A Xunta destina 3 millóns de euros para a reestruturación e reconversión de viñedos

Subvencionarase a replantación de viñas, a reconversión varietal e a mellora das técnicas de xestión do viñedo. A orde das axudas publicarase proximamente e busca incrementar a profesionalización do sector

Publicidade
A Xunta destina 3 millóns de euros para a reestruturación e reconversión de viñedos

Poderán acceder a estas axudas os viñedos nos que se replanten viñas.

A Consellería do Medio Rural destinará este ano 3 millóns de euros para os plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia, logo de ser ratificada a proposta no Consello da Xunta desta semana.

O obxecto da liña de achegas é aumentar a competitividade dos produtores vitivinícolas, mellorar os sistemas de produción sustentables e a pegada ambiental deste sector produtivo. Así, preténdese diminuír os custos das explotacións e apostar polo seu redimensionamento ao levar a cabo reaxustes estruturais. Tamén buscan fomentar a adaptación das variedades ás demandas do consumidor, ao tempo que se preservan as viníferas autóctonas galegas, de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación no mercado.

Poderanse beneficiar destas axudas os viticultores inscritos no Rexistro Vitícola cuxas viñas se destinen á produción de uva para vinificación, cunha superficie máxima subvencionable de 20 hectáreas por persoa viticultora. Estas achegas aplicaranse ás superficies vitícolas onde se leven a cabo operacións de replantación de viñas, reconversión varietal ou melloras das técnicas de xestión dos viñedos.

Os viticultores fixarán o seu propio calendario de execución (anual ou bienal) e poderán solicitar un anticipo de ata o 80% da axuda

Cabe recordar que cada viticultor deberá seleccionar o seu propio calendario de execución, escollendo entre unha execución anual ou bienal. Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata un 80 % da axuda aprobada, no caso de que precisen efectuar pagamentos inmediatos dado o investimento proxectado, sempre e cando constitúan unha garantía por un importe cando menos igual ao do pagamento anticipado.

Como sinalan dende Medio Rural, con estas axudas búscase aumentar o grao de profesionalización do sector vitícola galego, ao tempo que se potencia a remuda xeracional e un desenvolvemento rural socialmente viable facilitando o acceso ás explotacións de persoas viticultoras mozas e capacitadas, en particular das mulleres viticultoras de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información