Amplíanse as axudas para traballos silvícolas en bosques de carballos e castiñeiros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se modifica a dotación orzamentaria da orde de axudas para accións silvícolas dos montes galegos, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. Con esta ampliación de crédito increméntase en 600.000 euros a consignación orzamentaria inicial, pasando a dispoñer de algo mais de 10 millóns de euros para traballos silvícolas dos montes galegos.

O orzamento desta iniciativa está bianualizado para asegurar a necesaria continuidade na actividade das empresas do sector forestal. Cabe lembrar que, segundo os datos da Asociación de Empresas Forestais de Galicia (Asemfo), a execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas supón a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo.

Dúas liñas de axuda

Estas subvencións van orientadas á prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais. Para acadar estes obxectivos, establécense dúas liñas de axuda.

Por un lado, achegas para a prevención, que contemplan rareos, rozas e podas en masas de coníferas, así como accións preventivas dos danos causados nestas mesmas masas por enfermidades fúnxicas defoliadoras. Tamén se inclúen rozas en masas de piñeiro que conten con instrumentos de ordenación ou xestión forestal.

Por outra banda, as axudas son tamén para realizar tratamentos silvícolas (rareos, desmestas, podas, cortas de formación, rozas e outros), así como plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculadas ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques que non teñan carácter produtivo. O incremento orzamentario de 600.000 euros está vinculado a sufragar os custos desta última liña, para tratamentos silvícolas de masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras con diámetro normal medio inferior a 30 centímetros. Inclúese a roza, a formación de guías e poda, así como a selección de abrochos e os rareos. Tamén se destina o financiamento dos custos de rexeneración emellora de soutos de castiñeiros.

Enlace á orde no DOG

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información