A Xunta regulará o leite de pastoreo e dará axudas para instalar colares GPS ás vacas

A Consellería cuestiona ás marcas que na actualidade están vendendo leite baixo este distintivo porque non se garante a súa trazabilidade

vaca pradeiraO consumidor demanda produtos diferenciados e a industria e a distribución tratan de aproveitalo. En 2018 chegaban a España as primeiras marcas de leite de pastoreo, unha tendencia que levaba anos estendéndose por outros países europeos. Larsa, Celta ou mesmo cadeas de distribución como Lidl (na súa marca branca Milbona) ou Aldi (Milsani ) e recentemente Danone, co seu novo iogur. Son moitas as marcas que nos últimos tempos se subiron ao carro da moda do leite de pastoreo aproveitando o seu tirón comercial.

Pero ese distintivo está sen regular e préstase ao engano e á confusión. Por iso a Xunta quere por fin ao descontrol existente e anuncia de maneira inminente a aprobación dun regulamento para garantir a trazabilidade, de xeito que o que nos liñais dos supermercados se vende con ese nome corresponda realmente con leite de vacas que paceron un mínimo de horas e de días.

Imos regular a marca de pastoreo con criterios obxectivos. Estase vendendo leite de pastoreo cando aínda está sen regular

“Imos regular a marca de pastoreo con criterios obxectivos. Estase vendendo leite de pastoreo cando aínda está sen regular”, avanza o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, en declaracións a Campo Galego.

A regulación estaría lista no primeiro semestre de 2020

O prazo que a Xunta se marca para ter listo o procedemento de acreditación é o primeiro semestre deste ano. “A intención é ter lista a regulación do leite de pastoreo como moito nos vindeiros 5 ou 6 meses”, detalla Balseiros.

O primeiro paso sería aprobar os pregos e regulamentos, algo no que xa están a traballar na Consellería, e o seguinte sería sacar a marca para logo abrir a posibilidade de que as explotacións se adhiran a ela. Para poder facelo, as gandeirías terán que cumprir uns requisitos, entre eles acreditar que teñen superficie dabonda adicada a pastoreo (acorde ao número de animais que teñan) e que as vacas cumpren co número mínimo de horas no pasto establecido.

Os detalles concretos neste aspecto están aínda por definir. “Haberá que falalo co sector, non ten valor ningún que cheguemos a un acordo cos produtores e que se negue a aceptalo a industria e a distribución ou ao revés”, xustifica o director xeral.

Axudas para a implantación de GPS nas vacas

Vacas da súa gandería volvendo dos pastos para o muxido. Foto: Camilo Friol

Vacas volvendo do pasto na Gandería Bargueiras, da Pastoriza, que produce en ecolóxico

Un aspecto clave á hora de garantir a trazabilidade do leite de pastoreo é acreditar o tempo que paceron as vacas produtoras dese leite, algo para o que as novas tecnoloxías poden axudar, a través da instalación de colares con GPS nos animais.

“Estamos negociando cunha empresa que dispón xa do sistema para que os servizos veterinarios da Consellería o implanten naquelas granxas que soliciten integrarse na marca. Os colares non serán manipulables e irán acompañados dunha aplicación informática que interactuará co organismo encargado de efectuar os controis e o seguimento da marca de leite de pastoreo. Así certificarase que se cumpre cos requisitos de número de horas pacendo”, explica Balseiros.

O director xeral avanzou tamén que a Xunta está estudando a posibilidade de establecer unha liña de axudas para subvencionar a implantación destes colares con GPS, cos que os gandeiros que queiran acollerse á marca de leite de pastoreo poidan acreditar as horas que pacen as súas vacas.

Estamos negociando cunha empresa que dispón xa do sistema para que os servizos veterinarios da Consellería o implanten naquelas granxas que soliciten integrarse na marca

A maiores da localización GPS das vacas, realizaranse analíticas do leite para acreditar que as vacas que están fóra están realmente pacendo e non simplemente nun patio de recreo ou nunha finca na que non hai pasto. Mediante estes análises, que poderían levarse a cabo por parte do Ligal ou do CIAM, detectaríanse no leite trazas de que a alimentación contiña herba fresca.

leites de pastoreoLogo con código QR específico

“Nos mercados está habendo moitas cousas, pero están reguladas esas cousas?”, pregúntase José Balseiros en relación a etiquetas como a de leite de pastoreo. Considera que a “fama” que teñen os produtos lácteos galegos, recoñecidos como produtos naturais e de calidade por parte do consumidor, está a aumentar o interese das empresas no leite galego. De feito, moitas das marcas engaden na súa estratexia de venda á calificación de pastoreo tamén a orixe, indicando que é leite que procede de granxas familiares galegas.

Non hai ningunha outra comunidade con mecanismos de control tan estrictos e esixentes en materia de alimentación ou sanidade animal coma Galicia

Por iso, o director xeral de Gandería avanza que o logo da nova marca de leite de pastoreo incorporará un código QR que lle permitirá ao consumidor, mediante o seu teléfono móbil, escanealo no mesmo liñal do supermercado para coñecer a trazabilidade do produto que vai mercar. “Hai que garantir ao consumidor a calidade do produto galego porque non hai ningunha outra comunidade con mecanismos de control tan estrictos e esixentes en materia de alimentación ou sanidade animal coma Galicia”, asegura.

“Se alguén pode aumentar a produción de leite ecolóxico e de pastoreo en España é Galicia”

A intención da Xunta é diversificar a actual produción de leite galega e incrementar tanto a produción de leite ecolóxico como de pastoreo. “As condicións de Galicia son idóneas pola nosa capacidade de producir pasto. Se alguén pode mellorar a produción de leite ecolóxico e de pastoreo en España é Galicia”, asegura Balseiros.

As ganderías interesadas en producir leite de pastoreo baixo o novo selo de garantía da Xunta poderían facelo na súa totalidade ou só cunha parte dos seus animais de xeito diferenciado, no caso por exemplo de que a superficie dispoñible limitara a conversión de toda a cabana. “Poderá ser a explotación enteira a que producira leite de pastoreo, unha parte dela ou unha en paralelo á actual en intensivo para diversificar a produción”, explica o director xeral.

As condicións de Galicia son idóneas pola nosa capacidade de producir pasto

Sen entrar en controversia entre leite ecolóxico e leite de pastoreo, estima que en Galicia teñen cabida os distintos modelos de produción de leite. “Nin todo ten que ser produción en intensivo nin todo en extensivo, nin todo ten que ser leite ecolóxico nin todo convencional, porque hai demanda do consumidor para distintos tipos de produto: leite convencional, ecolóxico, de proximidade, de benestar animal, de pastoreo”, detalla, pero “todas deben estar suxeitas a unha normativa ben contrastada coa que sexamos capaces de garantirlle ao consumidor sen ningún tipo de dúbida a trazabilidade deses produtos”, defende.

O leite ecolóxico ten 20 anos de vida e é o único recoñecido pola Unión Europea, que o regulou no ano 1991 (Regulamento CEE 2092/91). Conta con organismos oficiais de certificación, no caso da nosa comunidade, o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) e a normativa é igual de esixente para todos os países da UE. O 1 de xaneiro de 2021 entrará en vigor o Regulamento UE nº 2018/848, que substituirá aos actuais Regulamentos CE nº 834/2007 e 889/2008.

O primeiro leite ecolóxico, o único distintivo que conta con recoñecemento por parte da Unión Europea, empezou a produciuse en Galicia fai 20 anos

O resto de etiquetas, tanto o leite de pastoreo como o de benestar animal, están supervisadas por entidades privadas (por exemplo AENOR) para verificar que cumpren cunha serie de estándares autoimpostos polas distintas marcas, pero carentes polo momento de regulación por parte da administración.

Diferenzas en canto ao número de días que pacen as vacas

Para que unha explotación poida producir leite ecolóxico, ademais doutras esixencias, as vacas deben ter os 365 días do ano libre acceso ao pasto, que debe pertencer á propia explotación e estar libre de herbicidas e pesticidas, e a carga gandeira máxima é de dúas cabezas por hectárea. No leite de pastoreo, sen embargo, o número de días que as vacas deben saír ao exterior redúcese e é cada marca a que fixa a súa propia cifra: 150 días coa obriga de paceren cando menos 5 horas en cada unha desas xornadas no caso de Leite Celta e 120 días cun mínimo de 6 horas diarias no caso de Larsa. A limitación no número de animais tamén é máis laxa: 2,5 vacas por hectárea nos dous casos.

Aínda que nos últimos anos, animados polo incremento do prezo ao que as industrias pagan o leite ecolóxico, foron moitas as ganderías de leite que en Galicia decidiron pasarse á produción ecolóxica (das 40 explotacións inscritas no ano 2015 pasouse a 80 en 2016, 96 en 2017 e 109 en 2018), o leite ecolóxico representa na nosa comunidade menos do 1% do leite total producido, unha cifra moi inferior á doutros países como Francia (4%).

No caso do pastoreo, este xeito de alimentar as vacas leiteiras foise perdendo en Galicia a medida que aumentaba o número de cabezas por explotación e o seu nivel de intensificación, manténdose en moitos casos ligado á produción ecolóxica. Noutros países, como en Holanda, onde o pastoreo das vacas de produción leiteira é obrigatorio por lei desde este ano, o 82% das granxas botan a pacer as súas vacas, unha práctica que se ve recompensada cunha prima de 1,5 céntimos por litro de leite.

Una idea sobre “A Xunta regulará o leite de pastoreo e dará axudas para instalar colares GPS ás vacas

  1. Fran

    En primer lugar dicir que no meu caso estas medidas seguramente que me beneficien. En segundo lugar tamen seria interesesante estudiar a posibilidad de poñerlle o colar gps a eles.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información