O Colexio de Enxeñería Forestal garante a súa continuidade

Unha xunta xestora vén de asumir a súa xestión de iniciar o proceso para a elección dunha nova xunta de goberno

O Colexio de Enxeñería Forestal garante a súa continuidade

O Colexio Profesional da Enxeñaría Forestal de Galicia (COETFG) celebrou unha asemblea, que contou con case un cento de profesionais colexiados de toda Galicia representados, na que nomeou unha xunta xestora. Para iniciar o proceso presentouse unha candidatura completa, que recibiu o respaldo unánime dos participantes e que ten como obxectivos: devolver a plena operatividade á entidade e organizar o proceso electoral para elixir xunta de goberno o antes posible. O equipo que conforma a xunta xestora está formado por tres enxeñeiras e dous enxeñeiros, que non estiveron anteriormente na dirección. Tamén contan con persoas voluntarias como suplentes, por se fose necesario.

Na actualidade, o colexio está formado por máis de seiscentas enxeñeiras e enxeñeiros e dende 1997 está funcionado como un colexio autónomo e desvinculado do Colexio con sede en Madrid e do Colexio Catalán. Segundo explican, isto permitiu proporcionar ás persoas colexiadas numerosas vantaxes á hora de desenvolver o seu traballo diario, ao participar de forma directa na elaboración da lexislación autonómica e nos plans de desenvolvemento rural e medio ambiente, ademais de ofrecerlles apoio directo e personalizado.

O portavoz da xunta xestora agradeceu a resposta recibida e sinalou que é unha “mostra clara do apego” que o colexio conseguiu crear entre as e os enxeñeiros forestais. Quixo transmitir tranquilidade adiantando a súa intención de dar continuidade a este proceso transitorio, presentando unha nova candidatura na seguinte fase legal. Tamén animou á presentación de máis candidaturas, como “mostra da boa saúde” que ten a masa social deste colectivo, que é tan importante no sector medioambiental e forestal de Galicia.

Un colectivo clave
“Os enxeñeiros forestais están implicados na maior parte dos procesos técnicos que teñen que ver co medio ambiente e o medio rural de Galicia, sendo o colectivo que mantén un contacto máis estreito e directo cos propietarios forestais e as súas asociacións, así como coas distintas administracións, empresas de servicios e actores do sector forestal – industria”, destacan.

Poñen de manifesto que tamén son claves na tramitación de axudas da Unión Europea que proveñen dos fondos FEDER e NextGenerationEU, e conforman un elemento catalizador e estratéxico no desenvolvemento do Plan forestal de Galicia 2021 – 2040 e no proceso de descarbonización para acadar a neutralidade climática en Galicia antes do ano 2050.

“A profesión sen dúbida vive un momento de enorme desenvolvemento, cunha amplitude de ámbitos profesionais que superan con creces a outras enxeñarías ou grados, o que fai imprescindible contar cunha entidade que, de xeito responsable e comprometido, agrupe, defenda e apoie os intereses das e dos profesionais”, indican.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información