaria, pasando pola transformación”, conclúe a Fenil.
Maior demanda polo leite
A renovación de contratos no campo está marcada estas últimas semanas polo interese de determinadas firmas en aumentar a súa recollida no campo. É o caso de Inleit, que comezou a operar a finais de decembro na planta láctea de Teixeiro e que quere gañar presenza no campo para abastecerse de xeito directo, pois ata agora estaba suministrándose en boa medida de compras a outras industrias e primeiros compradores.
Outra industria que tamén está aumentando recollida é Río, que segundo trascendeu no sector pechou contratos de abastecemento de marcas brancas para cadeas de supermercados, o que lle obriga a gañar volume de recollida.
Un terceiro actor que gaña presenza no campo é Leite Noso, a sociedade galega que comercializa as marcas Deleite e Muuu, que, sobre a base de contratos estables a longo prazo e con bos prezos, está captando a novas granxas. O seu obxectivo sitúase en primar a calidade e cubrir as necesidades de leite que lle están trasladando as cadeas de supermercados para os próximos meses.