O Consello da Xunta vén de coñecer hoxe a próxima orde de axudas da Consellería do Medio Rural para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas de agricultores mozos e para o desenvolvemento de pequenas explotacións, que contarán en 2023 cun orzamento de 38,8 millóns de euros, unha cifra lixeiramente superior aos 37,5 millóns de euros que se destinaron neste ano. Estas subvencións pertencen ao Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
A liña de incorporación de mozos está integramente financiada co instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI), mentres que as outras dúas liñas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento
Rural (Feader).
En concreto, a partida asignada para sufragar investimentos en explotacións agrícolas (os coñecidos como plans de mellora) é de 20,5 millóns de euros; para a incorporación de mozos ao agro destinaranse 16,5 millóns de euros e, por último, para o desenvolvemento de pequenas explotacións haberá 1,8 millóns de euros.
Exención da achega de garantías para os beneficiarios das axudas de incorporación
Ademais, no marco desta orde de axudas para o 2023, o Consello da Xunta tamén aprobou a exención da achega de garantías para os beneficiarios da liña correspondente á creación de empresas para as persoas agricultoras mozas.
Así, os solicitantes que reciban axuda para incorporarse á actividade agraria só estarán obrigados a verificar a conformidade do seu plan empresarial, sen ter que presentar unha garantía do 100 % do importe a aboar no pagamento a conta nin verse sometidos a controis a posteriori. Así, a axuda terá carácter de pagamento a tanto alzado e concederase pola execución do plan empresarial ou plan de negocio que terá unha duración de 24 meses.