Rancho Martiño: Así traballa a maior gandería de raza Angus de Galicia

Rancho Martiño, situado no concello coruñés de Zas, é a maior gandería de raza Angus de Galicia. Falamos co seu propietario para coñecer como é o manexo destes animais e as vantaxes que ofrece esta raza tendencia a nivel mundial


Álvaro é dono de Rancho Martiño, ata o de agora, a maior ganadería de raza Angus de Galicia. Esta explotación localízase no concello coruñés de Zas, en concreto na parroquia de Brandomil. Conta neste momento cuns 125 animais e máis de 90 hectáreas de pasto. Ademais destes animais, Álvaro compatibiliza a súa actividade con outra grazas, tanto á colaboración dunha persoa contratada a xornada completa (Rodrigo), como á docilidade e facilidades desta raza. Falamos co este propietario para que nos detalle máis información  desta raza de moda polas cualidades da súa carne e facilidade do seu manexo. 

De onde xorde a iniciativa de Rancho Martiño?

Esta iniciativa nace despois de herdar unha pequena explotación de leite, cunhas hectáreas xa de terreo, que estaban a maioría a pastos e pastizais. Naquel momento, a idea era continuar coa explotación de leite ou rexurdir cunha explotación de carne, e foi cando, en 2019 decidimos comezar con isto. Actualmente, temos máis de 90 hectáreas de pasto e uns 125 animais en total.

Nese momento, por qué optaches por seguir adiante cunha ganadería de carne e non de leite?

Si que se valoraron as dúas ideas, pero os argumentos que se tiveron en conta para tomar a decisión foron varios. Por un lado, que os investimentos non eran tan fortes como se se tratara dunha explotación de leite, e por outro, que a man de obra pensamos que se necesitaría menos que nunha explotación de leite. O que si que tiñamos claro é que o manexo ía ser en extensivo, fora dun tipo ou doutro.

Igualmente, esta non é unha ganadería de carne ao uso, senón que estamos ante a maior ganadería de raza Angus de Galicia. Contanos, como comezaches a traballar con estes animais?

Estes animais son de raza Angus, Black Angus en concreto, e primeiramente decidímonos a escoller esta raza pola súa docilidade e facilidade de manexo. Atopamos un proveedor que nos abasteceu duns 40 animais que trouxemos inicialmente e un semental, e o que tiñamos claro desde o momento que optamos por seguir adiante con carne é que ía ser con esta raza. 

Cóntanos, que características principais ten este gando?

As vacas Angus proveñen de Escocia e as súas características principais é que nacen sen cornos, incluso ata o primeiro cruzamento deberían continuar nacendo así. Isto, parece que non, pero representa unha vantaxe porque evitas o estrés dos recén nacidos ao sacarlle os cornos con lápiz ou pistola, e ao mesmo tempo, tamén evitan moitos posibles accidentes á hora dun saneamento, ou doutras situacións, porque non se trata de animais agresivos pero si que teñen un sentimento materno bastante forte, que é o que pode xerar reaccións á hora de acrotalar unha cría, por exemplo. 

Outra característica é a súa docilidade e facilidade de parto; son animais moi tranquilos con un parto moi sinxelo, sacan crías de entorno 20 ou 25kg e adáptanse moi ben a condicións climatolóxicas adversas como poden ser as choivas ou os fríos de inverno, e tamén resisten moi ben as altas temperaturas. As diferencias entre Black Angus e Red Angus? Realmente é o mesmo animal. É igual que unha vaca en leite que se fala moito de factor vermello e sen factor vermello. Pode ser unha frisoa con factor vermello ou sen ela, e no caso de Angus pasa o mesmo.

Alimentamos o gando en gase a pasto, sen nada de penso, e cos partos concentrados na primavera

Como é o manexo destes animais?

En Rancho Martiño agora mesmo hai unhas 85 vacas nutrices. Nestes momentos están todas preñadas e sen cría porque temos concentrados todos os pastos na primavera. Facemos un baleirado de crías no mes de decembro, que sacamos todo, e botan secas ata o mes de marzo, abril ou maio, que é cando temos concentrados os partos. 

O noso manexo é a base de pastos durante todo o ano, non utilizamos nada de penso,  aínda que en momentos como pode ser agora ou nas secas de verán si que temos axudar cun punteo con rolos, con rolos de herba, ou incluso cun pouco de millo. Iso si, ao ter os partos concentrados nas épocas de maiores rendementos do pasto resúltanos sinxelo adaptar a ración ao estado corporal da vaca. 

En canto ao manexo dos pastos pódese dicir que é rotacional intensivo porque facemos varios cambios diarios en parcelas moi pequenas con ampla concentración de gando, concretamente unha concentración instantánea de gando por hectárea moi alta, pacendo moi a ras, e facendo en primavera ata 3 cambios diarios. Todo aquilo que necesitamos de bolas, facémolo nós, temos maquinaria para cortar e enrolar. O único que non facemos nós é picar o millo, que directamente tampouco temos unha superficie adicada ao seu cultivo. Moitas veces, sobre todo nesta época cando as vacas están secas, optamos por mesturar palla con millo porque quizáis as bolas de herba sexan un alimento demasiado rico para o que necesitan. 

Como fas a recría?

A recría tamén está en base a pasto sacando en momentos nos que non o hai. Cando non dispoñemos de pasto facemos o mesmo que coas nais, temos que achegarlles comida en bolas de herba ou de silo de millo. Polo de agora estamos quedándonos con toda a recría, tan só vendemos os machos e quedamos coas femias, aínda que xa comezaremos nesta época de partos ou na seguinte posiblemente a vender algunhas femias, xa sexa para vida ou sacrificio, xa que temos que optar por esta vía para reducir a cabana gandeira. 

Álvaro, propietario da maior explotación de vacas Angus II

E ao respecto da reprodución, como fas as inseminacións?

É todo por monta natural, dispoñemos de dous touros, un deles ten un aspecto máis americano, un touro moito máis grande, e un segundo touro que temos para a recría e para animais máis pequenos que ten rasgos máis escoceses; é dicir, é un animal máis baixiño. O noso sistema consiste en introducir touro no rabaño, e sacar touro do rabaño; entra sobre o mes de maio e sacámolo sobre o mes de agosto. O resto do tempo os touros están nun establo con alimentación a base de cereal e en cama de palla para que gañen peso e estean óptimos para a hora de volver a entrar.

A carne de raza angus ten a graxa moi infiltrada e ten moi boa saía comercial, sobre todo na hostalaría

Por outra banda, a carne da raza Angus é recoñecida pola súa calidade e infiltración. Que características lle ves ti como criador?

As principais calidades desta raza Angus, ademais das físicas e das que xa falamos, son as da súa carne. Tenden a sacar canais moi engraxados e sobre todo con graxa moi infiltrada que fai que sexan óptimos para o seu consumo, sobre todo en hostalería. Non é unha carne tan comercializada a nivel familiar pero si que se comercializa moito a nivel de restauración.

En que peso medio e prezo se sitúan estes animais no mercado?

Andan en torno a 4€/kg vivo, e están indo na volta do 200 kilogramos. En vivo soen ir en torno a 20/30 cts. por enriba dunha lonxa de referencia, como a de León ou a de Salamanca, e subirlle esa cantidade. Se falamos de kg/canal soe ir en torno a 6’20€/6’30€. 

 O kilo canal desta carne rolda os 6,20 euros

Facedes cebo final?

Polo momento nada, plantexámonos no seu momento estudar os costes, pero non fixemos nada ata agora. Hai animais desta raza que se ceban ata dous anos, dependendo do seu destino, e iso implica un gran sobrecuste, cando realmente esta forma de cría tamén tería que estar valorada: sen penso, sen antibóticos, en base a pasto, etc.

Ademais da túa faceta como xerente propietario de Rancho Martiño, posúes unha asesoría. Como compatibilizas as dúas actividades?

Outro dos factores que nos invitou a seguir adiante cunha ganadería é que eu teño unha asesoría e oficina de enxeñería tamén conectada con este mundo, especialmente ao vacún de leite. Cremos que é algo plenamente compatible cunha seguda actividade sobre todo nos comezos. Ao final, trátase dunha actividade de carne na que a fonte de ingresos chega máis tarde que na de leite, non entran os animais o primeiro día e comezas a ter ingresos, entón o que facemos é compatibilizala. Para facer isto, teño colaboración dunha persoa que está aquí contratada en Rancho Martiño que me apoia nas tarefas diarias de luns a venres, a xornada completa.

Que plans de futuro tes para este proxecto?

A previsión de Rancho Martiño a medio ou longo prazo sería continuar aumentando a súa cabana gandeira, non superando moito a centenar de vacas nutrices, e mellorando un pouquiño as canles de comercialización intentando dar un valor engadido ao producto que estamos sacando. 

Agora mesmo, estamos sacando xatos ao destete para vender a cebadeiros fóra de Galicia e o que temos en mente é intentar darlle un remate a estes animais, ou mellorar a canle de comercialización, engadíndolle valor a esa carne que producimos. Pensamos que isto o podemos conseguir con ciclos curtos de venta, máis ao por menor, ou ben mediante a creación dunha marca propia. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información