O sábado 4 de novembro terá lugar no centro sociocultural de Paradela unha xornada divulgativa sobre o Espazo Natural de Interese Local (ENIL) Loio Ruxidoiro. Na cita abordaranse os valores naturais e patrimoniais que se atopan dentro do propio ENIL, así como as iniciativas de xestión conxunta para a súa posta en valor.
A xornada conta con tres bloques temáticos. O primeiro céntrase nos valores naturais e patrimoniais que caracterizan e dan valor ao espazo. Neste estarán presentes as persoas que formaron parte da elaboración do documento de xestión e na realización dos estudos específicos de flora e fauna do ENIL.
No segundo trataranse as figuras de xestión conxunta do territorio que actualmente se están constituíndo nas inmediacións do ENIL. Actualmente está en proceso de constitución un Polígono público para recuperar e aproveitar as antigas viñas, todo elo baixo o soporte técnico e administrativo da Lei de Recuperación de Terras Agrarias de Galicia. Así mesmo, cóntase cunha Agrupación Forestal de Xestión Conxunta coa que se pretende poñer en valor parte dos soutos centenarios presentes no espazo. Nesta quenda, falarán os axentes implicados na creación e constitución destas figuras.
Para finalizar, haberá exemplos inspiradores para a xestión deste espazo natural. Estarán profesionais do sector da castaña e do viño que falarán sobre como foron os seus comezos, facendo un paralelismo co estado actual dos terreos que forman parte das iniciativas de xestión presentes a día de hoxe no ENIL.
Cabe destacar que o ENIL Loio Ruxidoira é un espazo de interese natural que transita a ambas marxes do Río Loio (Paradela) e está composto maioritariamente por vexetación autóctona, entre a que destacan carballos, soutos centenarios e bosques de ribeira. Conta coa presenza dunha gran variedade de especies animais e vexetais inherentes a este ecosistema natural e un patrimonio etnográfico que permite identificar a forma na que antigamente as comunidades interactuaban co seu entorno natural.
Por todo iso, este espazo foi declarado como de “Interese Local” o 22 de febreiro de 2013. Esta declaración implicou a adopción dun plan de xestión e conservación e o Concello de Paradela, como entidade xestora do espazo, contou coa colaboración da empresa de Consultaría e Enxeñaría Ambiental FORESIN, que ademais, se encarga de xestionar o programa de divulgación sobre os valores do ENIL, dentro do cal se encadra a xornada divulgativa.
A participación na xornada será aberta e todas as persoas asistentes contarán cun pequeno almorzo a media mañá. Pola tarde, se o tempo o permite, levarán a cabo un pequeno roteiro polo interior do ENIL. Para a correcta organización e xestión do evento, é preciso anotarse a través de informacion@foresin.es ou chamando aos teléfonos 611 41 35 82 ou 680 20 83 20.